#robertocasal
Explore tagged Tumblr posts
Text
SOME EXPLICIT POLAROIDS. OBRADOIRO DA ESAD DE GALIZA. Por Afonso Becerra de Becerreá
Emocionarse, sentado na butaca dun teatro, non é fácil. Menos aínda cando se trata de emocións complexas, nas que se mesturan sentimentos econtrados, vinculados a situacións dramáticas, desas que, por incribles que poidan parecer, chegan a tocarnos e a reflectirnos en certo modo.
Por exemplo, o sorriso amargo ante o desmadre necesario para sobrelevar a soidade en compañía; a tristura irada ante a incapacidade para afianzar compromisos e fronte ás ansias tolas e aos desvaríos na busca do amor; o compunximento e a sorpresa, cando descubrimos as cadeas das dependencias emocionais; a tensión da expectativa fronte ás angueiras de segundas e terceiras oportunidades para cambiar, para intentar coller o camiño da felicidade.
Todo isto, do que falo, describe un pouco o que hoxe me aconteceu na Sala Pedra Seixa da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Galiza, vendo Some Explicit Polaroids, un Obradoiro de 4º curso de Interpretación, guiado pola profesora de Interpretación Mariana Carballal e polo profesor de Dirección escénica e dramaturxia Dani Salgado.
Un espectáculo de 2 horas de duración no que Xabi Queijeiro, Ana Ribet, Fran Nogueira, Artur Abad, Roberto Casal e Alba Nogueira, fan un traballo actoral que resintoniza, aquí e agora, na Galiza de 2018, aos mozos e mozas que protagonizaban aquelas polaroids, tan descorazonadoras como efusivas, de finais dos anos 90, de Mark Ravenhill.
Cando asistín a Unes polaroids explícites no Teatre Lliure, no ano 2001, dirixida por Josep Maria Mestres, fiquei impresionado. Hoxe, cun elenco formado por alumnado de 4º curso da ESAD de Galiza, actrices e actores noveis, volvín ficar impresionado con esta peza.
A escolla do texto, por parte dos profs. Mariana Carballal e Dani Salgado, é un acerto porque, aínda que os persoanxes de Ravenhill pertencen a dúas xeracións, as idades non abren grandes distancias, respecto ás das actrices e actores, como para seren interpretados desde unha convicción actoral singularizada. E os conflitos e situacións de precariedade persoal e falta de estabilidade, despois da crise, volven a sernos próximos.
Xabi Queijeiro fai un Nick que quere amar e reintegrarse, que busca outra oportunidade, despois de saír do cárcere. É alguén que acepta, sen xulgar, aos demais, pero que se posiciona en contra dos maltratadores.
Ana Ribet fai unha Helen, a concelleira, que busca o equilibrio en cada paso e que se amaña para ir convalidando as concesións que, ás veces, necesita facer.
Fran Nogueira está espledoroso en Tim, un elegante viva la vida, hedonista e aparentemente desafectado, que abandona a medicación contra o VIH, farto xa do culto a un mundo feliz.
Artur Abad consegue facer unha renovación traxicómica do estereotipo da marica loca, a través do personaxe de Víctor. Un inmigrante ruso, gogó e chapero, que só parece valorar a beleza do corpo e que, finalmente, amosará o seu desvalemento na busca do amor de Tim.
Roberto Casal fai un Jonathan que persegue saldar contas e mellorar as súas inexistentes relacións persoais.
Alba Nogueira actúa unha Nadia dependente, ligada, para non sentirse soa, a un amante que a maltrata e unida, nunha complicidade existencial, ao seu amigo Tim. Pero Tim morre e aí ela decide cambiar e non aturar máis dependencias, nin sequera o amor, aprentemente salvífico, que lle promete Nick.
No espectáculo as transicións son fluídas, con movemento de todo o elenco para os cambios dos dispositivos escénicos básicos que sitúan os espazos da acción. Sempre hai algunha actriz ou actor facendo de DJ, poñendo música incidental, ou pinchando temas que afondan no sentido das escenas.
Estes momentos musicais oxixenan, co seu contraste, as escenas dialogadas, desde a presentación inicial. Alba canta varios números, o introdutorio do espectáculo, que nos axuda a entrar no ton da peza, e outro, acompañada á guitarra acústica por Artur, cando os seus personaxes se despiden ante o cadáver de Tim, achegando aquí unha maior fondura emocional. Fran tamén canta e baila, para ironizar, para quitar ferro, para relativizar e desacralizalo todo.
Estes números musicais intégranse nas situacións dramáticas aumentando a empatía nalgunhas, ou extendendo un contraste festivo e humorístico noutras.
Estas polaroids transitan por momentos desbordantes, que raian no posdramático, como a festa orxiástica entre Tim e Víctor, pero tamén recalan en zonas de austeridade situacional dramática.
As actrices e os actores nunca perden o ton e son capaces de lanzarse a eses momentos climáticos con desenvoltura, sen impostura nin ruído.
O resultado é unha peza na que a axeitada articulación dramatúrxica e interpretativa fan que actrices e actores noveis resulten convincentes e nos emocionen, facéndonos entrar nesas polaroids. Unhas polaroids que son explícitas porque nelas os personaxes sempre acaban espíndose e amosando ese lado menos exitoso e menos compracente.
E hoxe, 21 de marzo de 2018, Día Internacional da Poesía e día tamén da gala dos Premios María Casares, festa do teatro galego, eu celébroo desde a Sala Pedra Seixa da ESAD de Galiza, contento de ter asistido a un obradoiro de 4º curso que certifica un futuro moi prometedor para as nosas artes escénicas.
#esadgalicia#marianacarballal#dani salgado#teatro#teatrogalego#xabiqueijeiro#anaribet#frannogueira#arturabad#robertocasal#albanogueira#Afonso Becerra de Becerreá
0 notes