#antesdelametralla
Explore tagged Tumblr posts
praza-teatro · 8 years ago
Text
ENCONTROS E DIVERXENCIAS EN ANTES DE LA METRALLA, DE MATARILE. Por Ana Abad de Larriva
Tumblr media
O sábado 11 de marzo de 2017, presentouse Antes de la metralla, de Matarile Teatro, no Auditorio Municipal de Vigo, dentro da programación do FinALT (a última edición do Festival Alternativo das artes escénicas de Vigo). A segunda parte do título que aparecía no programa era “Teatro raro”. Outra segunda parte do título co que se presentaba a peza era “de todo corazón”. Cúmprese: Antes de la metralla é unha peza rara de atopar e feita de todo corazón. Ao entrar no vestíbulo do edificio, xa había unha pequena instalación con varios focos diverxentes, polos que un ía discorrendo, ou que discorrían diante de un: Julio Fer escribindo frases na madeira de mistos, Mónica García e Ricardo Santana efectuando unha coreografía con pasos moi marcados, Óscar Codesido paseando por entre a xente, con aire impertérrito, Lara Contreras cosendo algo que, de lonxe, semella ser o pulmón dunha vaca...
           Están xa abertas as dúas portas do teatro. Sitúome na fila que agarda diante da porta dereita. De súpeto, comeza a saír moito fume e alguén pecha a porta. Vexo unha persoa coñecida que estaba moito máis adiante na fila a chimpar por riba do muriño e meterse polo corredor dos baños como se non houbese un mañá, para chegar o antes posíbel á outra porta e coarse antes de que chegue toda a marabunta. Quédame fixa a imaxe, de alguén que realmente corre antes da metralla, para non ser alcanzado por ela. Tento emulala mais con resultado diverso; ela acada entrar das primeiras e eu, ao estar máis atrás,quedo na retagarda, pois collo toda a cola da outra porta e xa non teño opción a adiantarme.
           Tanto a escena coma o público están dispostos enriba do escenario. Hai unha tarima central, como unha pasarela, pola que se van mover na maior parte do tempo os actuantes; o público atópase aos dous lados, a dúas alturas. Porén, nun dos lados, ábrese unha excepción, xa que hai dúas filas de cadeiras á mesma altura. Tócame na de atrás, cara á dereita, e a visión é bastante reducida, xa que unha morea de cabezas me impide ver o que acontece á esquerda da pasarela e na pequena plataforma que hai ao  comezo da mesma. O ángulo incide na miña recepción e fai que teña que agudizar os sentidos para non perderme moitos detalles dende detrás da trincheira. Axiña me adapto a esta perspectiva; e até se volve interesante, porque a peza é unha xuntanza de diferentes puntos de vista, físicos e simbólicos, sobre a escena actual.
Antes de la metralla, unha peza que aperta o posdrama, é, ante todo, un encontro entre persoas ao redor dunha peza creada para festivais na última entrega dun festival, o FinAlt, a última entrega do Festival ALT de Vigo, -oxalá que non sexa a derradeira e, como logo dirá Óscar Codesido, se trate unicamente dun ALTalogo. Ana Vallés abre a peza, precisamente, referíndose á fin do ALT e as súas circunstancias; algo que se encadra tamén dentro de todo o discurso que se vai desenvolver de xeito colectivo sobre a creación e a programación artística; sobre as cuestións da identificación e a identidade... Un discurso conceptual, documentado, con abundantes citas, que se volve moi espontáneo; complementado polas entrevistas que lle fai Ricardo a Carlos Aladro, director artístico del Festival de Otoño a Primavera da Comunidade de Madrid, sobre o seu papel como programador internacional, ou Ana Vallés a Julio Fer, sobre os seus poemas escritos sobre mistos; as interesantísimas intervencións das irmás Contreras, sobre diferentes cuestións, como os festivais internacionais -cun simulacro dunha suposta chamada de Romeo Castellucci a Lara-, a creación artística, a explotación salarial...
Todo o anterior vén salpementado con momentos de grande plasticidade como aquel no que Mónica García esquiva un corazón que oscila coma un péndulo pendurado do teito e que lle é lanzado como proxectil; outro instante no que ela fai unha coreografía inesperada, fermosísima, aterrando sobre unha cadeira no público que deixara libre Jorge de Arcos; ou as interaccións entre Ana Vallés e Eduardo Pérez-Rasilla. Tamén, o baile co cabezudo; a icónica aparición de AveLina Pérez de loito e con mantilla; a entrada de Lara Contreras con dúas linguas de animal enormes, que compiten en lonxitude coa súa longuísima e fermosa melena... axudan a crear ritmo por diferenza. Preséntanse, así mesmo, elementos emotivos e íntimos como a canción que canta Celeste diante do corazón ou a narración da súa historia sobre o paso de ser Mauricio González a ser Celeste González...; e xorden intres de dinamismo e cohesión como o momento do rap que interpretan Ricardo e Celeste.  
Destaca tamén a iluminación, que xoga ao mesmo nivel que os intérpretes nalgunhas ocasións, e noutras, apoia o foco destes; grazas ao bo facer de Baltasar Patiño. Hai un momento precioso en que os feixes de luz que rebotan contra unha bola de discoteca e o teito parece un ceo cheo de estrelas. Un feixe de luz láser cor verde manexado por Baltasar Patiño tamén é o obxecto de desexo de Jorge de Arcos, que o persegue de xeito repetido pola escena.
Remata o encontro cun baile enriba da pasarela, ao que se une o público, convidado a danzar polos intérpretes, sobre os ecos da metralla que, mesturados con anaquiños de corazón, nos foron impactando durante un par de horas.
Tumblr media
Ficha artística:
Intérpretes: Mónica García, Eduardo Pérez-Rasilla, Ana Contreras, Lara Contreras, Ricardo Santana, Celeste González, Carlos Aladro, Baltasar Patiño, Ana Vallés.
Dirección: Ana Vallés.
Colaboracións especiais: Óscar Codesido, Julio Fer, Jorge de Arcos, AveLina Pérez.
Dirección: Ana Vallés.
Lugar: Auditorio Municipal de Vigo.
Data: Sábado, 11 de marzo de 2017, ás 21.30 horas.  
A foto é de Rubén Vilanova.
* Ana Abad de Larriva, estudou xornalismo. Actualmente é alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
 Supervisión e coordinación: Afonso Becerra de Becerreá.
0 notes