#aretabolado
Explore tagged Tumblr posts
Text
UN CANTO AOS AMORES VALENTES, EN ELISA E MARCELA, D’A PANADARÍA. Por Ana Abad de Larriva

Na gala dos Premios María Casares 2018, celebrada o 21 de marzo de 2018 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Elisa e Marcela, d’A Panadaría, resultou gañadora de catro dos seis galardóns aos que optaba: mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde). A peza, que se estreara nese mesmo teatro o 13 de outubro de 2017, está inmersa actualmente na xira de 2018. Eu vin o espectáculo o sábado 21 de outubro de 2017, cando a presentaran no Auditorio Municipal de Vigo, onde está previsto que volvan o 2 de xuño de 2018.
Elisa e Marcela é un traballo necesario, reivindicativo, con vontade normalizadora e sumamente divertido e enxeñoso, baseado nuns feitos reais: o primeiro matrimonio entre mulleres do que hai constancia en España (e pola Igrexa católica). Elisa e Marcela casaron na Coruña en xuño de 1901, na Igrexa de San Xurxo, despois de que Elisa se vestise de home e se fixese bautizar como Mario. Cando se descobre que Mario é, en realidade, Elisa, o matrimonio vese obrigado a escapar, e sábese do paso delas por Portugal e da posterior fuxida a América.

As tres actrices d’A Panadaría, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, recrean e ilustran os posibles xeitos nos que puideron desenvolverse os principais fitos da historia de amor entre as dúas mulleres, facendo un percorrido polos mesmos dende un enfoque desenfadado e, non por iso, menos comprometido. As actrices non encarnan personaxes como tal, senón que van contando a historia e ilustrándoa mediante simulacros, amosándosenos en todo momento o artefacto escénico, facendo de diferentes personaxes e chegando a facer de obxectos, como cando Noelia fai de puro da voda ou Ailén de lámpada de mate. Así, mediante a comedia e un suposto distanciamento, conseguen achegarse e gañarse o público. A peza comeza por unha visita guiada que fai Ailén, como guía turística, pola igrexa de San Xurxo, explicando a importancia deste lugar para a historia que se nos vaia presentar.
O traballo, de carácter posdramático, ten elementos da comedia musical, xa que ao longo do mesmo se presentan diferentes temas musicais cantados e mesmos instrumentados polas voces e corpos das actrices, que desbordan orixinalidade e implicación: a canción da igrexa; o fado que canta Ailén; a canción “Purpurina de amor”, un canto ao amor libre sen discriminacións, dedicado a todas as mulleres que lles inspiran e iluminan o camiño: Angela Davis, Gloria Fuertes, Chabela Vargas, Elisa e Marcela… Toda a peza, como elas mesmas din, é un berro polos amores silenciados, un canto aos amores valentes. Na prensa da época, presentábase a historia entre Elisa e Marcela como un suceso incrible, como saído dun folletín novelesco. A partir da parodia, o melodrama e a esaxeración, o que se amosa é a ridiculez dos prexuízos, buscando actualizar e normalizar a relación entre as dúas mulleres, aproximándose a un público que, talvez, a través do drama, non se achegaría tanto como si o fai ao escachar co riso que, sen aviso, atrapa.

Amósansenos os posibles xeitos nos que puideron coñecerse Elisa e Marcela na Escola Normal, onde estudaban para ser mestras, como poderían ser as súas relacións sexuais, porque Elisa e Marcela eran lesbianas, eran mozas, non amigas, termo que teimaba en empregar a prensa da época. Todo iso faise a partir da repetición con variación. Tamén como puido ser a voda, como puideron ou non ser descubertas e como fuxiron a Portugal e a Bos Aires, ata que se lles perde a pegada. Fan un simulacro do que puido pasar, dende o humor e, á vez, a seriedade do implicado traballo de actriz e do respecto co que se está a presentar, dando diferentes visións e posibilidades, dende a comedia, nunha proposta que desborda orixinalidade e na que destaca o traballo corporal e vocal das actrices. Non hai espectacularidade escenográfica senón que son as actrices as que crean e recrean o que as rodea a partir do seu propio corpo e o amor polo artesán.
A Panadaría é unha compañía moi dinámica, tanto na súa implicación no traballo que fan, como no que buscan defender e transmitir con este, e a súa dimensión e importancia social e política (con iniciativas como a que desenvolven en todos os lugares nos que presentan Elisa e Marcela, pola que a primeira persoa que vaia ao despacho de billetes e diga “Ola, son lesbiana” leva dúas entradas de balde), como os diferentes proxectos que teñen en activo, xa que seguen a mostrar as pezas anteriores (Pan! Pan!e Panamericana), presentan galas, participan en web series… Como elas mesmas cantan, igual que hai mulleres que lles inspiran e guían, elas tamén queren servir de facho: “neste mundo gris, onde falta luz, imos ser estrelas que iluminen o camiño”. E realmente o son: Elisa e Marcela é unha fermosa e valente explosión de luz, de todas as cores.
Ficha artística:
Coprodución co Centro Dramático Galego, Concello da Coruña, Concello de Vimianzo e Concello de Rianxo.
Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
Dirección: Gena Baamonde.
Texto: A Panadaría e Gena Baamonde.
Música orixinal: Ailén Kendelman.
Vestiario e Caracterización: Fany Bello.
Xastra: Patri Agudo.
Iluminación: Montserrat Piñeiro e Laura Iturralde.
Deseño de soporte: Beatriz de Vega.
Produción: Ailén Kendelman.
Axudantía Produción: Liza G. Suárez.
Asesoría en canto: Marión Sarmiento.
Fotografía: Pilar Abades.
Vídeo: Alex Penabade.
Data: Sábado 21 de outubro de 2017, ás 21.00 horas.
Lugar: Auditorio Municipal do Concello de Vigo.
*As imaxes foron extraídas da páxina web d’A Panadaría.
* Ana Abad de Larriva estudou xornalismo. Actualmente é alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Supervisión e coordinación: Afonso Becerra de Becerreá.
#apanadaria#aretabolado#ailenkendelman#noeliacastro#elisaemarcela#Elisa e Marcela#anaabaddelarriva#teatrogalego#esadgalicia
0 notes