#microspectivasdunmaricamillennial
Explore tagged Tumblr posts
Text
CONVERSA CON… DAVIDE GONZÁLEZ, a raíz de MICROSPECTIVAS DUN MARICA MILLENNIAL. Por Iván Fernández
A proposta de conversar con Davide González (Mos, 1991) xorde logo de ver as Microspectivas dun marica millennial coa que Incendiaria prendeulle lume a unhas das xornadas de despedida da sala Ingrávida no Porriño. Fascinado pola súa fera honestidade e a luz da purpurina, precisaba saber máis da orixe do primeiro espectáculo galego coa palabra maricano seu título e do home que a (re)presenta.
Como foi o teu primeiro contacto co teatro? Comecei no 2010. Eu estudara música no Conservatorio e, no bacharelato, un profesor de latín díxonos a unha compañeira e a min (que sempre saíamos voluntarios onde había oportunidade de facer algo creativo) que abrira a ESAD e que fixéramos as probas e alí fomos, fixémolas e chuculú! entramos. Así que o meu primeiro contacto con teatro foi na Escola e foi unha marabilla. Eu estaba acostumado a tocar o saxo, nunha orquestra, e estaba acostumado ao espectáculo… pero dependía dun instrumento. Entón, decatarme de que o meu propio instrumento é o meu corpo, foi unha marabilla. E cando descubriches iso? Pois no primeiro ano xa, con movemento expresivo, expresións corporais… despois, con clases de voz, descubrir que hai mogollón de posibilidades que non sabías que estaban aí, e crer no que de repente vas atopando. Vaste dando conta de que tes un instrumento marabilloso, que é o teu propio corpo. É este descubrimento o que máis te levas da túa estadía na Escola, ou hai algo máis? Da Escola lévome… Pois mira, lévome o ter coñecido a Vanesa (Sotelo). Diso temos que falar! Como a coñeciches? Eu chameina para o proxecto final de estudos. Eu traballaba con Bea Campos contando contos, e ela traballara no proxecto final de carreira de Vanesa, que se chamaba Kamouraska, e esa foi a primeira peza que eu vin cando entrei na Escola. Entón, cando chegamos a cuarto curso, buscando textos, apareceu o texto de Vanesa, Memoria do incendio (XIII Premio Josep Robrenyo de textos teatrais) e eu pedinlle a Bea se me podía pasar o teléfono de Vanesa, e chameina. Quedaras impresionado polo traballo. Si, a min o de Kamouraskagustárame mogollón. E fixemos a montaxe de Memoria do incendio, con ela como directora. Pero o máis bonito foi o grupo que se formou aí. Ese grupo era xa Incendiaria? Non, pero de aí nace. Por que, Incendiaria? Que é o que está ardendo? Penso que estamos un pouco buscando incendiar coas propostas, que poidan remover, incendiar ao espectador ou espectadora que as ve e espertar algo neles. Claro, mirando cara ao espectáculo de Microspectivas…, dende logo aí hai lume. Hai algo que arde no escenario, cando menos moitos clixés. De onde parte esta peza para ti?Parten da memoria e da infancia… Non te me poñas serio…Non, non, o certo é que parten de aí. Eu tiven unha relación con dúas persoas, que se chaman Martín e Luís. Un día empezamos a falar da infancia e de como había fotografías nosas con posturas, maneiras de estar e de habitar o mundo, que de repente eramos conscientes de que as reprimiramos ao longo dos anos… por supervivencia. A raíz de aí eu empecei a ter máis contactos coa teoría queer, co movemento LGTBI… con ser consciente de quen son eu, como habito o mundo e a que lugar pertenzo, no sentido de coñecer a historia do meu colectivo. Foi unha procura de referentes, de decatarme de que non se ensina nada disto nas escolas… De decatarme de que a min me faltan referentes do meu propio colectivo. Dende aí, tirar de e asumir a memoria, de cando eu era pequeno, de que pasaba, de cal foi o meu contexto, das situacións que eu tiven que cambiar ou modificar para encaixar ou para evitar ser ridiculizada. O que queriamos era poñelos enriba da mesa e pensar que hai que facer algo con iso. Nesa procura, que referentes atopaches, significativos para ti? Se non me equivoco, un dos primeiros foi Roberta Marrero, co seu libro We Can Be Heroes, no que precisamente ela fala da súa infancia e fai retratos dos seus referentes. Despois, Paco Vidarte, con Ética marica, no que falaba de que quería que ese libro fose coma un interruptor. Logo, Sylvia (Rivera), Marsha (P. Johnson), descubrir quen eran. Todo o mundo do vogueing, a subcultura norteamericana doball roome das familias… Sobre todo porque levaba tempo dándolle voltas ao tema da maternidade. Da maternidade. Si. Despois de facer a Memoria do incendiocon Vanesa no 2014, quixemos seguir mantendo un grupo de traballo. Claro, porque definides a Incendiaria como unha “plataforma artística”, que é isto? Si, unha plataforma na que as persoas que formamos parte daquel primeiro proxecto, puideran ter cabida para presentar proxectos propios. Por iso pensamos en plataforma, aínda que agora non sei se segue sendo plataforma ou máis compañía. Xa, iso tamén evoluciona. Si. Entón, quixemos seguir mantendo o contacto, e facer un laboratorio. Estivemos un ano investigando maneiras de abordar o personaxe dende o corpo, a voz… investigando sobre as accións, a duración das accións, o seu significado en escena… e fixemos unha proposta, que se chamaba Contramateria, centrado no traballo dos tempos e das accións. Que presentamos alí, en petitcomité. Que interesante. Parece que, a parte das escolas, non hai espazos onde poder facer este tipo de investigacións. Si. E nese laboratorio, eu comecei a desenvolver unha fixación coa maternidade. Coincidiu cun momento no que saíra unha nova no que un home transexual quedara embarazado. Despois topei co cabaliño de mar, no que é o macho o que dá a luz. Tamén a figura de Lilith, como a “primeira muller”. Ou as familias dos ball rooms, nas que calquera pode ser “nai”. E esas cousas, aparecen un pouquiño, de novo, nas Microspectivas. E no local? Atopaches referentes máis cercanos? Non, o certo é que non. Si que había xente que eu podía considerar, entón, como referentes. No mundo da verbena? Si. Homes, que subían ao escenario vestidos de mulleres. Pero era para facer rir. Dende o meu punto de vista de agora, non os podo considerar como referentes. Sen embargo, nas Microspectivas… hai moita verbena. Igual non impregna a súa filosofía, pero si outros aspectos. Si, claro. É que eu comecei na verbena aos 14 anos, foi moito tempo. Xusto a deixei cando comecei na Escola. É curioso. Eu saio das Microspectivas… cunha sensación de liberdade. É como volver a saír do armario, dalgunha maneira. Unha sensación de reconciliación con vivencias… obviamente alleas, porque son túas, pero que dalgún xeito as facedes comúns, para todo o público. Eu tamén, cando remato a función, sinto que estou nun lugar que me encanta. Cando comezamos o proceso, Vanesa e máis eu falabamos moito, de moitas cousas, de cómo poder trasladar todo isto que pasaba por aquí (tócase no peito) e que non fose fachenda. Ter esas conversas axudou a que os puntos propios puideran ser tamén comúns. Eu penso, poñendo algo meu, que ten que ver coa dignidade coa que falades das cousas. Ti falas da túa verdade e falo dun xeito digno, respectado polo resto do equipo. E iso é unha liberación para ti, que se comunica como unha liberación para nós (xs espectadorxs). Si que é certo que ao longo deste ano, e ao longo do proceso de creación, ao ser consciente de moitas cousas, de súpeto comecei a estar máis seguro de min mesmo: de como estou, de como habito, de como son, de como fago. Canto tempo foi esa elaboración? Pois mira, comezamos o ano pasado, nas Residencias Paraíso. O que non sei se te decatas é de que agora es ti o referente. Ah, non creo! Historicamente é o primeiro espectáculo galego que pon a palabra “marica” no seu título. É verdade. Como sería levar esta peza polos colexios, insitutos…? Pois, é unha cousa que nos interesa. De feito, para o día da estrea tiñamos pensado convidar a xente que está na rede de ensino LGTBI, para coñecer o seu punto de vista e saber se sería interesante para levar a colexios. E entón, que acontece agora que ti es referente? Pois se a alguén lle axuda e a alguén lle sirve, marabilloso, porque eu non o tiven. Sería sentirme un pouco “mamá”. Sería bonito. Si. É así, un decide poñer un título, e marca historia. Non o pensara. Cando llo presentei a Vanesa, tiña “retropectivas”, e foi Vanesa a que falou de “microspectivas”, por falar do “micro”. E despois o de “marica” porque a palabra estaba aí, collendo sentido. Descubrín que foi un empoderamento, cando fas propio o que ata entón era un insulto. E “millennial” porque o son. Haha. Que che dá o teatro? Co teatro eu descubrín cal é o meu interese, en que me quero centrar. A concepción da arte do teatro tal e como estamos facendo Vanesa e máis eu. Como habitar a escena dende unha mesma, e como falar dende unha mesma. É onde teño o meu punto, agora mesmo. É algo que me levo, tamén da Escola, grazas ás clases de corpo con Alicia Corral, que nos dicía que quería facer actrices e actores creadores. E eu quedei con iso.
O certo é que a conversa deu para moito máis: para falar de música e a súa faceta de compositor, de outros espectáculos, de proxectos futuros, da súa chegada ao eido profesional e os primeiros pasos, da familia e da importancia de mostrarse tal e como un é… Mais se cadra, iso quedará para outra Conversa con…
Fotos de Laura Iturralde.
(Coordinación do blog O GALIÑEIRO: Afonso Becerra de Becerreá)
#davidegonzálezlorenzo#Vanesa Sotelo#ivanfernandez#microspectivasdunmaricamillennial#teatrogalego#teatrocontemporaneo#lgbtq#galizacuir
0 notes
Text
MICROSPECTIVAS DAS MICROSPECTIVAS DUN MARICA MILLENNIAL. Por Samuel Merino
O pasado dezanove de xuño, a Cía. Incendiaria trouxo á Sala Ingrávida do Porriño as súas Microspectivas dun marica millennial. Un traballo de creación persoal de Davide González onde, co papel esencial da batuta da súa directora Vanesa Sotelo, o actor mosense nos amosa a importancia desas viaxes interiores e continuas que as homosexuais nos vemos obrigadas a emprender nunha sociedade que pretende negar e anular a nosa identidade.
Nos tempos que corren é case imposible non reflexionar paralelamente sobre esta peza e sobre a realidade na que vivimos e na que, con máis pesar que optimismo, non vexo, por ningures, ningún mérito para esa calificación de “nova”.
As Microspectivas de Incendiaria falan do pasado e falan das pegadas que, do pasado, quedan no presente.
Falan da necesidade de se deconstruir para se facer a unha mesma dun xeito novo e, se non novo, alomenos si máis auténtico e verdadeiro; algo que, sen dúbida, poderiamos estar facendo todas agora mesmo tomando o recente confinamento como punto de inflexión - malia que non sexa así-.
Porque todos os cambios, cando van á raíz das cousas, dan medo, moito medo. Un medo que, fóra de toda dúbida, Davide soubo vencer para poder facer o camiño -o seu, o propio e intransferible- para saír dunha realidade monocromática e se mergullar nas augas policromáticas que xorden do prisma da diversidade.
No Elogio de la homosexualidad que lin recentemente, o seu autor, Luis Alegre -facendo gala do seu apelido- di que as homosexuais somos unhas privilexiadas xa que nos vemos obrigadas, como pezas que non encaixan no puzzle, a vernos sempre dende fóra e analizar a nosa situación dende a incomodidade; a racionalizar o xogo, tan irracional, de pezas que encaixan en moldes prestablecidos.
Este privilexio -di o autor- é un privilexio que non posúe o hetersosexual medio que encaixa á perfección no molde que o sistema prepara para el e non sente esa incomodidade que lle fai remexerse.
Seguramente, a primeira parte do traballo de Incendiaria do que estamos a falar non amose, senón, esa deconstrución persoal na que Davide se encarna no seu saxo; ese remexerse de pura incomodidade; ese querer desfazernos dunhas roupas que non van connosco. Que non son da nosa talla. Que non son do noso gusto e non nos permiten movernos coa liberdade que precisamos, as que temos que estar enfrontándonos sempre a danzar unha danza que non é a que queremos danzar.
Falo dunha primeira parte, porque dende a miña “microspectiva” persoal, observo dúas partes claramente diferenciadas atravesadas por unha transición constante e permanente na que o protagonista vai desfazendo a escena na que aparece, para construir a que precisa para facer o que lle peta.
Falo, entón, de dúas partes e dunha transición na que Davide González se move coma un peixe na agua. Con demasiada memoria (demasiada para un ser da súa especie) para facelo sen pesos mortos, mais coa memoria necesaria para poder facelo.
As transicións, compañeiro, ás veces son fodidas.
Microspectivas é unha Paisaxe rural que o escenógrafo Carlos Alonso logra converter nunha Amazonía, coa pericia dun artesán.
(Davide máis eu (e todas as que viven o que vivimos) sabemos que Mos (e tantos pobos e tantas aldeas) pode ser unha selva chea de perigos. Mais tamén é certo que ninguén se move mellor na selva que aquela que tivo de se enfrontar a tan “diversos” perigos ou o que é peor, ao mesmo perigo de sempre baixo diferentes faces).
Microspectivas é unha antiga danza ritual con todo o seu peso e toda a súa intensidade e é unha moderna danza techno e desenfadada que imprime un desafogo máis que necesario neste traballo, non só para o actor senón tamén para o público que tamén se remexe nas súas cadeiras (seguramente porque non saber “en que vai dar todo isto” provoca desacougo).
É unha colaxe de imaxes fermosas que xorden do espectáculo de ver a unha persoa sendo e non estando. (¿Percibides a diferenza?)
Microspectivas é un prisma atravesado con mestría polas luces que Laura Iturralde pon, tamén, a danzar, para rebotar nunha segunda pel de escamas (para nadar no mar da diversidade hai que se vestir ao xeito).
Microspectivas é un recordo das vítimas da homofobia e a transfobia.
Microspectivas comeza no pasado. Comeza coa Guerra do Golfo.
Microspectivas remata no futuro, coa paz de ser un chisco máis “golfas”; marabillosamente golfas.
Microspectivas é unha reconciliación coas que non nos entenderon alguna vez e con todo o que nós mesmas non fomos quen de entender ao mirarnos nun espello.
Con todo, Microspectivas responde a un momento inequívocamente persoal e amosar iso ten valor.
Con todo, tamén, desexo que o compañeiro Davide non deixe de medrar, e alá polo 2040, sexa quen de (ou lle apeteza) nadar “máis fondo”.
E que o faga por el e por todas porque, como dixo un colega meu hai pouco, os peixes pequenos que normalmente acaban no bandullo dos máis grandes son os máis importantes. Son os que limpan o fondo dos acuarios e permiten que vexamos o mundo de fantasía que hai detrás da sucidade.
Eu convido a que non perdades este trabalho “incendiario” porque é unha especie de “parto” para todas: ao comezo é duro pero o resultado ben paga a pena.
A pena e a pluma, como di o meu compañeiro Davide.
(Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá)
#microspectivasdunmaricamillennial#incendiaria#davidegonzálezlorenzo#Vanesa Sotelo#teatrogalego#LGTBIQ#Samuel Merino
0 notes
Text
A MIRADA DE LUME. Por Iván Fernández
Asistín o 20 de xuño do 2020, na sala Ingrávida do Porriño, a un espectáculo de lume e purpurina. Unha mirada ao baleiro existencial que só se enche cando un se arrisca a mirar cara a dentro, a afondar nas sombras propias e tamén a mostrar as luces ou, se cadra, a alumear eses espazos de escuridade co brillo da purpurina.
Microspectivas dun marica millennial é unha peza da plataforma artística Incendiaria e, certamente, a proposta incendia o escenario e a platea, sen deixar a ninguén indiferente. Non podía ser menos, partindo dunha base tan íntima e persoal como a que propón Davide González, artista multidisciplinar ao redor do que se artella todo un universo de referentes biográficos e xerais, un universo particular que Incendiaria acada converter en algo no que todxs nos podemos sentir identificadxs, referidxs, emocionadxs. O coidado coa que a mirada da directora Vanesa Sotelo, o arroupo lumínico de Laura Iturralde e escénico de Carlos Alonso acompañan o espido dun marica galego é, ao tempo, a disección de toda unha sociedade na que nace, medra, berra e canta o millennial ao que todxs nos teremos que asomar nun ou noutro momento, porque xa, este é o seumomento.
As Microspectivas dun marica millennial é, para min, a peza coa que volver ao teatro, logo dun longo tempo de confinamento. Dá gusto volver cunha peza que se deixa a pel no escenario. Dá gusto atopar un auditorio que enche as butacas. Dá gusto comprobar que os coidados e as prevencións non teñen por que impedir as nosas manifestacións artísticas. Dá gusto, tamén, saber que as institucións (Microspectivas… é unha peza coproducida polo CDG, que se xestou nas Residencias Paraíso) apoian, de cando en vez, a cultura galega: a presente e a futura.
Non podo deixar estas letras sen mencionar a sala Ingrávida, onde foi a estrea das Microspectivas… de Incendiaria, logo de tela que adiar polas causas que todxs coñecemos de sobra. Pecha Ingrávida, unha sala para a que non hai palabras para recoñecer o seu labor de creación, educación, promoción, apoio á cultura e ao teatro, especialmente nos riscos asumidos co novo teatro galego, que perde así un espazo único no que medrar e darse a coñecer.
A vindeira data para poder ver as Microspectivas dun marica millennial será o vindeiro 10 de xullo en Santiago de Compostela, dentro da programación de USCénica.
Microspectivas dun marica millennial– Incendiaria
Ficha Artística
Idea orixinal: Davide González.
Dramaturxia: Davide González e Vanesa Sotelo.
Dirección: Vanesa Sotelo.
Interpretación: Davide González.
Iluminación: Laura Iturralde.
Espazo escénico:Carlos Alonso.
Indumentaria:Carlos Alonso e Davide González.
Sonoplastia:Davide González.
Fotografía:Laura Iturralde e Lucía Estévez.
Vídeo:Lucía Estévez.
Voz en off:Eduardo Cunha “Tatán”.
Agradecementos:Esad de Galicia, Luís Fero, Martín Añel, Antía Veres, Jose Faro “Coti”, Julio González Vaz, Caterina Varela, Félix Fernández, Rut Balbís.
(Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá)
0 notes