#soñodunhanoitedeveran
Explore tagged Tumblr posts
praza-teatro · 8 years ago
Text
CROMATISMO, FESTA E DESACOUGO EN SOÑO DUNHA NOITE DE VERÁN, DE VOADORA. Por Ana Abad de Larriva
O venres 10 de marzo de 2017 presentouse Soño dunha noite de verán, da compañía Voadora, no Auditorio Municipal de Vigo. A peza, dirixida por Marta Pazos , na versión de Marco Layera da obra homónima de William Shakespeare, enfronta o risco que sempre supón adaptar un clásico; neste caso non coa vontade de refacelo, senón coa de actualizalo, algo que xa fixera Voadora con A tempestade.
Tumblr media
O público agardaba no vestíbulo, xa que se indicara que era a propia compañía a que o ía convidar a entrar no teatro. Ábrense as portas e recíbennos moi agarimosamente actrices e actores vestidos con traxes de noivas, situados nos corredores e entre os asentos do público. Diego Anido está no escenario, amenizando o momento, cantando Unchained Melody, como se estivésemos nun banquete de vodas, nese intre en que os noivos e/ou noivas van saudar máis persoalmente os convidados. As noivas soben ao escenario, formando un coro, e prodúcese unha transformación mediante o travestismo dunha das actrices vestidas de noivas, Andrea Quintana, a Lisandro.
Nesta montaxe, a pesar de que subxace a historia shakespeariana –aínda que con cambios–, e que algúns actores manteñen o nome dos personaxes aos que interpretan, a dramaturxia ten moitísimos elementos e recursos do teatro posdramático, e incorpora a identidade de xénero como tema central, así como outras cuestións de grande actualidade. Os actores interpretan personaxes a partir de si mesmos dende un simulacro continuo, destacando os efectos cómicos que funcionan moi ben creando ritmo por repetición con variación de elementos característicos de cada un dos personaxes: o riso sonoro de Titania, a concupiscencia e o xeito de baterlle aos seus amantes no cu; o recurso da luva para materializar o poder da maxia que Oberón/Borja Fernández lle dá a Puck/Hugo Torres…
A comicidade e a parodia desenvólvense en toda a obra grazas á capacidade cómica de gran parte dos intérpretes, en textos moi actuais de creación colaborativa por parte dos propios actores, e a través da creación de ritmo por aparicións sorprendentes, como a entrada de Hugo Torres espido cunhas zapatillas deportivas coa goma fluorescente ou a secuencia na que aparece tocando e cantando unha canción ao ukelele; ademais de todo tipo de gags. Hai textos que resultarían dunha grande carga dramática, especialmente entre Helena –Anaël Snoek– e Demetrio –Diego Anido–, que nesta montaxe dísenos que están casados e teñen un fillo, mais que polo ton e polo xeito en que os expresan, producen riso, volvendo absurdo e ridiculizando o polémico.
Tumblr media
Soño dunha noite de verán recolle elementos que xa son característicos da compañía, como o emprego que fai da música, os recursos cómicos que provocan que a obra sexa amena e se achegue ao espectador; a vontade de referirse á maxia, o amor e o mundo dos soños… Hai hibridación de xéneros: música en directo, danza, clown, parodia dun combate de loita…. Os diferentes elementos xogan ao mesmo nivel de importancia que os actores: os efectos de luz –co seu versátil cromatismo– e de son na peza son magnéticos, axudan aínda máis a acentuar a fonda plasticidade que desborda a peza, e, de cando en cando, a crear certo desacougo que contrasta e se mestura moi ben co ambiente lúdico e sensual. Preséntase tamén xogo metateatral a varios niveis, algo que xa destacaba na obra orixinal, e hai un contraste entre os textos clásicos e os textos contemporáneos; así como entre as intervencións de Anaël en castelán, co resto, que son case todas en galego, e a súa figura etérea, que remite ao mundo das fadas, que contrasta coa dureza do seu discurso.
Tumblr media
É moi atraínte o movemento de Andrea Quintana cando é enfeitizada, e tamén o de Janet Novas, que ofrece un momento fermosísimo de danza coas teas do seu vestido de noiva. Moitas secuencias relaciónanse morfoloxicamente mediante a repetición con variación a partir de movementos que debuxan diferentes traxectorias no espazo por parte dos actores, o orixinal xeito en que o bosque aparece e se transforma mediante o emprego de mochilas cunha especie de fentos dentro, a figura dos ollos que observan o que acontece en escena, como unha prolongación de Borja Fernández…
A atmosfera é cambiante, e remite a pasar de estarmos nun bosque, a nunha discoteca, cando José Díaz canta que “somos sacos de hormonas”; nun videoclip, na escena do banquete, na que Titania baila co coro ao seu redor, e remata deitándose co ser con cabeza de burro; ou a medias entre un soño e un pesadelo, grazas, tamén, como xa se indicou, aos movemento, aos sons, desacougantes neses momentos, e á iluminación.
           Logo dunha secuencia intensísima, do combate entre os actores facendo simulacro, acentuada polos fortísimos golpes de luz, o contraste entre o movemento e a retardación e suspensión do mesmo; prodúcese un corte abrupto da secuencia, facéndonos espertar do soño da noite de verán e volvendo á vixilia; abandonándose o simulacro mediante a fermosa e sincera intervención da actriz Paris Lakryma, compartindo o seu testemuño sobre a transexualidade.
Tumblr media
Ficha artística:
Dirección : Marta Pazos.
Versión de Marco Layera a partir da obra de William Shakespeare. Tradución de Manuel Cortés.
Intérpretes: Diego Anido, Areta Bolado, José Díaz, Borja Fernández, Paris Lakryma, Janet Novás, Andrea Quintana, Anaël Snoek, Hugo Torres.
Outros textos: Diego Anido, Borja Fernández, Paris Lakryma, José Díaz, Carolina de la Maza, Anaël Snoek.
Iluminación: Rui Monteiro. ·Escenografía: Marta Pazos ·Música: José Díaz e Hugo Torres. Movemento: Alexis Fernández, Maca. Estilismo: Fany Bello. Atrezzo: Olalla Tesouro. Sastra: María Villas con Maravillas Atelier. Deseño uniforme rosa: Melania Freire. Son: David Rodríguez. Xefe técnico: Iván Casal. Apoio á dramaturxia: Guillermo Weickert. Axudante dirección: Gena Baamonde. Asistente de adaptación: Carolina de la Maza. Auxiliar de dirección: Rita Grangeia. Auxiliar de produción: Carmen Juanatey. Axudante de produción: Liza G, Suárez. Imaxe CoRtarcabezas Collages. Comunicación: La Locomotora. Distribución internacional: Carlota Guivernau. Produción técnica: Hugo Torres. Produción e distribución: José Díaz.
Lugar: Auditorio Municipal de Vigo.
Data: Venres, 10 de marzo de 2017.
As fotografías son de Tamara de la Fuente/Voadora. A imaxe é de CoRtarcabezas Collages.
 * Ana Abad de Larriva, estudou xornalismo. Actualmente é alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
 Supervisión e coordinación: Afonso Becerra de Becerreá.
0 notes