praza-unclaronobosque
Un claro no bosque
89 posts
Blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade
Don't wanna be here? Send us removal request.
praza-unclaronobosque · 6 years ago
Text
O Goberno dalle vida á central de carbón das Pontes
O Goberno de Pedro Sánchez presentou o 22 de febreiro a súa proposta de Marco Estratéxico de Enerxía e Clima, xa sen tempo para a aprobar antes das próximas eleccións xerais. Inclúe o chamado Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030, un documento programático que define os obxectivos de redución das emisións de gases de invernadoiro, de expansión das renovábeis e de eficiencia enerxética. Será avaliado pola Comisión Europea e sometido a debate público durante este ano.
As principais organizacións ecoloxistas de ámbito estatal demandaron que un dos obxectivos do PNIEC fose o abandono da produción eléctrica en centrais nucleares e de carbón antes do fin de 2025. Diversos estudos sosteñen que tal obxectivo sería viábel a través dunha implementación ambiciosa, pero realista, de accións de promoción das enerxías renovábeis e do aforro e a eficiencia enerxéticas. Un obxectivo partillado no seu día polo Consello Asesor para a Transición Ecolóxica da Economía do PSOE, presidido por Teresa Ribera, agora ministra para a Transición Ecolóxica.  
O PNIEC non obriga a pechar as térmicas de carbón
As presións exercidas polas grandes eléctricas ou por baróns do propio PSOE (como Valentín G. Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes) acabaron por temperar as “veleidades ecoloxistas” do consello asesor do PSOE da oposición. O PNIEC adía 10 anos o apagón nuclear e non pon data de peche obrigatorio ás centrais térmicas de carbón. Serán as eléctricas as que decidirán cando queren pechar as maiores fábricas de cambio climático.
A falla de ambición á hora de limitar as emisións -e non só no sector eléctrico- tradúcese nun obxectivo mínimo de redución de gases de invernadoiro para 2030 de tan só o 20% con respecto a 1990. De se atinxir finalmente esta meta, en catro décadas decisivas para determinar o alcance da crise climática que marcará o futuro, un estado desenvolvido como España só terá sido capaz de diminuír nunha quinta parte as súas emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. 
Abofé que os nosos fillos e fillas e as xeracións futuras hannos agradecer o que, para Alberto Núñez Feijoó, sería un esforzo “quijotesco”.
As emisións acumuladas importan
Ademais do obxectivo de redución para 2030, tamén é moi importante a traxectoria a seguir para acadalo, pois diso dependerá o volume de emisións acumuladas até entón. Estas serán menores canto antes se produciren os cortes nas emisións. A aceleración do peche das centrais de carbón diminuiría moito as emisións acumuladas.  
A central de carbón das Pontes contribúe tanto á crise climática como Uruguai
A clausura das centrais de carbón é a medida singular que, de lonxe, posibilita maiores reducións a curto prazo das emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro. Por exemplo, a central das Pontes, a máis potente do Estado español, emitiu de media 7,1 millóns de toneladas anuais de CO2 en 2013-2017. 
A térmica de carbón das Pontes contribúe ao quentamento global tanto ou máis que algúns estados. En 2016, as emisións de Uruguai procedentes de combustíbeis fósiles ascenderon a 6,9 millóns, segundo o Atlas da Enerxía da AIE. O impacto climático positivo dun ano sen actividade na térmica de carbón das Pontes equivale a un ano con consumo cero de petróleo, carbón e gas natural nun país como Uruguai. Ou a que deixen de circular vehículos en todas as estradas e rúas do noso país durante algo máis dun ano!.
A central de carbón de Meirama pechará en 2020, mais a das Pontes non
Naturgy solicitou o peche da térmica de Meirama e do resto das súas centrais de carbón españolas para antes do 30 de xuño de 2020, ao non querer adaptalas aos límites de emisións  impostos pola Directiva de Emisións Industriais (DEI).
Endesa solicitou o peche de tres das súas centrais de carbón, e optou por prorrogar alén de 2020 a vida das que opera nas Pontes e en Carboneras (Almería), adaptándoas á DEI que, após catro anos e medio de exención, se lles aplicará a partir de xullo de 2020. A adaptación á DEI reducirá emisións tóxicas (SOX, NOX, partículas) pero non as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima de carbón. A central das Pontes está entre os 20 maiores focos emisores de CO2 de toda a UE.  
Cando pechará a central de carbón das Pontes?
En 2020, eliminaranse no Estado español perto de 5 GW (xigavatios) de potencia eléctrica con carbón (incluíndo os 0,55 GW da central de Meirama). A partir de 2020 seguirán operativas 6 centrais de carbón, que sumarán unha potencia duns 4,5 GW, dos cais 1,47 corresponden á central das Pontes. O PNIEC prevé que toda esa capacidade de produción se manteña até 2025, para despois irse reducindo a 0-1,3 GW en 2030. Non concreta que centrais poderían chegar a sumar eses hipotéticos 1,3 GW, pero ben podería entrar aí de un a tres dos catro grupos que forman a central das Pontes. 
Nin o borrador do PNIEC nin o da Lei de Cambio Climático fixan un calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón. O PNIEC simplemente fai unha previsión do que podería acontecer sen mediar a intervención gobernamental. O Goberno do PSOE optou claramente por lavar as mans nesta cuestión. Era o máis fácil, e o máis agardado, perante as presións procarbón no seo do propio PSOE e  as contradicións existentes no espazo dos seus aliados parlamentares de Podemos e as confluencias (con En Marea a porse de perfil). Por non falar do apoio ás “estratéxicas” centrais de carbón por parte da Xunta ou do BNG, que rexeitan o peche da central de Meirama en 2020.  
O Goberno estatal non pretende impor o fin das centrais de carbón durante a próxima década. Acha que o farán as empresas propietarias, forzadas polo mercado. O PNIEC coida que para 2030, “as centrais térmicas de carbón deixarán de ser competitivas dado o prezo previsto da tonelada de CO2 no sistema europeo de compra venda de emisións, 35 €/t”.  Un prezo que se mantivo en niveis moi baixos até 2018, cando o prezo medio chegou aos 16 €/t.
O Goberno non quere garantir o abandono rápido do carbón
O Goberno fundamenta a súa previsión sobre o futuro da xeración eléctrica con carbón na evolución dun instrumento europeo de mercado en vigor desde 2005. Ferramenta de loita contra o cambio climático que até hoxe se ten revelado pouco eficaz na desincentivación da queima de carbón, malia ser o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2. 
Coas modificacións recentemente introducidas, semella probábel que o prezo da tonelada de CO2 tenda a aumentar mais, é responsábel deixar en mans do mercado de emisións “planificación” do abandono do carbón? Non é tan urxente a mitigación da crise climática como para asegurar e acelerar todo o posíbel o desmantelamento das maiores fábricas de cambio climático?.  
Tumblr media
O Goberno confía en que o mercado europeo de emisións e a crecente competitividade das renovábeis obriguen as eléctricas a deixaren de queimar carbón (case) totalmente no horizonte de 2030. Esperábase algo máis dun goberno que di asumir a loita contra a quentamento global como unha prioridade. 
Cando menos, unha taxa sobre as emisións de CO2 que reforzase o impacto do mercado europeo de emisións, como existe xa nalgúns estados. Mais en materia de “nova fiscalidade verde”, a proposta de PNIEC non recolle nin unha soa medida concreta. O Ministerio de Facenda “liderará o estudo en profundidade” e, no seu caso, adoptará cambios no sistema tributario. Máis nada.
Abandonar o carbón antes do fin de 2025
Alongar a vida da central de carbón das Pontes, xa innecesaria para atender o consumo eléctrico galego, aumenta a súa pesada herdanza de cambio climático, acumulada ao longo de máis de catro décadas. 2030 sería moi tarde para pechala. 2025 sería o ano límite. 2020 debería ser o ano no que pechase xa, polo menos, algún dos seus catro grupos.
Hoxe non hai maior irresponsabilidade climática en Galicia que prorrogar a vida dunha industria sucia que xera un desorbitado impacto climático a cambio dunha xeración de emprego e riqueza na súa contorna moi limitada: 80 millóns anuais, a través do  pagamento de salarios e da compra de bens e servizos, segundo a propia Endesa. 
A aplicación a tempo dun adecuado Convenio de Transición Xusta, figura prevista no propio paquete de enerxía e clima do Goberno, podería compensar eses beneficios que tan caros están ser para a vida no noso planeta. 
@xoseveiras
0 notes
praza-unclaronobosque · 6 years ago
Text
O “trumpismo climático” afiánzase en Galicia
Durante o vixésimo cuarto cumio climático internacional celebrado na cidade polaca de Katowice, quince pequenos estados insulares do Pacífico que poderían desaparecer inundados pola suba do nivel do mar causada polo quentamento global, lanzaron unha petición que tamén interpela á sociedade galega. Demandaron a todos os países desenvolvidos o abandono do carbón antes de 2030. E que en 2040 teña cesado a súa queima no resto do mundo.
En Galicia, na semana previa ao comezo doutra decepcionante conferencia climática da ONU, o pleno da Deputación da Coruña, cos votos de PSOE, PP, BNG, Marea Atlántica e Compostela Aberta, posicionábase a favor da continuidade das centrais térmicas de carbón das Pontes (Endesa) e de Meirama (Naturgy, antes Gas Natural Fenosa) até 2045, uníndose así á Xunta, ao Parlamento galego ou aos concellos das Pontes e Cerceda.
“Trumpismo climático”
Unha vez máis, o transversal “partido galego do carbón”, reforzado con novas e sorpresivas incorporacións, ignorou o estado de emerxencia climática global e exhibiu sen complexos o seu “trumpismo climático”.
Porque “trumpismo climático” é apostar polo carbón e alongar innecesariamente a vida de dúas enormes fábricas de cambio climático, facendo ouvidos xordos ás advertencias da comunidade científica sobre a delicada encrucillada climática na que estamos após décadas de procrastinación. E aínda que o conxunto dos nosos políticos e políticas non caian na grosería de negar a realidade incuestionábel do cambio climático antropoxénico, si practican teimosamente outra forma perniciosa de negacionismo climático: a negación da necesidad de actuar urxentemente para  reducir drasticamente as emisións de gases causantes da crise climática (“hai outros problemas máis urxentes e importantes, este pode seguir esperando”).
En 27 anos Galicia apenas reduciu as súas emisións territoriais.
O negacionismo climático dos nosos representantes institucionais asenta tamén na crenza de que o noso país non debe estar na primeira liña do combate á disrupción climática, cando menos na medida en que iso implicar decisións difíceis. Unha crenza interesada mais carente de fundamento ético. Porque, por responsabilidade na crise climática e por capacidade para a combater, Galicia figura, sen dúbida, no grupo de países que, en maior medida e máis rapidamente, deberían diminuír as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro.
Porén, nos trinta anos transcorridos desde que o cambio climático entrou na axenda socioambiental global, Galicia, cunhas emisións territoriais por habitante de 10 toneladas/ano -superiores á media mundial e mesmo á europea- apenas foi capaz de reducir a súa achega ao problema climático. Segundo os datos oficiais, entre 1990 e 2016 as emisións de CO2 e outros gases causantes de cambio climático tan só se reduciron o 4,7%. E, á espera de se coñeceren as emisións totais para 2017, todo indica que o ano pasado esta baixada fíxose aínda menor, debido ao incremento da actividade das centrais de carbón. 
A “proba do carbón”
As emisións de CO2 das térmicas de carbón das Pontes e de Meirama están a supor un terzo das emisións totais anuais do noso país (o 32,7% en 2016). Só dúas industrias, nas que traballan 300 persoas, producen moito máis cambio climático que todas as demais industrias galegas xuntas. O transporte de persoas e mercadorías, que é a segunda maior fonte de gases de invernadoiro na nosa terra despois da industria enerxética, emite menos CO2 que a central de carbón das Pontes: 5,8 fronte a 6,9 millóns de toneladas (2016).
Como se creou moita confusión ao respecto, cómpre aclarar que a reforma da que está a ser obxecto a térmica de carbón das Pontes para prorrogar a súa vida alén de 2020  - cando, após catro anos e medio de exención, terá que cumprir límites menos xenerosos para as súas emisións de contaminantes tóxicos- non reducirá as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima do carbón. O mesmo se aplicaría á central de Meirama se Naturgy decidir finalmente alongar a súa vida.
A proba do algodón do compromiso climático en Galicia é a “proba do carbón”: as centrais de carbón deben pechar rapidamente?. Un sinxelo test climático que hoxe suspenden todas as forzas políticas. Que ou ben apoian o alongamento da vida das maiores fábricas galegas de cambio climático até mediados de século, ou ben se poñen de perfil.
Xa non hai marxe para reducións graduais moderadas
Se Galicia quixese contribuír ao cumprimento da meta máis ambiciosa do Acordo de París, a manter o aumento da temperatura media global por debaixo do límite dos 1,5 ºC, para así tentarmos evitar unha catástrofe climática, debería comezar xa a diminuír as súas emisións de gases de invernadoiro de forma drástica. Xa na próxima década deberían reducirse á metade. E en 2040 teriamos que ter abandonado o uso de todos os combustíbeis fósiles para atinxirmos cero emisións netas (as emisións non evitábeis, como as de gases distintos do CO2 procedentes da agricultura e a gandaría, serían compensadas pola acción dos sumidoiros de carbono naturais, como bosques ou zonas húmidas).
De non comezaren a caer en picado as emisións a escala global, habería que recorrer nun futuro non moi afastado ao despregue masivo da produción enerxética con biomasa acompañada da captura e almacenamento de carbono, para retirar o exceso de CO2 da atmosfera. Unha alternativa de moi incerta viabilidade á escala e ao ritmo que serían precisos, e con graves impactos socioambientais negativos asociados.
Sen pechar canto antes as térmicas de carbón, en Galicia é imposíbel nin sequera achegarse a un obxectivo de recorte das emisións ao longo da próxima década que estea á altura do crecente desafío climático. O sector eléctrico é o único onde se poden conseguir grandes aforros de emisións nos próximos anos sen o conxunto da nosa sociedade ter que facer un esforzo descomunal.
Nunca foi máis urxente e viábel abandonar o carbón
Resulta ilusorio pensar que noutros sectores sexa posíbel conseguir reducións cuantiosas de CO2 e outros gases de invernadoiro a curto prazo. Nomeadamente no transporte,  no que as emisións medraron o 57% desde 1990. Baixo o actual sistema económico e cos estilos de vida imperantes, estase a comprobar que é moi complicado diminuír significativamente a pegada climática do transporte. Aínda que a suba das emisións de CO2 do transporte en Galicia triplicou o crecemento medio na UE (18%), nin sequera estados europeos referentes das políticas máis avanzadas de “transporte sustentábel”, como Dinamarca, Alemaña ou Holanda, foron capaces de recortalas nas últimas décadas.
Considerando o noso excedente eléctrico -que non enerxético- e a nosa capacidade de produción eléctrica -lembremos que contamos con dúas térmicas de gas natural moi infrautilizadas, tamén contaminantes pero menos intensivas en emisións de CO2 que as de carbón -, Galicia podería prescindir das centrais  carbón axiña sen pór en risco o seu subministro eléctrico e cun moi limitado impacto social de se adoptaren medidas adecuadas de protección social e de fomento de alternativas de emprego.
Tumblr media
Se ademais da realidade galega temos en conta a estatal, semella viábel que, cunha reorientación da política enerxética a favor do aforro e das renovábeis, todas as centrais nucleares e de carbón poidan estar pechadas en 2025.
Políticas climáticas febles ou inexistentes
Por suposto, non abonda con deixarmos de producir electricidade con carbón. Cómpre descarbonizar rapidamente toda a economía. Pero os poderes públicos galegos seguen  a velas vir.
A Xunta nunca tivo un plan para lograr baixadas das emisións en termos absolutos: só unha estratexia vaga nos tempos de Fraga e un non aprobado plan do bipartito PSOE-BNG que só aspiraba a ralentizar o seu crecemento. O vixente Plan Estratéxico de Galicia procura unha redución das emisións do 20% en 2020, pero non a respecto do ano tomado como referencia a nivel internacional polas políticas da mitigación do cambio climático, 1990, senón de 2005, un dos de maiores emisións. En comparación con 1990, a diminución das emisións pretendida polo Goberno de Feijóo para 2020 non chegaría nin ao 2%. E para máis alá de 2020 non coñecemos ningunha meta.
Os concellos tamén deberían asumir a súa responsabilidade climática, moi notábel no caso das cidades. Pero son moi poucos os que se dotaron dun plan climático, mesmo entre os máis poboados. E os plans existentes deberían elevar a ambición, ampliar o horizonte temporal e reforzar o seguemento coa elaboración de sólidos inventarios públicos anuais de emisións.
Axiña será tarde de máis para evitarmos o peor do cambio climático.
A estas alturas, cando estamos a un paso de superar o limiar dunha mudanza climática moi perigosa, a irresponsabilidade climática do conxunto dos nosos representantes políticos é absolutamente inexcusábel e merece unha forte contestación social.
A inacción climática é aínda máis reprobábel se temos en conta os múltiples beneficios a curto prazo asociados ás políticas de diminución das emisións de gases causantes de cambio climático: descenso da contaminación tóxica, maior autonomía enerxética, xeración de empregos verdes, combate da pobreza enerxética, mellora da saúde pública,.... Por non falar da inxente débeda ecolóxica que estamos a adquirir cos pobos empobrecidos do Sur global, os máis vulnerábeis á disrupción climática.  
Con poucas excepcións, tamén aos políticos e políticas do noso país se poden aplicar as palabras pronunciadas na conferencia climática de Katowice por Gretha Thunber, unha activista climática sueca de 15 anos: “Dicides que amades as vosas fillas e fillos por riba de todas as cousas, e a pesar diso estádelles a roubar o futuro diante dos seus ollos”.
Xosé Veiras García.
0 notes
praza-unclaronobosque · 6 years ago
Text
A térmica de carbón de Meirama vai pechar en 2020?
Inicialmente, Gas Natural Fenosa decidiu reformar a central de carbón de Meirama (Cerceda) para poder prorrogar a súa vida alén de 2020. Mais a mudanza na súa dirección, que a levou a trocar o nome polo de Naturgy, deixou en suspenso esta decisión. Á espera da decisión final de Naturgy, medran as especulacións sobre o futuro da segunda maior fábrica de cambio climático do noso país.
Se Naturgy non inviste na redución das emisións tóxicas á atmosfera da central de Meirama, para a adaptar a unha nova mudanza da lexislación sobre contaminación atmosférica, deberá estar pechada en xuño de 2020. Cómpre destacar, pois é algo que nunca mencionan os defensores das centrais de carbón, que a reforma da central non diminuiría as emisións de dióxido de carbono (CO2), gas de invernadoiro causante de cambio climático. Non hai “filtros” para iso. As elevadas emisións de CO2 son intrínsecas á queima de carbón, o combustíbel fósil máis prexudicial para o clima, o primeiro que cómpre abandonar.  
É Naturgy a que decide se a central de Meirama pecha ou non
A empresa ten de prazo entre decembro e o primeiro trimestre do ano próximo para tomar unha decisión final sobre a central de Meirama, segundo lle comunicou Naturgy ao comité de empresa. Este, pola boca do seu voceiro, Bautista Vega (CIG), insiste en invocar a presente rendibilidade económica da produción eléctrica máis sucia para defender a continuidade da central de Meirama até 2045. A central xera 92 empregos directos (1).  
Tumblr media
A continuidade da térmica de carbón importado de Meirama tamén a defenden o Concello de Cerceda e o veciño de Ordes (por unanimidade) ou a Comisión de Industria do Parlamento Galego (coa abstención de En Marea e o voto a favor de PP, PSOE e BNG). E, por suposto, a Xunta de Galicia.    
A día de hoxe, ningunha norma legal obrigaría ao peche da central se Naturgy decidir adaptala para cumprir os novos límites legais de emisións á atmosfera (que, insistimos, non afectan ao CO2, o principal gas de invernadoiro). Nin a UE nin o Goberno estatal tomaron polo de agora ningunha decisión que force o peche desta e doutras centrais de carbón españolas en 2020. Ou en ningún outro ano.
A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, aínda non puxo data de peche ás centrais de carbón
Nunca houbo no Goberno español unha ministra ou ministro cun mellor coñececemento das consecuencias do cambio climático global que Teresa Ribera. Sabe ben o moito que hai en xogo. Antes de ser ministra, desde a presidencia dun comité asesor do PSOE, avogou porque todas as centrais de carbón españolas estivesen pechadas en 2025. Porque para todas as persoas minimamente preocupadas pola crise climática, pechar as centrais de carbón é a prioridade número un nos países desenvolvidos. Nomeadamente en Galicia. Nos últimos cinco anos para os que hai datos oficiais (2012-2016), a suma das emisións das centrais de carbón de Meirama e As Pontes representou, de media anual, nada menos que o 34% das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático.
A aínda alta produción eléctrica con carbón explica que as emisións por habitante de gases de invernadoiro (GEI) de Galicia, 10,3 toneladas, superen mesmo a media da UE, que é de 8,4 toneladas (en 2016, último ano con información dispoñíbel).
En Europa occidental, só España e Alemaña non definiron aínda un calendario de peche das centrais de carbón
Xunto con outros factores, a enorme falta de conciencia climática de amplos sectores do PSOE -entre os que cómpre  incluír o PSdG- semella estar atrás da falta de decisión do Goberno estatal sobre o futuro das térmicas de carbón. Non é certo, como titularon algúns medios galegos, que o Goberno xa puxese data de peche ás centrais de carbón. España segue a ser, xunto con Alemaña, o único estado do occidente europeo sen un calendario de peche das súas térmicas de carbón. 
É pública a posición crítica de Teresa Ribera cara ao uso do carbón na xeración eléctrica. Mais tamén a defensa cerrada que del fai o PSOE en comunidades autónomas como Galicia. Por exemplo, Valentín Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, asegura que vai seguir defendendo “e pelexando a continuidade” da térmica de carbón das Pontes (ENDESA), a máis potente do Estado español e, a miúdo, tamén o maior foco anual emisor de CO2, algo que nunca é noticia nos medios galegos.
En Europa occidental, só España e Alemana non definiron aínda un calendario de peche das centrais de carbón
Xunto con outros factores, a enorme falta de conciencia climática de amplos sectores do PSOE -entre os que cómpre  incluír o PSdG- semella estar atrás da falta de decisión do Goberno estatal sobre o futuro das térmicas de carbón. Porque non é certo, como titularon algúns medios galegos, que xa puxese data de peche ás centrais de carbón. España segue a ser, xunto con Alemaña, o único estado do occidente europeo sen un calendario de peche das súas térmicas de carbón.
O primeiro borrador de traballo da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética non impón unha data de peche das centrais de carbón. E está tamén por ver que o “Plan Nacional de Enerxía e Clima” inclúa un ambicioso calendario de peche das centrais de carbón, mesmo que for só indicativo.
As principais organizacións ecoloxistas estatais propuxeron 2025 como ano límite para o peche de todas as centrais nucleares e de carbón españolas. Non parece que o Goberno presidido por Pedro Sánchez vaia asumir esa demanda, por moito que a Teresa Ribera lle poida parecer desexábel e viábel. E máis despois de comprobar as reaccións suscitadas, en territorios como Galicia, pola previsión do secretario de Estado de Enerxía de que todas as centrais de carbón estarán pechadas en 2030 (a de Meirama en 2020),  sen que o Goberno estatal impoña nada, só por decisión das eléctricas ante novos escenarios enerxéticos e climáticos.
Que pasa se a central de Meirama pecha en 2020?
Preocupa que, se deixaren de queimar carbón importado as térmicas de Meirama e das Pontes, Galicia pase de ter un excedente eléctrico a ser importadora neta de electricidade. Non é verdade, como sostén o presidente da Xunta, que Galicia vaia precisar importar electricidade se deixar de queimar carbón a curto prazo. Mesmo sen contraer o consumo enerxético e desenvolver máis as renovábeis, algo necesario e urxente para facermos fronte tanto á crise climática como á enerxética, dúas caras da mesma moeda.
Tumblr media
Foto: Acción de Greenpeace no almacén de carbón do porto da Coruña desde onde se transporta á central de Meirama o carbón importado que queima.
Galicia non quedaría sen térmicas se pechan as de carbón. Hai outras dúas hoxe moi infrautilizadas. De ciclo combinado a gas natural, cunha potencia total de 1250 MW, equivalente á de dúas centrais de Meirama. Tamén son contaminantes, e non pouco, pero sono bastante menos que as de carbón. E son menos ineficientes na transformación da enerxía do combustíbel en electricidade. Unha sitúase tamén nas Pontes (ENDESA) e a outra en Sabón (Naturgy). Durante 2017 só aproveitaron, respectivamente, o 21% e o 8,5 % da súa capacidade de produción dispoñíbel, segundo datos de Rede Eléctrica de España.
Mesmo nun ano moi malo para a produción renovábel como foi 2017, coa potencia renovábel instalada e o mellorábel nivel de eficiencia enerxética correspondentes a ese ano, sen a achega das térmicas de carbón Galicia precisaría ter importado 4.500 GWh para atender o seu consumo interno, que rozou os 20.000 GWh. Un déficit que unha maior utilización das centrais de ciclo combinado tería compensado sen problemas.
Pechar a central de Meirama é como reducir de repente á metade ás emisións do transporte en Galicia.
Outra cuestión sería a influencia no prezo da electricidade. Cando menos baixo o marco eléctrico actual, a substitución de carbón por gas natural tendería a elevar o prezo da electricidade. Porque o prezo da electricidade xerada con carbón está lonxe de reflectir os seus descomunais custos socioambientais, especialmente para as xeracións futuras.
Se a térmica de carbón de Meirama puxese fin á súa vida despois de 40 anos de actividade, a nosa terra deixaría de emitir entre dous e tres millóns de toneladas anuais de CO2 causante de cambio climático, que é o que emitiu nos últimos anos. Durante o ano pasado saíron pola súa cheminea 2.380.000 toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ao 42% das emisións de gases de invernadoiro de todo o sector do transporte en Galicia ao longo de 2015 (último ano con datos accesíbeis) (2).
Mañá será aínda máis tarde
Ter queimado durante tanto tempo tanto carbón en países como Galicia é unha das causas principais dun cambio climático en marcha xa moi difícil de manter dentro de límites manexábeis. Desde logo, as posibilidades de evitarmos a estas alturas os peores efectos do cambio climático pasa necesariamente por todos os países desenvolvidos abandonaren o seu uso o antes posíbel, a máis tardar en 2030. Canto máis carbón e outros combustíbeis fósiles queimemos máis desastroso será o cambio climático.
A prestixiosa consultora Climate Analytics elaborou un informe sobre cómo a UE debería abandonar o carbón para contribuír ao cumprimento dos obxectivos de estabilización climática do Acordo de París. Para cada central de carbón europea propuxo un ano de peche, considerando criterios como a eficiencia ou o tempo de funcionamento.  De acordo con este estudo, Galicia debería deixar totalmente de queimar carbón en 2021.
Tumblr media
Como apuntaban recentemente nun artigo dous especialistas galegos en cambio climático, Juan Añel e Xabier Labandeira, profesores da Universidade de Vigo, infelizmente hoxe semella probábel que acabemos perdendo a guerra contra o cambio climático, “convertendo o noso planeta nunha pedra inhabitable”. Urxe abordar “hoxe e non mañá, cando será demasiado tarde”, o reto da descarbonización da nosa sociedade, se queremos  contribuír a evitar unha catástrofe climática.  “Por iso sorprende que o Parlamento dun país desenvolvido como Galicia teña aprobado cunha folgada maioría, e sen ningún voto en contra, unha moción para reclamar o mantemento das centrais térmicas de carbón (importado) que operan no seu territorio e que son verdadeiras fábricas do cambio climático”. Así estamos.
@xoseveiras
 Notas
1. Segundo a información recollida no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes: http://www.prtr-es.es/informes/fichacomplejo.aspx?Id_Complejo=3173
2. Os datos das emisións de CO2 da central de Meirama proceden do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes. Os referidos a Galicia proceden da desagregación por CCCA dos datos do inventario estatal elaborado polo hoxe Ministerio de Transición Ecolóxica, dispoñíbeis en https://cambioclimatico.xunta.gal/efecto-invernadoiro.
0 notes
praza-unclaronobosque · 7 years ago
Text
Galicia non reduciu a súa achega ao cambio climático nos últimos 25 anos
Avanzámolo neste blog hai un ano e confírmano agora os datos oficiais. As emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro (GEI) causantes do cambio climático (1) aumentaron durante 2015 en Galicia, impulsadas polo crecemento económico e a maior produción eléctrica das centrais de carbón. Só entre 2007 e 2010 houbo unha caída importante das emisións, tendo aumentado, con oscilacións, a partir de entón. En 2016 posibelmente descendesen a respecto de 2015, para volveren aumentar durante ano, no que a seca está a favorecer a actividade das centrais térmicas de carbón. As nosas emisións territoriais por habitante roldan as 10 toneladas, unha cifra ben superior á media mundial.
O noso país emitiu 28,8 millóns de toneladas de GEI durante 2015, un 5,4% máis que no ano anterior. Un aumento que sitúa as emisións practicamente no nivel de 1990, ano de comezo da serie estatística oficial. A Xunta gábase de Galicia ter sido a terceira comunidade autónoma española onde máis se reduciron as emisións nos últimos 25 anos. Mais esta diminución non chega sequera ás 300.000 toneladas. Un pobrísimo logro que empequenece aínda máis se tomamos como referencia o conxunto da UE, onde as emisións territoriais baixaron o 24% no mesmo período. Pola contra, en España medraron un 17%, sendo, de lonxe, o estado da UE con maior aumento cuantitativo das emisións.
En dúas décadas e media decisivas para a loita contra o cambio climático, Galicia non foi capaz de diminuír as súas emisións de GEI. Nin as crises económicas, nin a “revolución eólica” (detida nos últimos anos), recortaron as nosas emisións anuais a respecto de 1990. Unhas emisións elevadas en relación ao tamaño da poboación e da economía galegas, propias dun país desenvolvido.
A falta dunha acción vigorosa a escala mundial contra o cambio climático nos últimos 25 anos tornou xa inevitábel unha mudanza climática perigosa. Polo que hoxe sabemos,  para termos un 66% de posibilidades de non superarmos en 1,5º C a temperatura media global, aspiración formal do Acordo de París, as emisións mundiais deberían comezar a reducirse agora en liña recta até chegaren a cero en 2055 (2). A evolución das emisións nos últimos anos e as realidades políticas, sociais e económicas do mundo actual afástannos deste escenario. Non superar o limiar de 1,5ºC sería aínda xeofisicamente posíbel, pero requeriría un milagre político ou un milagre tecnolóxico (ou ambos á vez).
Por fin unha Estratexia Galega de Cambio Climático?
De non ser polo desenvolvemento das enerxías renovábeis, que posibilitou un descenso importante na produción eléctrica con carbón (que mesmo así segue a ser alta), as emisións de gases de invernadoiro do noso país  terían aumentado a respecto de 1990. O sector enerxético recortou as emisións en tres millóns de toneladas entre 1990 e 2015, mentres que a industria o fixo en 600.000 toneladas. Porén, o resto dos sectores, ou ben as mantiveron practicamente estancadas (tratamento de residuos), ou ben as aumentaron, nomeadamente o transporte (dous millóns de toneladas máis) e os fogares, comercios e edificios públicos (un millón). En termos porcentuais, as emisións do transporte medraron o 55%, reflexo da insustentábel explosión da mobilidade motorizada rexistrada en Galicia durante as últimas décadas. A agricultura e a gandería, moi vulnerábeis á mudanza climática, tampouco reduciron as súas emisións, pois creceron en perto de 400.000 toneladas.
Aínda que os datos oficiais sobre as emisións de GEI galegas de 2016 non os coñeceremos até o próximo ano, os datos xa divulgados sobre as emisións das industrias obrigadas a participaren no comercio europeo de permisos de emisión, apuntan a unha diminución. Estas industrias, responsábeis da metade das emisións do país, baixaron as súas emisións un 8% entre 2015 e 2016. Un descenso atribuíbel ao menor uso do carbón na xeración eléctrica. Sen embargo, no que levamos de ano, por causa do tempo, reduciuse a produción hidroeléctrica e eólica e disparouse a queima de carbón, co cal podemos agardar un novo repunte das emisións galegas en 2017 (3).
As centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa) emiten conxuntamente un terzo das emisións anuais galegas de GEI, determinando a súa evolución. Perante o estancamento da potencia instalada en enerxías renovábeis e o fracaso do comercio europeo de emisións -que apenas desincentiva a produción de electricidade con carbón-, o tempo o é o factor que máis está a influír nas emisións. Menos chuvia e/ou menos vento equivalen a máis carbón e a máis emisións. A principal política climática en Galicia podería resumirse na frase “a ver se chove”.
Malia seren, con moita diferenza, as principais industrias produtoras de cambio climático, as térmicas de carbón son os dous elefantes na habitación que case ninguén quere ver cando se aborda a cuestión climática en Galicia. O seu tratamento será a pedra de toque da futura Estratexia Galega de Cambio Climático e Transición Enerxética 2050. Mentres a súa elaboración dá os primeiros pasos, o Parlamento catalán vén de aprobar unha lei para a mitigación e adaptación ao cambio climático. Segundo o Moviment per la Justícia Climàtica, a lei, malia as súas carencias, sitúa a Cataluña no bo camiño para afrontar o enorme reto climático.
Pechar xa as térmicas de carbón, a (ignorada) prioridade climática de Galicia
Segundo unha análise da consultora Climate Analytics, para Europa cumprir o Acordo de París debería ter pechadas todas as súas centrais de carbón por volta de 2030. As vellas e ineficientes centrais galegas deberían estar entre as primeiras en pechar. Cara a 2020 deberían ter concluído xa a súa actividade, no canto de iniciar unha nova etapa de actividade.  
Cun bloqueo no porto da Coruña da descarga do carbón importado destinado á central térmica de Meirama, Greenpeace vén de reivindicar en Galicia o peche de todas as centrais de carbón españolas antes de 2025. O Estado español non estabeleceu, nin pretende facelo, un calendario de peche destas auténticas fábricas de cambio climático, ao contrario doutros estados europeos como o Reino Unido ou Portugal, que prevén pór fin á produción eléctrica con carbón nos próximos anos.
Tumblr media
ENDESA anunciou o próximo peche das súas centrais de carbón de Andorra (Teruel) e Compostilla (León), por falta de rendibilidade económica. Pola razón contraria, decidiu prorrogar a vida útil da súa central das Pontes até ben entrado este século. O mesmo quere facer Gas Natural Fenosa coa de Meirama. En ambos os dous casos, co apoio da Xunta e do Goberno central. E sen ningún partido na oposición que se opoña aos planos destas transnacionais eléctricas.
@xoseveiras
Notas
(1) Ademais do dióxido de carbono (CO2), inclúense o óxido nitroso (N2O) e o metano (CH4), ademais dos hidrofluorocarbonos, os perfluorocarbonos, o hexafluoruro de xofre e o trifluoruro de nitróxeno (NF3). Non se consideran polo tanto outros contaminantes que deterioran a calidade do aire que respiramos mais non provocan cambio climático, como os óxidos de nitróxeno (NOX), o dióxido de xofre (SO2) ou as partículas.
 2. Why the 1.5C warming limit is not yet a geophysical impossibility, Richard Miller, Carbon Brief , 18 de setembro de 2017
3. Segundo unha noticia publicada o 9 de agosto pasado no xornal Faro de Vigo, a seca desplomou case un 70% a xeración hidroeléctrica e disparou un 60% a produción eléctrica con carbón.
0 notes
praza-unclaronobosque · 7 years ago
Text
O orzamento ecolóxico para 2017 esgotouse o 2 de agosto
O Día da Sobrecarga da Terra ou Día da Débeda Ecolóxica é o día en que a humanidade excede o consumo sustentábel de recursos renovábeis e a capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante de cambio climático. En 2017 este día cadrou o 2 de agosto, segundo a Global Footprint Network. Desde que a pegada ecolóxica global superou por primeira vez a biocapacidade do planeta, na década de 1970, nunca o Día da Sobrecarga da Terra chegou tan cedo.    
O Earth Overshoot Day marca a data em que a demanda anual de natureza excede o que a  Terra é capaz de rexenerar nese ano. Ao avanzar a globalización neoliberal e se ir agravando a crise ecolóxica-social, esta data foise adiantando no calendario, retrocedendo desde finais de setembro en 1997 até o 2 de agosto deste ano.  Durante o resto do ano  cubriremos o déficit ecolóxico esgotando reservas de recursos naturais e aumentando a concentración de CO2 na atmosfera, tornando así máis perigoso o quentamento global. Precisamente un traballo científico que vén de se publicar na revista Nature Climate Change  cifra nun desolador 1% a probabilidade a día de hoxe de non superarmos o limiar “seguro” de 1,5 ºC no aumento da temperatura global, obxectivo teórico do Acordo de París (e nun misérrimo 5% a máis “alcanzábel” meta dos 2ºC). “Se queremos evitar un aumento de 2ºC réstanos pouquísimo tempo”, declara Adrian Draftery, da Universidade de Whasington.
Cal é a pegada ecolóxica de Galicia?
Non hai dúbida de que a translimitación ecolóxica teríase producido antes se a humanidade vivise como a media da poboación galega, pois Galicia, parte do grupo de países (mal)desenvolvidos, é claramente debedora en termos ecolóxicos.  O que non sabemos é en qué medida, pois carecemos de datos actualizados sobre a pegada ecolóxica e a biocapacidade do noso territorio. A estimación máis recente remóntase xa ao ano 2005. Se toda a Humanidade vivise como vivía a media da poboación galega hai 12 anos tería entrado en déficit ecolóxico xa o 26 de abril pasado, isto é, en apenas catro meses. E se o noso país só dispuxese do orzamento ecolóxico propio para vivir esgotaríao o vindeiro 30 de agosto.  
Tumblr media
A Galicia caníbal de hoxe sostén o seu modelo de produción e consumo á custa doutros países e das xeracións futuras. Unha verdade incómoda que deita abaixo a visión de Galicia como receptora, máis que exportadora, de impactos ambientais.
Vivirmos ben dentro dentro dos límites do planeta é posíbel, mais suporía unha auténtica revolución nos sistemas produtivos e nos estilos de vida de países coma o noso.
O ano que vén contaremos con información actualizada sobre a pegada ecolóxica de Galicia, pois a Consellería de Medio Ambiente por fin licitou en xuño pasado os traballos para o cálculo da pegada ecolóxica. En 2005 ascendía a 6,4 hectáreas por habitante (1). Sen dúbida, o descenso do consumo inducido pola recesión económica posterior a 2007 reduciu a nosa pegada. É o que aconteceu a escala estatal, onde a pegada ecolóxica caeu abruptamente entre o máximo atinxido en 2007 e 2012, aínda que sen deixar de ser excesiva.  En 2013, último ano para o que ofrece datos a Global Footprint Network, volveu medrar, situándose nunhas 4 hectáreas por habitante. Se a humanidade vivise como a media da poboación española comprirían case dous planetas e medio.
Tumblr media
Dependencia ecolóxica e exportación de deterioración ambiental
A pegada ecolóxica, así como outras pegadas de deterioración ambiental (hídrica, climática,...), pon de relevo algo tan ignorado como relevante para encarar o futuro de Galicia e entender a nosa posición real no mundo. A economía de Galicia, como a de moitos outros países de renda alta, presenta unha forte dependencia ecolóxica do exterior e xera unha deterioración ambiental externa tan ou máis importante que a provocada dentro das nosas fronteiras. Galicia é exportadora neta de insustentabilidade ecolóxica e importadora neta de recursos (enerxía primaria, minerais, alimentos,...).
Preocúpanos que no futuro a poboación galega sexa ben menor que a actual, segundo apuntan as proxeccións demográficas, mais seguimos sen preguntarnos cánta poboación vivindo cómo sería sustentábel en Galicia tendo que se abastecer en moita maior medida que hoxe con recursos propios, emitindo poucos gases de invernadoiro e deixando unha parte do territorio como espazos naturais pouco transformados. Unha pregunta fóra de lugar mentres sigamos acreditando no mesianismo tecnolóxico e nas fantasías da Galicia que reborda recursos naturais e do planeta sen límites.
youtube
@xoseveiras
Notas
(1)  El análisis de la huella ecológica en España. Estudo para o Ministerio de Medio Ambiente de Minuartia Estudis Ambientals.
0 notes
praza-unclaronobosque · 7 years ago
Text
Os puntos negros da contaminación do aire en Galicia durante 2016
Un ano máis, Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe sobre a calidade do aire no Estado español, con información desagregada por comunidades autónomas. A diferenza doutros informes baseados en datos de emisións, éste elabórase a partir dos valores de inmisión medidos en estacións oficiais, entre elas 51 situadas no noso país. Polo tanto, avalía en qué medida, a través do aire que respiramos, estamos expostas a certos contaminantes, despois da súa dispersión pola atmosfera desde as fontes emisoras (centrais térmicas, industrias, coches,…).
 Un dos eidos ambientais nos que o autoengano colectivo actúa con máis forza en Galicia é o da calidade do aire. A iso axuda unha lexislación europea pouco esixente, segundo a cal respiramos aire limpo, ao non se superaren os límites máximos legais estabelecidos para as concentracións no aire dos principais contaminantes. Mais se tomamos como referencia non só os valores legais senón tamén os recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), máis estritos (aínda que tampouco exentos de prexuízos) e acordes co coñecemento científico verbo dos efectos sobre a saúde humana da contaminación do aire , a nosa terra deixa de ser ese “paraíso natural” de aire puro. Con moitos máis puntos negros dos que se adoita crer.
De acordo cos datos recollidos no informe La calidad del aire en el Estado español 2016  de Ecoloxistas en Acción, procedentes das estacións de medición da contaminación do aire xestionadas por Xunta, Goberno estatal, Concellos e grandes industrias, éstes foron os puntos negros da polución do aire en Galicia durante 2016, desde o punto de vista da saúde humana. Un mapa moi parecido ao de anos anteriores.
A Coruña. É a área metropolitana do país cunha rede máis ampla de medición da calidade do aire, e tamén a peor para respirar, considerando as superacións no conxunto da cidade dos niveis máximos aceptábeis segundo a OMS. Un diagnóstico que non debería sorprender se temos en conta as múltiples e importantes fontes de contaminación presentes na área: o intenso tráfico rodado, a refinaría de petróleo de Repsol, a fábrica de aluminio de Alcoa, o porto,… e até as salpicaduras do mar, unha fonte natural que dispara os niveis de partículas inferiores a 10 micras (PM10) na zona da Torre de Hércules. Aínda máis preocupante para a saúde humana é a polución polas partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5), a máis alta de Galicia se nos fixamos na valor da concentración media anual. Ademais, A Coruña é, de lonxe, a cidade galega con maiores problemas de contaminación por dióxido de xofre (SO2), estando as  zonas da Grela e da Pastoriza (xa no veciño concello de Arteixo) entre as máis afectadas por este contaminante no noso país. No caso do dióxido de nitróxeno (NO2), moi ligado ao tráfico rodado, sobre todo de vehículos diesel, non se supera o limiar máximo proposto pola OMS (neste caso coincidente co legal) mais foi na estación de medición de Riazor onde se rexistrou a maior contaminación por NO2, seguida pola ubicada no barrio de Coia, en Vigo (1).
Vigo. No ranking urbano da contaminación do aire, a cidade olívica ficou o ano pasado en segundo lugar. A concentración media anual de PM2,5 ascendeu a 12 micras por metro cúbico de aire, un punto por debaixo do valor medio das estacións da Coruña e dous por riba do valor máximo aceptábel proposto pola OMS (2). Porén, en Vigo superouse durante máis días que na Coruña o limiar para a concentración media diaria deste contaminante, atinxíndose a maior superación do país na chamada estación Este, situada no recinto da fábrica de PSA Peugeot Citroën, a uns 200 metros da avenida Alcalde Portanet (só igualada pola rexistrada na estación da Alameda de Ourense, onde tamén se superou en 38 días a concentración media diaria de 25 microgramos por metro cúbico, que a OMS recomenda superar non máis de 3 días ao ano).
Tumblr media
Ourense. Curiosamente, as superacións en 2016 dos limiares recomendados pola OMS para PM2,5 na terceira cidade máis poboada de Galicia coinciden practicamente cos de Vigo. E que en Ourense tamén se respirou aire sucio por partículas finas. E a situación no que se refire ao ozono troposférico (O3), un contaminante que se forma a partir doutros, sobre todo durante os días máis quentes e solleiros da primavera e o verán, tampouco foi boa, rozándose o nivel máximo para este contaminante considerado admisíbel pola OMS.
Santiago. A capital de Galicia foi a única cidade do noso país onde se superou o limiar da OMS para a contaminación por ozono durante 2016, un ano cun verán moi caloroso que favoreceu a súa formación. Máis habitual en Compostela é a contaminación por partículas PM2,5, que en 2016 volveu ser superior á considerada aceptábel pola OMS, nomeadamente na estación situada en San Caetano, máis exposta ao tráfico que a outra da cidade,  localizada no Campus despois do seu traslado hai uns anos desde a Praza de Vigo.
Pontevedra. Da análise do informe de Ecoloxistas en Acción poderiamos concluír que a calidade do aire nesta cidade é menos mala do que se cre, mais sería unha conclusión errónea, xa que o informe non abrangue contaminantes emitidos pola celulosa de ENCE responsábeis dos insoportábeis cheiros sufridos na súa contorna. Pola contra, e no que atinxe ás partículas PM2,5 ou ao NO2, a situación é peor da que talvez se agardaría nunha “cidade sen coches”. Mais, a pesar da importante limitación do uso do automóvil no centro, no conxunto da cidade o tráfico segue a ser excesivo e así temos unha contaminación por partículas PM2,5 semellante á do conxunto de Santiago (superándose o limiar para a concentración media diaria estabelecido pola OMS).
Arteixo. Entre os concellos de menor poboación, Arteixo, non incluído na área metropolitana da Coruña a efectos de avaliación da calidade do aire, é o que ten o aire máis irrespirábel. Está contaminado por partículas en suspensión e por SO2. A causa principal son as emisións da súa zona industrial, onde se asentan empresas como Ferroatlántica ou Repsol.
Tumblr media
 Rural do sur de Galicia. Nesta zona, que inclúe a maior parte das provincias de Ourense e Pontevedra e a península do Barbanza, superáronse os niveis máximos de contaminación por ozono recomendados pola OMS. Nalgunhas estacións desta área mesmo se superaron durante 2016 os limiares legais de información á poboación durante os episodios de alta contaminación do 18 de xullo e mediados de agosto, concretamente nas situadas nos municipios de Noia, a Illa de Arousa e Ponteareas. Das 20 superacións rexistradas na estación de Noia, situada no alto da serra do Barbanza,  non informou o Ministerio de Medio Ambiente, titular da estación, incumprindo así reiteradamente unha obriga legal.
Contorna da central térmica de carbón de ENDESA nas Pontes. Esta grande central eléctrica salienta sobre todo polas súas elevadísimas emisións de dióxido de carbono, gas moi prexudicial por ser causante de cambio climático, pero que non é tóxico, polo que non se inclúe entre os contaminantes que afectan directamente a nosa saúde ou a da vexetación. Mais esta central térmica, a máis potente de España, por suposto tamén emite importantes cantidades de contaminantes tóxicos, como óxidos de nitróxeno, precursores do ozono troposférico. Non semella causal pois que en estacións de medición situadas na súa contorna, nos concellos das Pontes, Ferrol, Muras e Vilalba, se detectase durante 2016 contaminación por ozono superior á máxima recomendada pola OMS.
Alcoa San Cibrao. A fábrica de alúmina e aluminio da multinacional norteamericana na Mariña lucense é responsábel indirecta da contaminación orixinada na central de carbón das Pontes, que a abastece de electricidade, mais tamén é unha importante causa directa de polución. E en particular da contaminación do aire por SO2 que afecta Xove.
Cementos Cosmos (Oural). A zona máis próxima á fábrica que esta empresa, pertencente hoxe á brasileira Votorantim Cimentos,  ten en Oural (Sarria) sofre unha elevada contaminación por SO2.
MEGASA (Narón). O aire da contorna da empresa siderúrxica MEGASA, en Xubia, está contaminado, cando menos, por partículas PM2,5.
San Vicente de Vigo (Carral). Chama a atención a alta contaminación por partículas PM2,5 nesta parroquia rural que conta cunha estación pertencente á rede da central térmica de carbón de Meirama. Os valores de contaminación por partículas finas medidos nela son similares aos de estacións situadas no centro das maiores cidades. Como se informa na web da Xunta sobre a calidade do aire, a estación “atópase nunha zona rural, a medio camiño entre o cinto industrial da Coruña e o complexo industrial de Meirama”. O tal complexo industrial é a devandita central de carbón, propiedade de Gas Natural Fenosa, a menos que se queira incluír tamén nel as instalacións de SOGAMA, sen citalas.
Tumblr media
Este mapa negro da contaminación do aire seguramente se vería ampliado de exisitiren máis estacións de medición da calidade do aire  e de dispormos de máis información para certos contaminantes. Neste senso, Ecoloxistas en Acción sinala que “para a elaboración deste informe non dispuxo de información sobre os niveis de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) e metais pesados (arsénico, cadmio, níquel e chumbo), cuxa avaliación é obrigada, mais que non foron facilitados pola Xunta de Galicia”.
 @xoseveiras
 Notas
 (1) A concentración media anual para este contaminante medida en Riazor durante 2016 foi semellante á do Parque do Retiro, no centro de Madrid.
 (2) Os valores de A Coruña, Vigo e outras cidades galegas para a concentración media anual deste contaminante, un dos máis preocupantes para a saúde pública, foron semellantes en 2016 aos obtidos en cidades que identificamos como contaminadas, caso de Madrid (10 microgramos por metro cúbico de aire) ou Barcelona (15). A diferenza maior das nosas con estas e outras cidades máis poluídas está nos valores para o outro dos principais contaminantes urbanos, o dióxido de nitróxeno (NO2), que acada concentracións máis altas en cidades como Barcelona ou Madrid, con algunas estacións nas que mesmo se supera o valor límite legal.
1 note · View note
praza-unclaronobosque · 8 years ago
Text
ENDESA foi responsábel en 2015 do 10% das emisións españolas causantes de cambio climático
A redución drástica das emisións de gases de efecto invernadoiro, necesaria para evitarmos unha catástrofe climática, é unha responsabilidade común pero diferenciada. E tanto. Porque unhas poucas empresas, dos sectores enerxético, siderúrxico, metalúrxico e cementeiro, con ENDESA  á  cabeza por causa de centrais de carbón como a das Pontes, teñen unha responsabilidade ben destacada. E en Galicia aínda máis. É o que salienta o informe "Responsabilidade das grandes empresas enerxéticas e industriais de España no cambio climático", do Observatorio da Sustentabilidade (OS), baseándose en datos oficiais.
ENDESA encabeza o ranking das empresas españolas con maiores emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante de cambio climático. Esta empresa eléctrica, outrora estatal e hoxe controlada pola italiana Enel, foi responsábel ela soa  do 10% das emisións españolas de gases de invernadoiro rexistradas en 2015. ENDESA é seguida neste ranking por outras dúas empresas que tamén posúen  instalacións en Galicia, Repsol e Gas Natural Fenosa. Cada unha delas achegou un 4% das emisións españolas. Estas tres empresas e outras sete máis  producen o 28% das emisións españolas de gases de invernadoiro.
ENDESA, Gas Natural Fenosa e Repsol, xunto con Alcoa, tamén encabezan o ranking galego de empresas emisoras de CO2. O seu peso nas emisións galegas aínda é maior que no conxunto das españolas, alcanzando o 38%. O informe do OS salienta en Galicia as cuantiosas emisións de CO2 das centrais de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa), que durante 2015 sumaron 10 millóns de toneladas, o que probabelmente suporía un terzo das emisions totais de Galicia (aínda sen pechar para ese ano). Ademais de seren fábricas de cambio climático, estas centrais térmicas tamén emiten moitos outros contaminantes non considerados no informe do OS, por non seren de efecto invernadoiro, pero que contribúen de xeito moi importante á deterioración da calidade do aire en Galicia, como os óxidos de nitróxeno, o dióxido de xofre ou os metais pesados.
En Galicia, "o peso das termicas de carbón é enorme".
Por detrás das centrais de carbón, no noso país só destacan como grandes emisoras de CO2 as fábricas de Alcoa e a refinaría de Repsol. "É habitual que nos territorios costeiros, as refinarías sexan as actividades coas máximas emisións, mais no caso de Galicia, o peso das térmicas de carbón é enorme", sinala o informe do OS. Ao igual que temos destacado no blog "Un claro no bosque", o OS apunta que a evolución das emisións de gases de invernadeiro na nosa terra está totalmente condicionada polas emisións das centrais de carbón, o combustíbel máis intensivo en emisións de CO2. A actividade das centrais de carbón das Pontes e de Meirama, cuxa vida útil as eléctricas propietarias veñen de prorrogar por uns 25 anos máis cos parabéns do goberno galego e da oposición, está condicionada polo prezo do carbón e o seu competidor o gas natural, así como polo prezo da tonelada de CO2 no fracasado mercado europeo de emisións, en mínimos nos últimos anos.
Tumblr media
Os dez maiores focos emisores de CO2 en España durante 2015. Nove son centrais de carbón
A central de carbón das Pontes adoitar ser o maior foco emisor de CO2 de todo o Estado español.  En 2015 non volveu ser así por moi pouquiño. A central térmica de Aboño (Asturias), tamén de carbón, superou en tan só 3.000 toneladas as 7.542.000 emitidas pola central das Pontes. A central de Gas Natural Fenosa en Meirama, de menor potencia, emitiu 3 millóns de toneladas, ocupando o  oitavo lugar entre as instalacións emisoras de CO2 de España. As emisións totais das dúas centrais de carbón galegas duplican as de Navarra. Estas centrais son a principal causa de que as emisións de gases de invernadoiro por habitante de Galicia superen as emisions medias de España e da UE. Ou de que Galicia sexa a cuarta comunidade autónoma española con maiores emisións de gases de invernadoiro no período 1990-2014.
Para o Observatorio da Sustentabilidade, na loita contra o cambio climático en España resulta prioritario reconverter o sector enerxético, procedendo á substitución de combustíbeis ou tecnoloxías máis contaminantes, como o carbón e o gas, polas renovábeis. "É certo que o gas emite menos que o carbón, mais, para que pasarmos polo gas se podemos ir directamente ás renovábeis?". Mentres alguns estados europeos decidiron xa abandonar totalmente a produción eléctrica con carbón antes de 2025 ou 2030, as centrais de carbón galegas, con xa perto de 40 anos de vida, prevén manter a súa actividade ben máis alá de 2030.
@xoseveiras
0 notes
praza-unclaronobosque · 8 years ago
Text
A contaminación do aire por ozono en Galicia disparouse durante o verán de 2016
As temperaturas máis altas, unidas ás emisións contaminantes do transporte ou das centrais eléctricas de carbón, aumentaron a contaminación por ozono en Galicia durante o pasado verán,  como pon de manifesto o informe La contaminación por ozono en el Estado español durante 2016 de Ecoloxistas en Acción, realizado no marco da súa campaña de sensibilización sobre o ozono. Aínda que non se superou o obxectivo legal para a protección da saúde, o sur de Galicia estivo exposto a concentracións de ozono no aire nocivas para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), máis estritas que as legais.  
Os habitantes dun terzo do territorio do país respiraron aire contaminado por ozono durante este ano (1). Mais non foron os únicos, pois, de xeito máis localizado, tamén se superaron os niveis de ozono recomendados pola OMS noutras áreas, como revelan os datos obtidos nalgunhas das estacións de medición de calidade do aire das cidades de Ourense (A Alameda), Santiago (Campus) e Vigo (na estación situada ao sueste da fábrica de Citröen, no recinto da empresa), así como os de  tres estacións pertencentes á rede da central de carbón de ENDESA nas Pontes, unha delas situada no concello de Ferrol (na contorna da enseada da Malata).  
34 superacións do limiar de información á poboación
Outra proba dos elevados niveis de ozono rexistrados este ano foron as numerosas superacións do limiar legal de información á poboación, a concentración horaria de ozono no aire a partir da cal as autoridades deben recomendar á poboación máis vulnerábel (infancia, maiores, persoas afectadas por doenzas respiratorias e cardiovasculares,...) que se absteña de realizar exercicio físico ao aire libre. O habitual en Galicia é que na trintena de lugares nos que se mide a concentración no aire para este contaminante o limiar de información se supere cada ano unhas poucas veces, ou mesmo ningunha (como aconteceu en 2015). Porén, este ano houbo un total de 34 superacións, repartidas en senllos episodios de contaminación moi alta por ozono acontecidos a mediados de xullo e de agosto. 20 delas rexistráronse nunha soa estación de Noia (localizada no monte Iroite, na serra do Barbanza). As outras tiveron lugar nas zonas urbanas de Santiago, Ponteareas, Vigo e Ourense, na Illa de Arousa e na zona rural de Ordes e As Pontes.
Tumblr media
Ecoloxistas en Acción denuncia que as Comunidades Autónomas en xeral aínda non avisan axeitadamente á poboación das superacións do limiar de información, nomeadamente algunhas como a Xunta. "Na  vintena de superacións da estación de Noia, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Medio Ambiente (titular da estación) incumpriron a súa obriga legal de avisar a poboación especialmente sensíbel para que se protexese. A Xunta de Galicia, após un comunicado de prensa difundido por Ecoloxistas en Acción o 18 de xullo, alertando das primeiras superacións, lanzou avisos á poboación dalgunhas, se ben de alcance insuficiente e tratando de restar importancia aos episodios de alta contaminación. Pola súa banda, nin a Xunta nin o Concello de Ourense informaron da superación rexistrada na estación da que o último é titular".
Un contaminante peculiar que pode transportarse lonxe
O ozono só é prexudicial para a saúde humana e a vexetación nas capas baixas da atmosfera, onde se cualifica como malo. Nas capas altas, o ozono protéxenos da radiación ultravioleta. O ozono malo non se emite directamente. Fórmase na atmosfera pola combinación doutros contaminantes chamados precursores, afectando máis a zonas rurais e suburbanas que urbanas. As condicións meteorolóxicas que se dan durante a primavera e o verán favorecen a súa formación, de tal xeito que só entre abril e setembro os seus niveis poden chegar a ser nocivos. Son precisamente as características climáticas de Galicia (menor radiación solar, ventos do nordés no verán,...) as que explican a menor incidencia da contaminación por ozono no noso país en comparación coa maior parte do resto da Península Ibérica.
Unha vez formado, o ozono pode transportarse a longas distancias, polo que, sen dúbida, Galicia exporta e importa este gas contaminante. O investigador da USC Santiago Saavedra demostrou que na maioría dos episodios de contaminación por ozono en Galicia inflúe o transporte deste contaminante desde outros territorios, especialmente desde Portugal e desde Castela e León, comunidade con centrais de carbón próximas á nosa terra (2). "O ozono é un  dos peores contaminantes que respiramos. Na redución de emisións dos contaminantes que xeran o ozono cómpre ter en conta non só a parte da propia rexión, senón tamén as limítrofes", afirma o profesor de Enxeñaría Química da USC José Antonio Souto (3).
Tumblr media
Os contaminantes primarios precursores do ozono son os óxidos de nitróxeno (NOX) e os Compostos Orgánicos Volátiles (COV). No que atinxe aos NOX, as fontes máis importantes en Galicia son o transporte (incluída a frota pesqueira e a maquinaria agrícola, con emisións  ben significativas) e mais o sector enerxético (maiormente as centrais de carbón das Pontes e de Meirama), sumando o 80% das emisións totais. No tocante aos COV, as maiores fontes antropoxénicas -tamén son emitidos de forma natural pola vexetación- son o emprego de disolventes orgánicos (aplicación de pinturas, usos domésticos,...) e a agricultura (4).
A exposición ao ozono malo causou polo menos 1.800 mortes prematuras en España durante 2010, de acordo cunha estimación da Axencia Europea do Ambiente (AEA). Os efectos sanitarios adversos do ozono teñen a ver co seu potente carácter oxidante. A curto prazo, pode provocar irritacións nos ollos, nas mucosas e nas vías respiratorias superiores, reducir a función pulmonar e agravar doenzas respiratorias e cardiovasculares.
O ozono malo ou troposférico, alén de ser prexudicial para a saúde humana, diminúe a produción agraria e a forestal. Tamén contribúe ao cambio climático. Segundo apunta a AEA, "calcúlase que o ozono troposférico engade un 16 por cento ao efecto total de quentamento provocado polos principais gases antropoxénicos con efecto invernadoiro emitidos até hoxe". Á súa vez, o cambio climático tende a agravar a contaminación por ozono. Na orixe tanto das emisións de gases causantes do cambio climático como de NOX, precursor do ozono, o maior protagonismo corresponde ao transporte e ás centrais de carbón.
@xoseveiras
Notas
1.A efectos de avaliación da calidade do aire, a Xunta divide Galicia en diferentes zonas. O mapa das chamadas zonas de calidade do aire mudou este ano. Agora son nove: as sete cidades e a súa área de influencia e dúas grandes zonas denominadas norte e sur. É no conxunto da zona sur, con 9.000 km2 de extensión e 650.000 habitantes, onde os niveis de ozono no aire superaron en 2016 o estándar recomendado pola OMS.
2. Caracterización de episodios de ozono troposférico en Galicia mediante la aplicación de distintas técnicas de simulación e interpretación de datos de campo. Santiago Saavedra Vázquez. Tese de doutoramento. Universidade de Santiago, maio de 2010.
3. El nivel de ozono en Galicia aumenta en verano procedente del norte de Portugal. Faro de Vigo, 23 de xullo de 2013.
4.Tomando como referencia os datos correspondentes ao ano 2012 para Galicia procedentes do Inventario Nacional de Emisiones a la Atmósfera 1990-2012. Este Inventario está actualizado até o ano 2014, mais non nos foi posíbel obter a versión máis recente, ante a negativa reiterada e non xustificada do Ministerio de Medio Ambiente a proporcionárnola.
0 notes
praza-unclaronobosque · 8 years ago
Text
Galicia caníbal
O PIB de Galicia quintuplicouse  durante os últimos cincuenta anos. Co crecemento da economía multiplicouse tamén o consumo de enerxía e de materiais, que se foi tornando cada vez máis dependente de recursos non renovábeis e procedentes do exterior. Transformámonos nun país (sobre)desenvolvido no contexto mundial cunha elevada pegada de impacto ambiental intra e extraterritorial.
Os novos conceptos de pegada ambiental (ecolóxica, de carbono, de materiais, hídrica), aínda que pouco aplicados polo de agora á análise da nosa realidade, emprestan sen dúbida un sentido imprevisto ás palabras  que Vicente Risco escribiu contra a cativeza de espírito dos que non saben aprezar a valía do noso pequeno país. Si, abofé que Galicia non é ben pequena. De feito, hoxe é ben máis grande que en ningun outro momento da súa historia. Porque ocupa un "espazo ambiental" moito maior que o propio. Somos deficitarios en recursos naturais e excedentarios en contaminación, beneficiándonos dun intercambio ecoloxicamente desigual coa maior parte do resto do mundo. O mundo sobrepoboado e desigual do "peak oil" e da mudanza climática desbocada.
A comezos deste século, a superficie bioprodutiva necesaria tanto para subministrar os recursos naturais renovábeis que demandamos como para absorber o dióxido de carbono (CO2) -principal gas de efecto invernadoiro- que emitimos, isto é, a nosa pegada ecolóxica, ascendía a unhas 6 hectáreas por persoa, triplicando a media mundial, a cal xa excedía o limiar sustentábel. O noso territorio xeográfico roza os 3 millóns de hectáreas, mais o territorio bioprodutivo do que nos apropiamos ultrapasa os 17 millóns.  Se todos os habitantes do mundo consumisen como o promedio dos habitantes de Galicia, farían falta, ademais do actual, outros dous planetas máis vacíos de xente
A deterioración do territorio galego é só a manifestación máis próxima dos enormes impactos socioambientais da nosa economía. Outra parte ten lugar lonxe do alcance dos nosos ollos e das nosas preocupacións, a escala global ou noutros países, a miúdo empobrecidos. Algo que, por suposto, acontece non só coa economía galega, tamén coa do conxunto de Europa, a rexión do mundo que máis recursos naturais importa e máis destrución ambiental exporta. Unha realidade ignorada na Europa que gosta de verse a si mesma como ambientalmente avanzada, mais que coida (algo) os xardíns propios á custa de externalizar boa parte dos custos socioambientais asociados ao seu sobreconsumo.
Tumblr media
O exemplo do automóbil
Imos ilustrar brevemente esta realidade recorrendo ao automóbil. Talvez nada represente mellor a Galicia que unha pegatina dunha vaca co fondo da bandeira galega... pegada nun coche, a nosa "vaca sagrada". A industria automobilística é un dos grandes piares da economía do país. Por outro lado, estamos entre os países con máis vehículos por habitante do mundo. A nosa desbordada mobilidade motorizada baséase nas catro rodas. As peaxes, o prezo dos combustíbeis ou os aparcamentos figuran entre as maiores preocupacións sociais. Os custos socioambientais da  extremada dependencia do automóbil son inxentes, mais estes preocupan bastante menos. Sobre todo os extraterritoriais (minaría asociada á produción dos vehículos e á extracción dos combustíbeis usados, elevada achega per cápita do transporte ao cambio climático global,...). Mais tamén os soportados só por nós (aire pouco saudábel en cidades ocupadas polos coches, destrución directa e indirecta do territorio como consecuencia da sobredotación de infraestruturas para o transporte por estrada,...).  
Hai quen acha que somos un país pouco desenvolvido, e até ás veces "terceiromundista", mais a realidade é que vivimos, agás unha minoría, por riba das posibilidades ecolóxicas, á custa doutros pobos e das xeracións futuras. Non poderiamos producir e consumir como o facemos hoxe se só  puidésemos recorrer maiormente á nosa natureza, algo ao que nos veremos forzados nun futuro cada vez máis próximo polo avanzo da xa imparábel crise ecolóxico-social mundial. Por razóns de xustiza social (incluíndo as súas dimensións global e interxeracional) e para garantirmos un futuro digno, é urxente, como afirma Hervé Kempf,  sumarmos ao principio "pensar globalmente, actuar localmente",  outro máis: "consumir menos, repartir mellor".
@xoseveiras
Artigo publicado no número 230 da revista Tempos Novos (xullo 2016).
0 notes
praza-unclaronobosque · 8 years ago
Text
As emisións galegas de gases de invernadoiro volveron aumentar en 2015
As emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro causantes do cambio climático (1) son un relevante indicador do estado dunha economía (insustentábel). O previsíbel aumento das emisións galegas destes gases en 2015, após o estancamento rexistrado nos dous anos anteriores, confirma a recuperación da (insustentábel) economía galega. O crecemento económico, xunto coa continuación do parón renovábel e da aposta polo carbón, impulsaron o medre das emisións de gases de invernadoiro (GEI) en Galicia no ano do Acordo de París.
Sendo como é o cambio climático un asunto social e politicamente pouco relevante en Galicia, non sorprende moito a escasísima difusión dos datos sobre as emisións de gases de invernadoiro, aínda que non está de máis suliñala. As emisións anuais son estimadas polo Ministerio de Medio Ambiente, no marco da elaboración do  Inventario Español, e divulgadas, sen publicidade e con bastante atraso, pola Xunta, no seu portal sobre cambio climático. Con contadísimas excepcións -como Praza Pública-, os medios de información ignoran deliberadamente estes datos, aos que conceden menos importancia que, por exemplo, aos relativos ás vendas mensuais de coches.
A estatística oficial comeza en 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto. Desde entón, o noso país apenas recortou as súas emisións territoriais. Un escaso 5% que contrasta co 24% de redución na UE. Até 2014, último ano para o que hai información sobre as emisións totais.  Se tomamos como referencia o ano 2015, os datos dispoñíbeis apuntan a unha diminución aínda menor, ou mesmo a un aumento, a respecto de 1990.
Todo indica que en 2015 houbo un crecemento das emisións en comparación co ano anterior. As emisións de GEI das industrias galegas obrigadas a participaren no comercio europeo de permisos de emisión supoñen a metade das emisións do país. En 2015 ascenderon a 15.350.000 toneladas, un millón e medio máis que en 2014. Un incremento debido á maior actividade das centrais de carbón.
As emisións están ligadas en boa medida ao consumo de derivados do petróleo (gasolinas, gasóleos, fuelóleos), destinados sobre todo ao transporte (2). Un consumo que non ten deixado de diminuír no noso país a partir do estoupido da crise económica, caendo do máximo de tres millóns e medio de toneladas atinxido en 2007 aos case dous millóns e medio no ano pasado. Porén, a redución durante 2015, de só 70.000 toneladas, foi a menor dos últimos anos.
Nin as crises económicas, nin o interrompido desenvolvemento eólico, foron suficientes para que  Galicia diminuíse sustancialmente as súas emisións nos últimos 25 anos. Anos perdidos nos que unha acción vigorosa a escala mundial podería ter evitado unha mudanza climática perigosa, algo que hoxe semella xa inevitábel.  
A actividade das centrais de carbón determina a evolución das emisións.
As térmicas de carbón das Pontes e de Meirama son dúas centrais vellas, ineficientes e sucias, innecesarias para atender a demanda eléctrica interna de Galicia. Pero son un excelente negocio, respectivamente, para ENDESA e para Gas Natural Fenosa. E ademais gozan dunha escandalosa impunidade social e política, nada acorde co moito mal que causan aquén e alén das nosas fronteiras. Así que, se nada o impide -e parece que nada o vai impedir- vanse reformar para prorrogar a súa vida.
Até hoxe, a actividade das centrais de carbón é o que máis determina a evolución das emisións territoriais galegas. A súa elevada capacidade de produción –a potencia conxunta destas centrais equivale á de dúas nucleares- sumada ao carácter moi intensivo en emisións de CO2 do carbón  -o combustíbel máis sucio- convértenas nos maiores inimigos do clima. En Galicia, ningunha institución ou organización que non procure o seu peche a curto prazo pode gabarse de tomar en serio a loita contra a crise climática global e a transición cara a un modelo enerxético xusto e sustentábel.
Das chemineas das centrais de carbón saiu un terzo das emisións galegas durante 2014. Galicia está entre os países onde unha maior proporción das emisións de GEI procede do carbón, situándose moi por riba da media da UE (18%). Se nos comparamos cos estados, só nos igualan ou superan lixeiramente a República Checa, Polonia e Grecia (3).
var embedDeltas={"100":661.13334,"200":580.13334,"300":553.13334,"400":527.13334,"500":527.13334,"600":500.13334,"700":500.13334,"800":500.13334,"900":500.13334,"1000":500.13334},chart=document.getElementById("datawrapper-chart-n1WzI"),chartWidth=chart.offsetWidth,applyDelta=embedDeltas[Math.min(1000, Math.max(100*(Math.floor(chartWidth/100)), 100))]||0,newHeight=applyDelta;chart.style.height=newHeight+"px";
En 2015 as centrais de carbón galegas xeraron máis electricidade que o ano anterior, o que certamente anticipa un repunte das emisións totais do país.  A maior actividade das centrais de carbón durante o pasado ano explícase pola menor produción dos encoros hidroeléctricos.  Perante o estancamento da potencia instalada en enerxías renovábeis e o fracaso do comercio europeo de emisións -que apenas desincentiva a produción de electricidade con carbón (4)-, o tempo meteorolóxico é o factor que máis está a influír nas emisións da produción eléctrica. Menos chuvia e/ou menos vento equivalen a máis carbón e a máis emisións.
Os cinco grandes "asasinos climáticos"
As centrais de carbón importado das Pontes – xunto coa central asturiana de Aboño, o maior foco español emisor en 2015- e de Meirama sitúan de xeito destacado a ENDESA e a Gas Natural Fenosa á cabeza dos grandes contribuidores ao cambio climático (e á deterioración da calidade do aire, unha cuestión diferente pero vencellada).
Se ás anteriores empresas sumamos Alcoa, Repsol e Ferroatlántica completaremos a lista de grandes emisores de gases causantes do cambio climático en Galicia, responsábeis directos do 45% das emisións do noso país durante 2014.
var embedDeltas={"100":755.13334,"200":674.13334,"300":647.13334,"400":621.13334,"500":621.13334,"600":621.13334,"700":594.13334,"800":594.13334,"900":594.13334,"1000":594.13334},chart=document.getElementById("datawrapper-chart-aTxnS"),chartWidth=chart.offsetWidth,applyDelta=embedDeltas[Math.min(1000, Math.max(100*(Math.floor(chartWidth/100)), 100))]||0,newHeight=applyDelta;chart.style.height=newHeight+"px";
Estas grandes empresas son multinacionais privadas españolas ou estranxeiras do sector enerxetico ou da transformacion de metais, un sector moi intensivo en consumo enerxético. Para diminuíren sensibelmente as suas emisións terían que recortar de xeito inevitábel as súas producións.
As emisións do transporte volven medrar
A pesar de que segue a ser o de maior impacto climático, o sector enerxético foi o único no que se recortaron de forma importante as emisións a respecto de 1990. Algo que non tería sido posíbel sen os  parques eólicos construídos desde finais da década de 1990. É innegábel que a "revolución eólica" evitou a emisión de millóns de toneladas de CO2 en Galicia. Un logro escurecido polas graves carencias socioambientais das políticas que a tornaron posíbel.  
A industria mantén as súas emisións en comparación con 1990. Porén, o transporte, a agricultura ou o sector residencial, comercial e institucional aumentaron a súa pegada climática. Nomeadamente o transporte, cuxas emisións medraron nada menos que un 50%, converténdose así na actividade que máis contribúe á mudanza climática desde Galicia despois da produción eléctrica.
var embedDeltas={"100":587.13334,"200":480.13334,"300":453.13334,"400":427.13334,"500":427.13334,"600":427.13334,"700":400.13334,"800":400.13334,"900":400.13334,"1000":400.13334},chart=document.getElementById("datawrapper-chart-VmEg4"),chartWidth=chart.offsetWidth,applyDelta=embedDeltas[Math.min(1000, Math.max(100*(Math.floor(chartWidth/100)), 100))]||0,newHeight=applyDelta;chart.style.height=newHeight+"px";
En 2014 inverteuse a tendencia á diminución das emisións do transporte iniciada en 2007, ao medraren o 2,2% en relación a 2013. A actividade económica e o prezo dos combustíbeis marcan a evolución das emisións do transporte, mentres apenas se albiscan as mudanzas radicais nas políticas públicas e nos comportamentos sociais que serían necesarias para decrecer as emisións nun sector que se transformou no maior problema climático de Europa.    
E a pegada de carbono?
Até agora referímonos ás emisións territoriais, ao volume de GEI emitido por diferentes actividades dentro das nosas fronteiras. Mais para avaliarmos a responsabilidade climática da economía galega tamén deberiamos considerar a pegada de carbono, isto é, as emisións desde a perspectiva do consumo, as emisións asociadas ao consumo, sen importar o lugar no que se producen.  En economías como as europeas (incluída a galega), que externalizan boa parte dos impactos negativos asociados ao seu consumo, estas emisións adquiren unha relevancia especial.
Sobre as emisións asociadas ao consumo da economía galega non sabemos case nada. Só hai unha estimación, referida ao ano 2007 e só para o consumo privado: 8,2 toneladas/habitante (5). Unha cifra  intermedia no contexto español pero elevada no mundial, debida, entre outros factores,  á adición ao automóbil privado, a unha dieta con exceso de carne,...ou ao peso do carbón na produción da electricidade que consumimos. Outravolta o carbón.
@xoseveiras
Notas
(1) Ademais do dióxido de carbono (CO2), inclúense o óxido nitroso (N2O) e o metano (CH4), ademais dos hidrofluorocarbonos, os perfluorocarbonos, o hexafluoruro de xofre e o trifluoruro de nitróxeno (NF3). Non se consideran polo tanto outros contaminantes que deterioran a calidade do aire que respiramos mais non provocan cambio climático, como os óxidos de nitróxeno (NOX), o dióxido de xofre (SO2) ou as partículas.
(2) O 53,7% do consumo total en 2012, segundo o máis recente Balance Enerxético de Galicia do INEGA.
(3) End of a Era. Why every european country need a coal phase-out plan. Greenpeace, Climate Action Network. 2015.
(4) Segundo o último informe do Observatorio de la Sostenibilidad (OS), “na actualidade o prezo é de sete euros a tonelada de CO2 non emitido e o efecto disuasorio desaparece cando a tonelada se pode comprar a un prezo inferior a 20 euros”.
(5) La responsabilidad de la economía española en el calentamiento global. Jordi Roca Jusmet (coord),  Vicent Alcántara, Iñaki Arto, Emilio Padilla e Mónica Serrano. Fuhem ecosocial e Catarata. 2013.
0 notes
praza-unclaronobosque · 8 years ago
Text
A poboación galega volveu respirar aire sucio en 2015
Practicamente toda a poboación galega volveu respirar aire sucio durante 2015, tomando como referencia as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Se, pola contra, nos conformamos co cumprimento dos valores legais vixentes na UE, menos estritos, entón pódese soster, como fai a Xunta, que os galegos e as galegas respiramos aire limpo. Esta é a conclusión principal para o noso país que se extrae do informe "La calidad del aire en el Estado español durante 2015", elaborado por Ecoloxistas en Acción, que analisou os datos oficiais recollidos nas estacións de medición da contaminación de Xunta, Ministerio de Medio Ambiente, Concellos e empresas.
O 92% da poboación e o 76% do territorio de Galicia estiveron expostos en 2015 a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da OMS para a protección da saúde humana e da vexetación. Unha situación que se repite ano tras ano sen grandes variacións.
A situación de Galicia é comparativamente mellor que a doutras comunidades autónomas, onde unha parte importante da poboación respira aire sucio segundo a UE. En Galicia, durante 2015 só se ultrapasaron valores legais na estación ubicada na zona da Torre de Hércules, na Coruña, en relación ao contaminante partículas PM10 (inferiores a 10 micras). Unha superación de orixe natural, debida ás salpicaduras do mar (1). Un caso que contradí a tendencia xeral: as nosas condicións naturais (chuvias frecuentes, menor radiación solar,...) axudan a minimizar a contaminación atmosférica.
Lamentabelmente, cumprimento da lexislación e boa calidade do aire non son sinónimos na UE. Como apunta Ecoloxistas en Acción, as institucións da UE, "para evitaren que moitas zonas aparezan como contaminadas", recorreron "á maquillaxe legal de fixar uns límites de contaminacion considerabelmente máis laxos que os recomendados pola comunidade cientifica e a OMS para certos contaminantes, facendo pasar como saudábeis niveis de contaminacion que son nocivos para a saúde".
Segundo o tipo de áreas afectadas e de contaminantes atmosféricos podemos distinguir tres grandes situacións no noso país: as cidades invadidas polos coches e contaminadas por partículas; a contorna  de grandes industrias contaminantes onde o aire presenta concentracións nocivas de dióxido de xofre (SO2); e o rural da maior parte do país, vítima da contaminación por ozono malo durante a primavera e o verán.
Cómpre aclarar que o informe "La calidad del aire en el Estado español durante 2016" non abrangue os Gases de Efecto Invernadoiro regulados polo Protocolo de Quioto, como o dióxido de carbono (CO2), o principal contaminante global causante do temíbel cambio climático (2), ao que, por certo, tamén contribúen algunhas partículas ou o ozono malo. As maiores fontes de GEI no noso país son as centrais de carbón e o transporte que, asemade, son as maiores fontes de óxidos de nitróxeno (gases precursores do ozono malo). Ademais, as centrais de carbón seguen a ser as principais emisoras de SO2 (3).
As partículas contaminan todas as cidades
O contaminante máis preocupante no ámbito urbano son as partículas en suspensión, moi asociadas ao tráfico. Canto máis minúsculas, máis nocivas, de aí que se diferencie entre as de diámetro inferior a 10 (PM10) e a 2,5  micras (PM2,5). As partículas están detrás de numerosas doenzas respiratorias, problemas cardiovasculares e cancros de pulmón.
Malia o seu grave impacto sobre a saúde humana, existen graves carencias na medición da súa concentración no aire en Galicia: poucos puntos de mostreo e obtención de porcentaxes pequenas de datos válidos nalgúns deles. As carencias son aínda moito maiores para outros contaminantes  (metais pesados e hidrocarburos aromáticos policíclicos).
Na seguinte gráfica recollemos os datos dispoñíbeis relativos á concentración media anual de  PM2,5 nas principais cidades e en Arteixo -municipio equiparábel ás cidades polos seus niveis de contaminación atmosférica- durante os últimos 3 anos (4). En todos os municipios supérase, iguálase ou rózase a concentración máxima recomendada pola OMS (10 microgramos/metro cúbico). Tamén en Pontevedra, onde o punto de mostreo está situado fóra da área da cidade con maiores restricións á circulación de automóbeis, perto da N-550. Restrinxir o uso do coche no corazón das cidades é moi positivo, mais resulta insuficiente para lograr unha boa calidade do aire.
var embedDeltas={"100":542.13334,"200":468.13334,"300":442.13334,"400":427.13334,"500":427.13334,"600":400.13334,"700":400.13334,"800":400.13334,"900":400.13334,"1000":400.13334},chart=document.getElementById("datawrapper-chart-vuZ2p"),chartWidth=chart.offsetWidth,applyDelta=embedDeltas[Math.min(1000, Math.max(100*(Math.floor(chartWidth/100)), 100))]||0,newHeight=applyDelta;chart.style.height=newHeight+"px"; Fóra das cidades e de Arteixo, tamén se mediron niveis altos de PM 2,5 en estacións situadas en Xubia (da empresa Megasa), en Ourol (Cementos Cosmos) e en San Vicente de Vigo (Carral), entre a central de carbón de Meirama (Gas Natural Fenosa) e a zona industrial de Arteixo-A Coruña. A ubicación exacta destas estacións e de todas as demais pode consultarse na web sobre calidade do aire da Xunta, aquí.  
ENCE e outras grandes industrias ensucian o aire da súa veciñanza
En Pontevedra e A Coruña, ademais do transporte, a industria tamén é unha causa maior de contaminación atmosférica, como se deduce dos datos sobre a  exposición a niveis nocivos de dióxido de xofre (SO2) reflectidos na gráfica inserida a continuación. Como é ben sabido, en Pontevedra a responsábel é a fábrica de pasta de papel de ENCE, que destaca tamén pola emisión doutros contaminantes diferentes ao SO2 e causantes de mal cheiro, non analisados no informe de Ecoloxistas en Acción, polo que este non serve para avaliar máis que unha parte do elevado impacto negativo de ENCE sobre a calidade do aire da súa contorna. Canto á Coruña, os problemas concéntranse sobre todo no polígono industrial da Grela.
var embedDeltas={"100":694.13334,"200":550.13334,"300":492.13334,"400":450.13334,"500":450.13334,"600":450.13334,"700":423.13334,"800":408.13334,"900":408.13334,"1000":408.13334},chart=document.getElementById("datawrapper-chart-Y3S6i"),chartWidth=chart.offsetWidth,applyDelta=embedDeltas[Math.min(1000, Math.max(100*(Math.floor(chartWidth/100)), 100))]||0,newHeight=applyDelta;chart.style.height=newHeight+"px"; Con moita diferenza, a zona máis afectada polo SO2 en Galicia é a situada máis perto da fábrica que Cementos Cosmos ten en Sarria, onde durante case a metade dos días do ano se respira aire contaminado  por SO2. É o punto do Estado español onde en 2015 se superou durante máis días a concentración media diaria máxima recomendada pola OMS, mais de seis veces inferior á legalmente vixente na UE.  
Outras estacións onde se mediu unha elevada contaminación por SO2 foron as de Pastoriza (Arteixo), próxima á refinaría de petróleo de Repsol, e a de Xove, baixo a influencia da fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao.
A contorna das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama tamén se ve afectada polo SO2, se ben en moita menor medida, pois as altas chemineas destas centrais axudan a dispersar a contaminación. Moito maior é a afección sobre a calidade do aire das súas emisións de óxidos de nitróxeno (NOX), pois este é un dos precursores do ozono malo. Ademais, e nunca está de máis insistirmos nisto, dada a confusión reinante sobre os diferentes tipos das súas emisións á atmosfera, estas centrais de carbón son enormes fábricas de cambio climático por causa das súas emisións de CO2, un gravísimo problema, mais que non afecta a calidade do aire que respiramos.
O ozono troposférico espalla a contaminación polo rural
A contaminación non afecta só as cidades e a contorna das grandes industrias. O transporte e a transformación química de contaminantes emitidos polo transporte e a industria -nomeadamente as térmicas de carbón- extenden a contaminación ao medio rural a través da formación de ozono malo -chamado así para diferencialo do das capas altas da atmosfera que nos protexe da radiación ultravioleta- durante a primavera e o verán. Unha vez formado, este gas irritante pode transportarse a longas distancias e  orixinar episodios de contaminación transfronteiriza. Alén de prexudicial para a saúde humana, diminúe a produción agraria e forestal.
A maior parte de Galicia está contaminada por ozono. A efectos de avaliación da calidade do aire,  a Xunta dividiu Galicia en diferentes zonas, recollidas no seguinte mapa, que resulta necesario consultar para comprobarmos o alcance da contaminación por ozono.
Tumblr media
Durante o ano 2015, a poboación e o territorio do municipio de Ourense e das zonas de calidade do aire denominadas Terra Chá (a ES1210 no mapa), Miño – Limia (ES1212), Sur das Rías Baixas (ES1213) e Franxa Fisterra – Santiago (ES1214) continuaron expostas a concentracións de ozono perigosas.
Moito que gañar reducindo a contaminación
Os niveis actuais de contaminación atmosférica en Galicia causan danos socioambientais e económicos que non se deberían menosprezar. Mellorarmos a calidade do aire traería múltiples beneficios. Alén diso, as medidas necesarias para limpar o aire que respiramos contribuirían a facer as nosas cidades menos ruidosas e máis seguras e habitábeis. E como implicarían unha diminución no consumo de combustíbeis fósiles, axudarían asemade a combater a mudanza climática e a mellorar a nosa resiliencia fronte á crise ecolóxica global.
O informe de Ecoloxistas en Acción pon o foco na redución da mobilidade motorizada e na potenciación dos modos de transporte menos impactantes. Tamén salienta "a reducción drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas, en particular as que utilizan carbón", para as que se debería estabelecer un calendario de peche. Porén, no caso particular de Galicia, as empresas propietarias xa anunciaron a súa intención de prorrogar a vida das centrais de carbón das Pontes e de Meirama.
@xoseveiras
Notas
1. Segundo o estudo "PM10 y PM2,5 en A Coruña en 2014 y la influencia del aerosol marino", da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, "a maior parte das superacións do valor límite diario de PM10 en Torre ocorren con altura das ondas superiores a 3 m e ventos de compoñente oeste que se corresponden con orixe mariña na localización da estación".
2. Os gases de invernadoiro non son contaminantes locais. Os seus efectos negativos, tamén os sanitarios, prodúcense a través da indución da mudanza climática global, mais non de forma directa. As emisións destes son indicadores do impacto dunha sociedade sobre o planeta, elevado en termos per cápita no caso galego. Encol da evolución recente das emisións destes gases en Galicia pódese consultar neste blog: Galicia apenas reduce as emisións causantes de cambio climático. 
3. A pesar de teren reducido moito as súas emisións de SO2 a partir de 2008, após deixaren de queimar lignito galego, ao se esgotaren os xacementos das Pontes e As Encrobas. Hoxe queiman só carbón importado, procedente de Indonesia, con menor contido en xofre que o lignito.
4. Só hai datos para todos os anos nos municipios de Vigo, A Coruña e Arteixo. Os datos presentados son a media dos valores da concentración media anual obtidos nas estacións que miden este contaminante en cada concello.
0 notes
praza-unclaronobosque · 9 years ago
Text
Galicia e o Acordo de Paris contra o cambio climático
O 22 de abril, Día da Terra, cun evento na sede das Nacións Unidas en Nova Iork, comeza o período de sinatura do Acordo de París, alcanzado en decembro pasado durante o cumio climático celebrado na capital francesa. “En comparación co que podería ter sido, é un milagre. En comparación co que debería ter sido, é un desastre” (1). Así opinaba  sobre o Acordo de París na súa columna do xornal The Guardian o escritor George Monbiot, un dos máis brillantes analistas sobre as cuestións socioambientais.
O mundo encóntrase nun auténtico estado de emerxencia climática. Após décadas de inacción e de emisións crecentes, semella xa practicamente imposíbel evitarmos unha mudanza climática perigosa (2). Só estamos a tempo de limitarmos o alcance dunha previsíbel catastrófe climática e de aumentarmos a nosa resiliencia fronte a ela.
Tumblr media
Para iso, cómpre moito máis que o "Acordo de París". Até para os máis confiados e optimistas este é apenas un "punto de partida". Neste senso, máis alá da acción a escala estatal e internacional, hai coincidencia xeral en sinalar a mobilización da cidadanía e a implicación dos gobernos locais e subestatais como esenciais para afrontarmos a mudanza climática e, máis por extenso, a crise sociecolóxica mundial na que se enmarca. Como apunta o educador ambiental Francisco Heras, "o cambio climático non só formula un reto global: tamén nacional, rexional, local e persoal".
Está Galicia a responder a este reto urxente e decisivo?.
Un obxectivo de redución das emisións pouco críbel.
A Xunta vén de incluír no seu Plan Estratéxico 2015-2020 un obxectivo de redución das emisións de gases de invernadoiro dun 20% a respecto de 1990. Un obxectivo moi pouco críbel de non se produciren importantes mudanzas políticas.  O parón renovábel, o carbón de importación barato -a maior fonte de emisións, responsábel dun terzo do total- e a recuperación do tráfico nas estradas non convidan ao optimismo.
En 2013, último ano para o que hai datos oficiais, as emisións baixaran o 4% a respecto de 1990, mais todo apunta a que en 2015 volveron ser superiores.  Para lograr o obxectivo proposto para 2020 habería que cortar as emisións nuns 6 millóns de toneladas, unha cantidade un pouco inferior ás emisións en 2014 da maior fábrica de cambio climático de España, a central de carbón das Pontes (ENDESA).  Sen enfrontarse ás grandes empresas do sector enerxético e metalúrxico (3) e sen unha política climática ambiciosa o obxectivo é inalcanzábel.
O Observatorio da Sustentabilidade apunta, no informe Cambio climático. Evidencias, emisiones y políticas, que Galicia está á cabeza das comunidades autónomas españolas  en emisións por habitante -xunto con outras nas que tamén hai centrais de carbón- e á cola en compromiso climático. Á hora de avaliar a actividade política autonómica sobre o cambio climático, o observatorio inclúe Galicia entre as comunidades "pouco activas".
As institucións locais seguen á marxe da loita contra o cambio climático.
Non foi avaliada polo Observatorio da Sustentabilidade, mais  igual de "pouco activa" é a actividade de Deputacións e concellos, corresponsábeis do deficiente desempeño do noso país na loita contra o cambio climático.  
24 concellos galegos e unha mancomunidade integran a Rede española de cidades polo clima da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Ademais de seren unha minoría, a súa participación  na rede adoita ser testemuñal, cando menos se facemos caso da información facilitada pola web da propia rede. Na ficha correspondente a cada concello, o epígrafe "actuacións" non ofrece información.  Para os Concellos galegos, apuntarse a esta rede non pasa de ser un xesto tan inútil como o de  sumarse cada ano á mediática "A hora do planeta".
A política de restrición do uso do coche na cidade impulsada polo Concello de Pontevedra é até hoxe a única acción destacábel no ámbito municipal con efectos positivos na loita contra o cambio climático. Porén, e de xeito contraditorio, o mesmo concello fomenta o uso do coche en desprazamentos interurbanos apoiando a construción dunha nova infraestrutura como a autovía A-57.
Entre as accións previstas, merece destaque o novo impulso á Estratexia contra o Cambio Climático de A Coruña 2014-2020 anunciado polo goberno municipal da Marea Atlántica.  Esta estratexia -a única existente no país- inclúe 52 medidas en ámbitos de competencia municipal (transporte, urbanismo, residuos urbanos...). Esa será a súa principal limitación, pois o peso da industria na xeración das emisións é aínda máis acusado no concello da Coruña que no conxunto de Galicia. A industria é a orixe do 71% das emisións, debido fundamentalmente á achega de Alcoa e, sobre todo, de Repsol. Só unha redución das súas producións rebaixaría sustancialmente as emisións, algo que ninguén parece desexar.
A estratexia da Coruña dá cumprimento ao compromiso adquirido polo Concello ao asinar en 2012 o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, promovido pola Comisión Europea. Santiago adheriuse a esta iniciativa en marzo deste ano, sendo o segundo concello galego que o fai.  Os novos asinantes deste pacto comprométense a reducir as emisións de CO2 en polo menos un 40% de aquí a 2030, en liña co obxectivo da UE, considerado pouco ambicioso por organizacións e redes como Climate Action Europe, que defende unha redución mínima do 55%, máis acorde coa urxencia do problema climático e coas posibilidade e responsabilidades europeas.  
Desinterese social, inacción política
A débil acción das institucións galegas no combate ao cambio climático semella, en parte, reflexo da escasa conciencia social. O cambio climático -e a máis ampla crise socioambiental global- segue a suscitar pouca preocupación entre a cidadanía galega e española. Non figura entre as prioridades sociais e resulta politicamente irrelevante, como se puxo de manifesto, sen irmos máis lonxe, na pasada campaña electoral.
O 15-M e a emerxencia de novas forzas políticas pouco mudou o panorama no que atinxe ao cambio climático. Unha proba diso tivémola esta mesma semana, a só dous días do inicio do período de sinatura do Acordo de París. A Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados aprobou, entre as críticas da Fundación Renovables, Greenpeace, e o Instituto Internacional de Dereito  e Medio Ambiente,  unha proposición non de lei pedindo unha bonificación fiscal para o carbón español, a cal contou co apoio do grupo Podemos-En Marea-En Comú Podem, agás o voto contrario de Josep Vendrell, secretario de ICV. Equo, non representado na devandita comisión, tamén se desmarcou do seu grupo neste asunto.
@xoseveiras
Notas
1. Grand promises of Paris climate deal undermined by squalid retrenchments, The Guardian, 12 de decembro de 2015.
2. Kevin Anderson, un dos climatólogos máis prestixiosos e socialmente comprometidos, investigador do inglés Tyndall Centre for Climate Change Research, un dos principais centros de investigación sobre o clima do mundo, fala claro sobre o que implicaría un escenario de redución das emisións de gases de invernadoiro compatíbel con deter o aumento da temperatura global por debaixo dos 2ºC a respecto da época preindustrial, para así evitar unha mudanza climática perigosa. Atinxir este obxectivo precisaría unha inversión das tendencias actuais no consumo de enerxía e nas emisións de tal rapidez e magnitude que, para tornala viábel, compriría un "milagre" tecnolóxico e/ou sociopolítico máis que improbábeis.  Nun artigo publicado nas vésperas do cumio de París na revista Nature Geoscience, Duality in climate science, Anderson diríxese aos seus colegas científicos para pedirlles que eviten a autocensura e comuniquen á sociedade con claridade e honestidade os seus achádegos, sen medo a seren politicamente incorrectos.
3.Cinco grandes empresas destes sectores son responsábeis de nada menos que o 45% das emisións territoriais de Galicia. Son estas, por orde de maior a menor emisora: ENDESA, Gas Natural Fenosa, Alcoa, Repsol e Ferroatlántica. Para diminuíren sensibelmente as súas emisions de dióxido de carbono estas  empresas terían que recortar a sua produción.
0 notes
praza-unclaronobosque · 9 years ago
Text
Devorando o planeta, abastecendo o Estado
Non é difícil vérmonos como importadores de deterioración ambiental asociada á demanda exercida por outros territorios sobre os nosos recursos naturais. Un bo exemplo disto, de actualidade por causa da prórroga da concesión de ENCE en Pontevedra, é o emprobecemento da biodiversidade dos nosos montes debido á súa eucaliptización para a obtención de madeira de trituración coa que producir pasta de papel destinada á exportación ao resto de Europa. Mais esta é só unha das caras da realidade. En moitos casos é Galicia a que se sitúa no lado privilexiado, exportando destrución do medio a outros territorios dos que se abastece de recursos naturais, beneficiándose dun intercambio ecoloxicamente desigual. Algo que nos resistimos a ver.
Desde o blog Un claro no bosque temos abordado en diversas ocasións o consumo de materiais (alimentos, madeira, combustíbeis fósiles, minerais) en Galicia (1), suliñando a dependencia material externa dunha economía galega ecoloxicamente insustentábel e socialmente inxusta (tamén desde a perspectiva da xustiza global). E por non existiren datos dispoñíbeis na altura, mesmo fixemos un cálculo aproximado do importante déficit físico da balanza comercial galega, pondo en evidencia que a nosa estrutura produtiva e  estilos de vida actuais serían inviábeis sen a importación masiva de recursos naturais procedentes doutros territorios, a miúdo situados no Sur Global.
O metabolismo socioeconómico
A economía ortodoxa, ignorante da nosa ecodependencia e cega perante os límites ambientais, preocúpase só polos fluxos monetarios. Porén, a economía ecolóxica pon o seu foco na “economía real-real”, estudando os fluxos de enerxía e materiais que atravesan o sistema económico. Este compórtase como se fose un ser vivo. Se estes inxiren alimentos e enerxía para vivir e excretan residuos, a economía usa enerxía e materias primas xerando residuos que acaban na natureza.
O enorme vacío de información sobre o metabolismo socioeconómico de Galicia vén de ser coberto en parte por un estudo dos economistas Xoán Ramón Doldán e Sebastián Villasante, profesores da Universidade de Santiago, integrado nun libro sobre o metabolismo rexional español no período 1996-2010, coordenado por Óscar Carpintero e publicado por FUHEM-Ecosocial (2).  El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010 é un estudo imprescindíbel para entendermos a Galicia de hoxe e o seu lugar en España e no mundo, a pesar do cal até agora ten pasado desapercibido.
Entre 1996 e 2010 as importacións galegas de materiais aumentaron máis dun 50%. Este incremento foi paralelo a unha diminución da extracción de recursos naturais en territorio galego. Xa que logo, a nosa dependencia material agravouse. Dous terzos das importacións son internacionais e o terzo restante interrexionais. Galicia ocupa o cuarto lugar no ranking español de importacións internacionais, por detrás de Cataluña e Andalucía e moi próxima ao País Basco.
Tumblr media
Ao aumentar a  dependencia material medrou tamén a deterioración ambiental externa causada pola economía galega. Ao importarmos materiais exportamos os custos socioambientais asociados á súa obtención. Unha deterioración oculta aos nosos ollos que cómpre considerar tamén á hora de avaliarmos o noso desempeño socioambiental. Algo que lamentabelmente non adoita acontecer, nin no noso país nin tampouco no conxunto de Europa, a rexión do mundo con maiores importacións netas de recursos naturais (3). Como xa se ten feito para o País Basco (4), sería moi interesante relacionar o metabolismo socioeconómico coa débeda ecolóxica xerada polas nosas importacións, analisando casos notábeis como o da extracción da bauxita en Guinea (para a produción de alúmina e aluminio nas fábricas de Alcoa), a minaría do carbón en Indonesia (orixe principal do carbón queimado nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes) ou a actividade dos monster boats da frota pesqueira.
Unha economía exportadora con déficit físico permanente
En todo o período analisado (1996-2010), “o balanzo comercial físico da economía galega reflite unha economía netamente importadora”, debido sobre todo aos intercambios co estranxeiro. Case todas as comunidades autónomas españolas presentan un déficit físico, isto é, o peso das súas importacións supera o das exportacións, mais o déficit o galego é ben maior que o déficit medio español. O de Galicia ascende a 3,8 toneladas/habitante, fronte ás 2,2 de España.  
Tumblr media
Aínda que o conxunto da economía galega presenta déficit físico, este varía en función do tipo de materiais e do ámbito do comercio. Nos intercambios con outros estados, o déficit xérase maiormente no comercio de materiais abióticos (non renovábeis) e en menor medida, desde 1999, de semimanufacturados. Porén, nos manufacturados, de maior valor engadido, existe superávit físico en grande parte do período analisado.  
Nos intercambios co resto do Estado español o panorama muda. Para os manufacturados existe sempre déficit físico, importamos máis toneladas deste tipo de materiais das que exportamos. Pola contra, para os materiais bióticos (renovábeis) hai sempre superávit (algo que resulta excepcional no comercio internacional). E no que atinxe aos materiais abióticos (non renovábeis), son deficitarios até 2003 e posteriomente altérnanse anos de déficit con anos de superávit físico.
O dobre papel da economía galega: manufacturas para o mundo, alimentos e enerxía final para España
A economía galega xoga un papel na economía internacional e outro diferente na española. Xoán Doldán e Sebastián Villasante sintetízano así: “industrias manufactureiras para o mercado mundial, despensa alimenticia e reserva mineira e enerxética para a economía española”.
No mundo, o papel da nosa economía, crecentemente internacionalizada, vén determinado pola importación masiva de materiais abióticos e semimanufacturados (combustíbeis fósiles, minerais metálicos, abonos, sementes oleaxinosas,...) e polo protagonismo de grandes multinacionais (Alcoa, Ferroatlántica, PSA Peugeot-Citroën, Inditex,...)  en cuxa estratexia o noso país “é unha peza máis”. Empresas sen as que moi poucos, tamén na esquerda, imaxinan hoxe o porvir da economía galega. Mais, ¿nun futuro marcado pola escaseza de recursos naturais, en particular de petróleo, e polo imperativo de combater o caos climático, en que medida serán viábeis estas grandes empresas?. ¿Que papel xogarían nun modelo de produción sustentábel e xusto empresas que transforman minerais extraídos en países empobrecidos situados a miles de quilómetros do noso ou que representan o peor do sector téxtil en termos socioambientais?.
Dentro de España, Galicia fai parte do grupo de comunidades autónomas economicamente periféricas que abastecen as economicamente centrais, nas que se concentra a poboación e a actividade económica.  A economía galega salienta no subministro de leite, carne, peixe (capturado en augas propias e, sobre todo, alleas), madeira de baixa calidade, semimanufacturas metálicas para a súa manufacturación noutros lugares ou enerxía dispoñíbel para o consumo final (electricidade e derivados do petróleo obtidos despois da transformación de recursos enerxéticos autóctonos e, maiormente, importados),  “sen desprezar o seu papel de sumidoiro dos residuos contaminantes asociados a estas actividades, amén de soportar o seu impacto no territorio”.
O mito do excedente enerxético oculta unha forte dependencia externa fósil
Un dos aspectos nos que se observa mellor a división do traballo ecoloxicamente desigual entre comunidades autónomas españolas é na produción e no consumo de electricidade, aínda que, debido ás súas unidades de medida, enerxéticas e non de masa, non se recolle na análise do metabolismo socioeconómico.
Galicia, xunto con Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura, presenta un excedente notábel de xeración eléctrica a respecto do seu consumo interno, electricidade vertida á rede de transporte e distribución da que se benefician comunidades como Madrid, onde practicamente toda a electricidade consumida procede doutros territorios. Con todo, non está de máis sinalar que Galicia é, entre as devanditas comunidades, a que presenta un excedente menor (o 28% en 2010, fronte ao 76% de Estremadura) (5). Ademais, unha parte da electricidade xerada em Galicia expórtase a Portugal, se ben non toda ela se destina ao país veciño, pois pode acabar finalmente en España a través doutras interconexións entre os dous estados (6).
Curiosamente, o excedente eléctrico galego converteuse, para boa parte da opinión pública, nun suposto excedente enerxético. Até non é estraño referirse a Galicia como unha “potencia enerxética”. Un espellismo resultado de pór os ollos só nunha parte do balanzo enerxético. A diferenza do que acontece cos materiais, para os fluxos de enerxía que atravesan a economía galega si dispomos de información oficial: os balanzos enerxéticos anuais elaborados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Se ademais de vermos as saídas dos balanzos enerxéticos  (a enerxía final) nos fixamos tamén nas entradas -a enerxía primaria, isto é, os recursos enerxéticos a partir de cuxa transformación, por exemplo nas centrais eléctricas ou na refinaría, se obtén a enerxía final- comprobaríamos que, lonxe de sermos excedentarios, temos unha enorme dependencia enerxética (fósil), algo que debería desacougarnos profundamente nun escenario de crise global enerxética e climática con tendencia a se agravar. En 2012, último ano para o que se dispón de información, nada menos que o  84% da enerxía primaria usada en Galicia procedeu do exterior (7).  Sen a enerxía primaria importada nin sequera poderiamos atender unha demanda interna de enerxía dispoñíbel para o consumo que medrou moito nas últimas décadas.
Un consumo material alto baseado en recursos non renovábeis
O consumo material interno (CMI) de Galicia é elevado, malia caer o 27% entre 2007 e 2010, até as 16,8 toneladas/habitante. Ao igual que o doutras comunidades españolas economicamente periféricas, é superior ao consumo medio español (12,6). Isto non significa que os padróns de consumo de Galicia sexan aínda máis insustentábeis e insolidarios (co resto do mundo e coas xeracións vindeiras) que  os das comunidades con maior riqueza monetaria. Ten máis a ver coas limitacións do estudo, pois non puido incorporar estimacións dos fluxos ocultos das extraccións internas e das importacións de materiais (por exemplo, os estériles das minas ou a erosión do solo producida na obtención de biomasa). Se estes fluxos se incorporasen, reflitaríase toda a pegada material do consumo, e non só a directa, o que colocaría os territorios máis ricos á cabeza do ranking de consumo material, pois a maior capacidade adquisitiva maior consumo. E canto maior é o consumo, maior é a pegada ambiental.      
Tumblr media
Desde mediados dos anos cincuenta constatouse unha mudanza no consumo de recursos da economía española á que non foi allea a economía galega. Como en todos os países ricos,  pasouse dunha “Economía da Produción” a unha “Economía da Adquisición”. Os recursos bióticos renovábeis –que supoñen unha verdadeira “produción” de materia vexetal no sentido físico e ecolóxico- perderon importancia relativa fronte aos recursos abióticos . Hoxe a economía apoiase na “adquisición” e consumo masivo destes recursos preexistentes non renovábeis (8).
Non dispomos de datos para Galicia anteriores a 1996, mais si podemos asegurar que, desde ese ano, esta tendencia insustentábel a basear o consumo en recursos non renovábeis proseguiu. Os materiais abióticos xa representan unhas tres cuartas partes do consumo total. Entre estes predominan os minerais non metálicos (fundamentalmente os empregados na construción e nas obras públicas), seguidos polos combustíbeis fósiles (carbón, petróleo, gas natural). No que atinxe aos minerais metálicos, gañaron importancia entre 1996 e 2010, incrementándose o seu consumo nun 40%. Dado que a extracción en Galicia foi nula durante ese período, todos os minerais metálicos procederon de “zonas de sacrificio” -como chama a escritora Naomi Klein ás áreas de extracción mineira- situadas fóra das nosas fronteiras (9).
Menor extracción no noso territorio, maior deslocalización de impactos ambientais
O fin provisorio da minaría metálica, ao igual que a desaparición en 2007 da minaría de carbón,  debido ao esgotamento dos xacementos de lignito das Pontes e de Meirama, reduciu a extracción de recursos no noso país, deslocalizando totalmente os impactos socioambientais negativos asociados á extracción de minerais metálicos e de carbón, agora integramente soportados alén das nosas fronteiras por outros pobos. No caso do carbón queimado nas centrais térmicas de ENDESA e Gas Natural Fenosa podemos supor que esta deslocalización contribuiu mesmo a incrementar notabelmente os danos ambientais, pois a práctica totalidade do carbón importado procede de Indonesia, un dos países do mundo con maior biodiversidade, no que a minaría de carbón é unha causa importante de destrución da selva (10).  
Entre 1996 e 2010 a extracción de materiais en territorio galego diminuiu o 22%. Algo no que tivo moito que ver, ademais do peche das minas de carbón, a crise da construción de vivenda e obras públicas, que fixo descender a extracción de minerais non metálicos (pedras ornamentais e da construción, areas e gravas, pedra caliza e xeso, pizarra).
Os recursos renovábeis supoñen un terzo da extracción interior utilizada de materiais. Salientan os  cultivos forraxeiros e biomasa pastada – en consonancia coa crecente orientación gandeira do agro, que tamén demanda importacións de materiais como abonos, cereais e sementes oleaxinosas-, a madeira e os cultivos primarios – con tendencia decrecente no caso dos tubérculos e raíces e dos cereais, en aumento as froitas e hortalizas-.
A crise económica reduce as emisións e os residuos
Os materiais que usamos acaban por se transformar, máis cedo ou máis tarde, en residuos. A caída no consumo de materiais inducida pola crise económica traduciuse nun descenso da xeración de residuos, aínda que difícil de cuantificar polas sorprendentes carencias e contradicións das estatísticas oficiais. No que se refire, en particular, aos residuos urbanos, as estatísticas da Xunta e do Instituto Nacional de Estatística (INE) teñen chegado a discordar sensibelmente, se ben nos últimos anos tenden a converxer, coincidindo ambas as dúas fontes na redución deste tipo de residuos a partir de 2007.  
Tumblr media
As industrias son a orixe dun 70% dos residuos. A información sobre a evolución dos residuos industriais semella pouco fiábel, mais a súa notábel diminución desde 2007 é indubidábel. A maior parte dos residuos industriais proceden, por esta orde de importancia, da industria manufactureira, da construción e da produción e distribución de enerxía eléctrica, auga e gas.  
Para as emisións de dióxido de carbono e outros gases causantes do cambio climático, ás que tamén se refire El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010, dispomos de estatísticas oficiais desde 1990, as cais constatan unha caída das emisións entre 2007 e 2010. Como temos analisado en Un claro no bosque, esta redución foi debido tanto á menor actividade económica, como á diminución do uso do carbón na xeración eléctrica. Despois de chegaren a un mínimo en 2010, ano moi favorábel para a produción eléctrica renovábel, as emisións de gases de invernadoiro volveron medrar.
Vale a pena apuntar que a evolución seguida polos gases de invernadoiro, contaminantes globais, é diferente da amosada polos contaminantes de alcance máis local e rexional, con efectos tóxicos para o ambiente e a saúde humana. Así, mentres as emisións dos gases de invernadoiro apenas se recortaron desde 1990, os segundos si experimentaron diminucións significativas -aínda que insuficientes- a respecto de 1990, nomeadamente no que atinxe ao dióxido de xofre (SO2) e aos metais pesados (11). Ao noso ver, isto foi así porque as reducións destes contaminantes son moito máis fáceis de conseguir, ademais de seren socialmente máis demandadas, pois, en contraste cos gases de invernadoiro, os seus efectos negativos son inmediatos e locais.
Que futuro?
Galicia é un  país cun elevado consumo material e enerxético, deficitario en recursos e excedentario en residuos fronte ao resto do mundo. Un mundo inmerso nunha gravísima crise socioecolóxica no que certamente será cada vez máis difícil, e máis inxusto, soster o noso actual modelo de produción e consumo.
Sen unha transición ecosocial cara a un modelo económico moito menos devorador de recursos e moito máis baseado en recursos propios e renovábeis, que invirta as tendencias seguidas nas últimas décadas, o futuro semella ben sombrío, pois máis que os espellismos, falsos problemas e curtopracismos do presente nolo oculten.
@xoseveiras
Notas
1. Por exemplo, nas entradas O custo real do aluminio galego, Alimentos quilométricos para unha alimentación insustentábel ou Nin megaminaría nin megaconsumo.
2. El metabolismo económico regional español. Óscar Carpintero (director). FUHEM-Ecosocial. Madrid, 2015.
3. The global resource footprint of nations. Carbon, water, land and materials embodied in trade and final consumption calculated with EXIOBASE 2.1. A. Tukker, T. Bulavskaya, S. Giljum, A. de Koning, S. Lutter, M. Simas, K. Stadler, R. Wood. Leiden/Delft/Vienna/Trondheim, 2014.
4. Justicia Ambiental Global: impactos socio-ambientales de la economía vasca en el Sur. Leire Urkidi e Eneko Garmendia. Ekopol (Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Ecoloxía Política da Universidade do País Basco) e Ecologistak Martxan. 2012.
5. El metabolismo económico de las regiones españolas. O. Carpintero, S. Sastre, P. L. Lomas. Revista Ecologista nº 87. Inverno 2015/16.
6. Por exemplo, en 2014, ano ao que se refire o último informe sobre o sistema eléctrico español de Red Eléctrica de España, houbo unha exportación neta de 4.500 GWh desde Galicia a Portugal. O excedente eléctrico total galego dese ano ascendeu a 11.500 GWh. Nos intercambios de electricidade entre España e Portugal o saldo é positivo para España e a maior parte da electricidade española exportada a Portugal provén de Galicia.
7. 10.587 toneladas equivalentes de petróleo (tep) importadas sobre un total de 12.663 tep. A maior parte en forma de cru de petróleo e produtos petrolíferos (6.007 tep). O carbón, con 2.877 tep, segue a ter máis importancia como fonte de enerxía primaria que o gas natural, do que se importaron 1.547 tep. Os agrocombustíbeis achegaron só 156 tep.
8. El metabolismo de la economía española. Recursos naturales y huella ecológica (1955-2000). Óscar Carpintero. Fundación  César Manrique. Lanzarote, 2005.
9. Como se apunta en El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010, ao pecharen as explotacións de chumbo e cinc de EXMINESA en Rubiais (O Cebreiro, Lugo), a minaría metálica galega cesou a súa actividade en 1991, na que achegaba o 3,8% do valor da produción mineira galega, lonxe do 18,2% do ano 1975. “Non obstante, na actualidade existen varios proxectos promovidos por empresas estranxeiras que pretenden reactivar esta actividade sobre xacementos de ouro, wolframio, tantalio ou litio”.  
10. Double jeopardy: Coal's threat to forests. Report by Mark Olden and Jess Neumann. FERN. 2015
11. Segundo os datos para Galicia do Inventario Nacional de Emisións Contaminantes á Atmosfera do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
0 notes
praza-unclaronobosque · 9 years ago
Text
Que zonas son as máis suceptíbeis aos grandes incendios forestais?
Os Grandes Incendios Forestais (GIF), definidos oficialmente como aqueles de superficie maior de 500 hectáreas, malia seren moi poucos, representan boa parte da superficie queimada anualmente. No ano pasado, en tan só 14 grandes incendios ardeu o 55% da superficie queimada en toda España. Porén, son poucos os estudos que aprofundan sobre este tipo de lumes. Por iso, Ecoloxistas en Acción decidiu investigar cais foron os terreos afectados por grandes incendios ocorridos entre 2012 e 2014.
Os resultados desta análise reflíctense no informe ’Grandes incendios forestales en España 2012-2014. Relación entre el GIF y el tipo de vegetación forestal y propuestas para reducirlos’. Neste pequeno estudo, a partir de 60 dos 65 grandes incendios acontecidos entre 2012 e 2014, "obtense un perfil do tipo de monte ou masa forestal máis susceptíbel de sufrir este tipo de catástrofes e outro para o menos susceptíbel de sufrilo".
Entre os 60 lumes estudados figuran oito rexistrados no noso país: A Veiga (xaneiro 2012, 517 ha); Fragas do Eume (marzo 2012, 805 ha); O Barco de Valdeorras (agosto 2012, 1509 ha); Cualedro (agosto 2013, 1180 ha); Oia (agosto 2013, 1500 ha); Pontecaldelas (setembro 2013, 600 ha); Carnota (setembro 2013, 2377 ha) e Negreira (setembro 2013, 663 ha). Durante 2013, nos cinco grandes incendios citados arderon 6.320 hectáreas, un terzo da superficie queimada ese ano nun total de 3.600 lumes.
Tumblr media
Os montes máis susceptíbeis aos grandes incendios resultaron ser os espazos forestais artificiais ou degradados, ben sexan derivados de repoboacións ou cultivos forestais (40% dos GIF) ou ben sexan matogueiras (outro 40%).
As especies dominantes nos espazos afectados por GIF son os piñeiros (60%), seguidos por distintas especies do mato, como queirugas, xestas ou xaras (20%). Apunta Ecoloxistas en Acción que os piñeirais son os máis vulnerábeis aos grandes lumes, a pesar de seren as formacións arbóreas obxecto de máis actuacións de "limpeza". Nas áreas de matogueira, tamén denominadas como "monte baixo", os incendios "adoitan xerarse pola acción humana a través do uso do lume con fins gandeiros ou agrícolas", nomeadamente en Galicia e no resto do noroeste de España (e da Península Ibérica).
Que montes son os menos susceptíbeis aos grandes incendios?
Precisamente o noroeste e centro norte de España, xunto co Levante e a zona centro, son as máis afectadas por GIF. Pola contra, as menos afectadas son os Montes de Toledo, Serra Morena e boa parte das cordilleiras cantábrica e pirenaica. Estas zonas "correspóndense con grandes extensións de monte mediterráneo e atlántico dominado por quercíneas ou outras frondosas". E é que os montes menos afectados polos grandes incendios son, "nun 12% dos casos, aqueles que dispoñen de verdadeiros bosques naturais ben conservados e pouco intervidos, principalmente os poboados por especies de quercíneas (aciñeiras, carballos ou sobreiras). Aquí, a intervención dirixida á prevención de incendios está moito máis limitada, cando non desaconsellada, pola menor vulnerabilidade destas masas ao lume e, sobre todo, polos condicionantes derivados da protección ambiental".
A xuízo de Ecoloxistas en Acción, esta análise mostra que unha das vantaxes da conservación dos bosques naturais ou seminaturais é a prevención de grandes incendios. Estes prodúcense maiormente en piñeirais e matogueiras, dous tipos de vexetación con maior intervención humana. Como é posíbel?. "A resposta é complexa, mais entre os factores coadxuvantes sen dúbida estarán a ampla superficie ocupada por estas masas, o seu carácter pirófilo e os conflitos sociais que xeran".
Como previr os grandes incendios?
Para previr os GIF, Ecoloxistas en Acción propón complementar "unha intensa vixilancia e persecución das causas directas e indirectas que provocan os incendios" cunha mudanza na forma de abordarmos a xestión do monte. Neste sentido, propoñen medidas como a "naturalización de forma masiva dos nosos montes" -algo especialmente aplicábel ao territorio forestal galego, con moitísimas plantacións pero contados bosques maduros con alto grao de naturalidade- ou a limitación das actuacións denominadas "de limpeza" do monte a zonas periféricas urbanas ou de grandes infraestruturas dominadas por plantacións forestais ou mato.
Porque, en particular nun país como Galicia, onde son escasos os lumes de orixe natural, non é a natureza abandonada a si mesma a que acaba por arder de non intervir a man salvadora do ser humano, "limpando" a "maleza" e "pondo en valor" o monte (que xa posúe un importante valor para nós só por existir), unha crenza froito da nosa ollada profundamente antropocéntica sobre a natureza. Pola contra, é a intervención humana masiva sobre a natureza sen respecto pola súa biodiversidade, unida á pervivencia da cultura de uso do lume como ferramenta de manexo do espazo rural, a que está na orixe dos incendios, cuxos impactos negativos se intensificaron dramaticamente durante as últimas décadas, ao se faceren máis numerosos e incontrolados, mais que xa viñan deixando unha extensa e fonda pegada nas paisaxes galegas desde moitos séculos atrás.
@xoseveiras
0 notes
praza-unclaronobosque · 9 years ago
Text
Entre 1990 e 2013, Galicia só reduciu o 4% as emisións de gases causantes do cambio climático
O cumio climático de París dará un novo (e insuficiente) paso na loita contra o cambio climático, superador do Protocolo de Quioto. Desde 1990, o ano de referencia para este protocolo, Galicia apenas reduciu as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro. Tan só as baixou o 4% entre 1990 e 2013, ano máis recente para o que hai datos oficiais, que se veñen de facer públicos. Sen a crise económica dos últimos anos, as emisións mesmo terían aumentado en comparación con 1990. Algo que previsibelmente volverá acontecer en 2015. Se medrar a economía e non mudaren as políticas públicas, tampouco haberá reducións permanentes importantes nos próximos anos.
Se Galicia tivese asumido solidariamente a súa responsabilidade fronte á urxente e alarmante crise climática global, debería ter reducido significativamente  as súas emisións a respecto de 1990. Non foi así. Se consideramos as emisións por habitante en lugar das totais, as emisións non é que se reducisen só un pouco, é que mesmo  aumentaron, rozando as 10 toneladas por habitante, superando polo tanto as emisións medias da UE, a diferenza do que acontecía en 1990. Unha cifra que dá a medida da nosa importante responsabilidade, en relación ao tamaño da nosa poboación, no problema climático. E tamén da nosa inacción.
Por que Galicia reduciu tan pouco as emisións?
A resposta principal a esta pregunta hai que buscala nas térmicas de carbón. Cansa dicilo, pero o que máis determina a evolución das emisións territoriais galegas é a actividade das centrais eléctricas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa). A súa importante capacidade de produción –a potencia conxunta destas centrais equivale á de dúas nucleares- sumada ao carácter moi intensivo en emisións de CO2 do carbón, convértenas en "asasinas climáticas". No noso país, non se pode falar seriamente de loita contra o cambio climático sen ollar de fronte para estas industrias.  As empresas propietarias e os axentes institucionais, políticos e sociais que da apoio ás centrais de carbón son os grandes corresponsábeis do fracaso galego no combate á mudanza climática.
Os datos anuais de emisións do noso país dependen maiormente da produción das térmicas de carbón, de cuxas chimeneas saiu un terzo das emisións totais durante 2013.  Así, a baixada do 10,8 % nas emisións  de 2013 en comparación coas do ano anterior explícase polo descenso do uso do carbón na produción eléctrica.  Tamén axudou o decrecemento do PIB, ou a diminución no consumo de derivados de petróleo, pero moito máis determinante foi o menor funcionamento das grandes "fábricas de cambio climático" de Meirama e As Pontes. A redución da súa produción entre 2012 e 2013 fixo que deixasen de emitir á atmosfera global 2.700.000 toneladas de CO2, cantidade equivalente á metade das emisións anuais de todo o sector do transporte, o que máis contribúe ao cambio climático desde o noso país despois das centrais de carbón (1).  
Tumblr media
A central eléctrica de carbón das Pontes foi a maior “fábrica de cambio climático” do Estado español durante 2014.
Por que as térmicas de Meirama e As Pontes queimaron menos carbón en 2013? Porque os parques eólicos e os encoros hidroeléctricos xeraron máis electricidade, en detrimento das centrais de carbón. Foi así polo tempo que fixo ese ano, máis chuvioso e ventoso que o anterior. Perante o estancamento da potencia instalada en enerxías renovábeis logo do parón decretado polo Goberno Rajoy e mais o reducido nivel de utilización das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón e As Pontes (menos contaminantes que as de carbón pero tamén menos rendíbeis para as eléctricas), o tempo é o factor que máis está a influír nas emisións de CO2.
Aínda que os datos máis recentes sobre as emisións totais de Galicia só están actualizados até 2013, é fácil prever a tendencia das emisións durante 2014 e o ano que está a piques de rematar simplemente seguindo a xeración de electricidade con carbón. Esta aumentou lixeiramente en 2014 e seguramente medrará máis no presente ano, moi seco. Se ademais temos en conta outros datos, como o crecemento do PIB ou o descenso do prezo do petróleo, é previsíbel que as emisións de gases de invernadoiro en 2015 superen as de 1990. 25 anos claves para a loita contra o cambio climático nos que Galicia non foi capaz de iniciar un vieiro de descenso continuado das emisións.
Só a crise económica e os parques eólicos diminúen a achega de Galicia ao cambio climático
A pesar de que segue a ser o de maior impacto climático, o sector enerxético foi o único no que se recortaron de forma importante as emisións a respecto de 1990, no que eran elevadísimas, debido ao desenvolvemento das enerxías renovábeis, nomeadamente da eólica. De non ser polos parques eólicos construídos desde finais da década de 1990 e polos períodos de recesión ou estancamento do PIB, as emisións desde o territorio galego terían aumentado sensibelmente desde 1990. Onde máis medraron foi no transporte, como resultado do crecemento desmesurado da mobilidade motorizada.
Tumblr media
Achega das enerxías renovábeis en Galicia á mitigación do cambio climático segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
O desempeño climático do conxunto do Estado español foi peor aínda que o da nosa terra. Foi, de feito, o peor da UE, ao teren aumentado as emisións un 12% entre 1990 e 2014. No mesmo período, a  UE conseguiu reducir as súas emisións un 20%.
Estamos a falar de emisións territoriais, dos gases de  invernadoiro emitidos polas actividades asentadas dentro das fronteiras dos devanditos territorios. Mais o panorama muda se consideramos a pegada de carbono, isto é, as emisións asociadas ao consumo, sen importar o lugar no que se producen. As emisións desde a perspectiva do consumo deben tamén ser tidas en conta á hora de avaliar a responsabilidade climática dunha economía. E en economías como as europeas (incluída a galega), que externalizan boa parte dos impactos negativos asociados ao seu consumo, estas emisións adquiren unha relevancia especial. Pero non se inclúen nas estatísticas oficiais, talvez porque nos din cousas que non queremos saber. Como que as emisións ligadas ao consumo da UE en 2009 eran un 2% máis altas que en 1995. Parece pois que a UE non é tan campioa na loita contra o cambio climático como nos queren facer crer.
Se sobre a evolución das emisións vencelladas ao consumo da UE falta información, sobre as asociadas ao consumo da economía galega non sabemos case nada. Só hai unha estimación, referida ao ano 2007 e só para o consumo privado: 8,2 toneladas/habitante, unha cifra elevada no contexto mundial e intermedia no español. Malia a falta de información, semella claro que tanto o impacto climático da Galicia produtora como o da consumidora son excesivos.
Os cinco grandes contaminadores
Abordar a achega de Galicia ao cambio climático, sexa da pespectiva que for, lévanos sempre ao carbón. Porque para explicar o anterior dato, relativo á pegada climática do consumo privado galego, entre outros factores importantes, como a adición ao automóbil privado ou a unha dieta con exceso de carne, hai que ter en conta tamén a orixe da electricidade que consumimos, na que o carbón ten aínda bastante peso, o que eleva a pegada climática do consumo eléctrico, dado que o carbón é, como xa vimos, un combustíbel moi intensivo en emisións de CO2. Un 30% da electricidade producida no noso país durante 2013 e 2014 procedeu do carbón importado.
Tumblr media
Emisións de gases de invernadoiro durante 2013 en Galicia.
Se ollamos para as maiores responsabilidades individuais, o carbón convértese na principal razón a ter en conta. Tan só cinco empresas son responsábeis do 45% das emisións territoriais de Galicia. E entre elas sobrancea a eléctrica ENDESA, o maior inimigo do clima en territorio galego por causa da súa central de carbón das Pontes, que nalgúns anos, como o pasado, é o maior foco emisor de CO2 de todo o Estado español. En 2013 incluso emitiu máis CO2 que as comunidades autónomas de Navarra ou Cantabria.
A segunda empresa posicionada no ranking dos maiores contribuíntes ao cambio climático é Gas Natural Fenosa. A razón non é outra que a súa central de carbón de Meirama, máis pequena que a das Pontes. A terceira é Alcoa, dedicada á produción de alúmina e aluminio, devoradora de electricidade. A grande factoría de alúmina-aluminio de San Cibrao construiuse á par da central de carbón das Pontes. Aluminio e carbón forman unha parella moi unida en Galicia.
Perante a decisiva encrucillada climática na que está a humanidade, Galicia debería iniciar xa un camiño de descenso drástico e continuado das súas emisións, que están moi por riba das que nos corresponderían nun reparto xusto dun ben común básico para o benestar humano como é a capacidade de absorción de carbono do planeta.  O que pasaría, a (non tan) longo prazo, pola descarbonización de toda a economía, pola superación do produtivismo e o consumismo, polo decrecemento no uso dos recursos naturais. E comeza, antes que nada, por pechar unhas térmicas de carbón innecesarias para atender o consumo interno galego e enerxeticamente ineficientes. Con moita diferenza, esa sería a medida que por si soa máis podería recortar as emisións en menos tempo e a menor custo. Mais poucos parecen querer baixar os fumes as térmicas de carbón galegas.
@xoseveiras
Nota
1. A redución das emisións totais en 2013 en comparación con 2012 foi de case 3 millóns de toneladas. Os descensos rexistrados noutros sectores diferentes ao da produción eléctrica foron moi inferiores, sendo o maior o habido no sector industrial (375.000 toneladas menos).  
Máis información sobre as emisións de gases de invernadoiro en Galicia entre 1990 e 2013 en
Tempo de actuar. Galicia e a crise climática from xoseveiras
0 notes
praza-unclaronobosque · 9 years ago
Text
Galicia perante o cambio climático
A mudanza climática é parte dunha profunda crise ecolóxica global que ten a súa raíz nun sistema económico produtivista de fasquía capitalista que ignora os límites ambientais, obsesionado coa procura do (imposíbel) crecemento ilimitado da produción e o consumo materiais.  O quentamento climático está mudando o planeta e Galicia. Ás portas dun novo cumio climático internacional  "decisivo", o noso país segue sen asumir a súa responsabilidade, non precisamente menor en termos relativos.
Unha realidade  que non podemos ignorar
A estas alturas, ninguén debería albergar a menor dúbida verbo da realidade inequívoca e das consecuencias potencialmente  devastadoras dunha mudanza climática de clara influencia humana. Hai un moi amplo consenso científico ao respecto desde hai máis de 20 anos, reflectido nos cautelosos, rigorosos e exhaustivos informes de avaliación do Grupo de Expertos da ONU sobre Cambio Climático (coñecido como IPCC, as súas siglas en inglés). O quentamento climático está a provocar xa múltiples impactos negativos por todo o mundo:   diminución da calidade e a cantidade de auga en certas áreas, descensos na produción mundial de trigo e millo, aumento na frecuencia e intensidade de secas, tempestades, incendios e pragas en moitos lugares do mundo, atribuíbel nalgúns casos á mudanza climática, etc, etc.
As alteracións climáticas causadas polas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro están a golpear a humanidade, nomeadamente a máis empobrecida. Os impactos agravaranse ao aumentar a magnitude da mudanza climática, podendo  ser abruptos,  inesperados ou irreversíbeis. A temperatura media global da Terra aumentou 0,85 ºC no período 1880-2012. O limiar de incremento "admisíbel" para prevenirmos unha catástrofe climática fixouse politicamente en 2ºC, aínda que o máis aconsellábel sería non ultrapasarmos 1,5º C.  Para estarmos certos de non superarmos o limiar máis seguro, habería que volver canto antes a unha concentración de CO2 na atmosfera de 350 ppm (partes por millón). Iso obrigaría a reducir as emisións mundiais de CO2 a un ritmo anual do 6% desde agora mesmo, así como a implementar un ambicioso programa de reforestación no período 2031-2080 para retirar da atmosfera CO2 en exceso (1). Diminuirmos a este ritmo as emisións sería socialmente custosísimo e politicamente inviábel. Así estamos logo de décadas de negacionismo e de forte crecemento do consumo e a poboación. Afrontamos riscos elevados e só temos marxe para tentar evitar o peor.
Os impactos do quentamento global noutras parte do mundo  incidirán en Galicia, dun xeito ou doutro, antes ou despois. Porque o  medio ambiente non sabe de fronteiras e porque facemos parte dun mundo moi interconectado, do que hoxe importamos masivamente recursos naturais, cuxas dispoñibilidades e prezos veranse cada vez máis afectados polo cambio climático e outros factores que actuarán, as máis das veces, en sentido contrario ás nosas apetencias. Pero, por suposto, a mudanza climática está ocorrendo e impactando tamén en Galicia, onde a temperatura superficial en terra aumentou abruptamente desde a década de 1970 (1).
Tumblr media
Hai escasa conciencia diso, mais o cambio climático está xa a afectar Galicia de forma significativa. Algúns impactos poden parecernos pouco máis que curiosos, como a "tropicalización " da fauna de peixes mariños ou  a "mediterraneización" da  vexetación terrestre (paralela á "australización" pola invasión de eucaliptos e acacias). Outros xa a primeira vista  semellan ben máis preocupantes,   como o empeoramento dos índices de perigo de incendiodurante as últimas décadas ou o debilitamento do afloramento de augas frías que ten lugar  fronte as nosas costas, chave para a manutención da produtividade mariña.
Un escenario mundial de aumento non moi alto das emisións sería suficiente para  a temperatura media anual en Galicia aumentar no período 2065-2095 uns 3 ºC  no interior e uns 2ºC na costa,  a respecto de 1965-1995. Durante o verán, o aumento no interior podería superar os 5 ºC.  As vagas de calor e as secas serían moito máis intensas e prolongadas, con cortes nos abastecementos de auga, reducións acusadas nas  producións agrarias e gandeiras, vagas de lumes moi destrutivos, maior mortalidade por altas temperaturas ou caídas na produción de enerxía hidroeléctrica.
Algúns feitos ocorridos nos últimos anos son fiestras cara ao futuro que  nos agarda se non somos quen de limitarmos a mudanza climática. Vagas de incendios forestais como a terríbel de agosto de  2006, seguidas de riadas causadas por chuvias torrenciais como as de outono dese mesmo ano poderían acontecer con moita máis frecuencia. O mesmo se pode afirmar a respecto da sucesión de fortes temporais do inverno 2013-2014, que nos deixou un saldo de seis mortes, importantes perdas na pesca e o marisqueo e na agricultura e un ronsel de graves danos materiais en dous de cada tres concellos costeiros, estragos potenciados por un dos efectos do cambio climático, a suba do nivel do mar, cifrada en 2 cm/década (desde 1943).  
A responsabilidade da economía galega
Os níveis de produción e consumo de Galicia non son, nin moito menos, os propios dun país "atrasado”. Xa que logo, non debería estrañarnos que figuremos, por razóns máis propias que alleas, no grupo de países que, en termos relativos, máis contribúen á mudanza climática.   Somos apenas o 0,040 % da poboación mundial, mais emitimos desde o noso territorio o 0,067 % do dióxido de carbono (CO2) procedente do uso de combustíbeis fóseis e da produción de cemento, a principal causa de quentamento global (datos para 2011). As emisións por habitante de Galicia son superiores ás da grande maioría dos estados do mundo, incluídos moitos da Unión Europea.
Non se dispón de datos oficiais anteriores a 1990, mais todo fai pensar que as emisións galegas de gases de invernadoiro disparáronse a partir da década de 1970. As principais razóns hai que buscalas no acelerado crecemento do consumo  interno de enerxía, iniciado xa na década anterior, e mais na instalación de  industrias con emisións moi elevadas: a fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao (hoxe propiedade de Alcoa) e, sobre todo, as centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa).
Considerando todas as fontes e gases de efecto invernadoiro, Galicia emitiu 30 millóns de toneladas de gases de invernadoiro durante o último ano para o que se dispón de información (2012). As emisións aumentaron o 6,3% desde 1990. No período 1990-2012 podemos diferenciar dúas fases. Entre 1990 e 2007 as emisións medraron un 25%. Pola contra, entre 2007 e 2012 baixaron un 15%, como resultado da crise económica e, sobre todo, da perda de peso do carbón – o combustíbel máis intensivo en emisións de CO2- na produción de electricidade. Este menor peso do carbón veu inducido polo crecemento da xeración renovábel e pola entrada en funcionamento das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón e As Pontes, moito menos intensivas en emisións de CO2 que as de carbón.  Porén, entre 2010 e 2012 rexistrouse un repunte das emisións, paralelo ao repunte da produción das térmicas de carbón.  
Tumblr media
A xeración de electricidade nas centrais de carbón de Meirama e As Pontes  é o o factor máis determinante da tendencia seguida polas emisións de gases de invernadoiro na nosa terra. E é que estas centrais son responsábeis de nada menos que un 40% das emisións. Xunto coas térmicas de carbón, a outra grande fonte de emisións é o transporte, un sector no que as emisións aumentaron un 40% desde 1990. Un incremento moi superior ao rexistrado no conxunto dos países desenvolvidos.
Até aquí vimos cal é a responsabilidade da economía galega no quentamento global desde a perspectiva territorial, considerando só a cantidade de gases emitidos dentro das nosas fronteiras. Temos unha importante responsabilidade como sociedade sobre elas, mais non todos os gases de invernadoiro emitidos en Galicia son atribuíbeis ao noso consumo. Por exemplo, unha boa parte da produción das empresas con maiores emisións (ENDESA, Gas Natural Fenosa, Alcoa, Repsol,....) destínase a outros territorios. Isto é algo a termos en conta, mais que non pode ser usado como argumento para eludirmos totalmente a nosa responsabilidade fronte a actividades localizadas en Galicia. Cómpre asumirmos a nosa responsabilidade desde a perspectiva da produción e, ao tempo, considerarmos o enfoque da "responsabilidade do consumidor". Para estabelecermos a nosa responsabilidade desde a perspectiva do consumo, necesitamos coñecer cal é a  nosa pegada climática,  isto é, a cantidade de gases de invernadoiro emitida para producir todos os bens e servizos demandados pola economía galega. Polo tanto, para calcularmos a pegada climática, ás emisións desde o territorio galego habería que lles restar as asociadas ás exportacións e sumar as vecelladas ás importacións.
Lamentabelmente, tan só contamos co cálculo para o ano 2007 da pegada asociada ao consumo privado, ao consumo dos fogares, estimación que, polo tanto, non incorpora as outras compoñentes da demanda interna, o gasto público e as decisións de investimento, menos importantes mais que elevarían significativamente a cifra obtida (3). No devandito ano, as emisións asociadas ao consumo dos fogares galegos ascendeu a 8,2 toneladas por habitante, unha cifra elevada no contexto mundial. As dúas terceiras partes das emisións procederon de tres categorías de gasto: "transporte e comunicacións" (2,19);  "alimentos e bebidas" (1,69); e "gas, electricidade e outros combustíbeis" (1,45).  
As emisións territoriais per cápita de Galicia en 2007 ascenderon a 12,6 toneladas, co cal podemos asegurar que  nese ano a responsabilidade da economía galega no quentamento global foi menor desde a perspectiva do consumo que desde a da produción.
Malo será!: a débil resposta da sociedade galega ao desafío climático
A nosa terra ten unha responsabilidade nada menor na xeración da mudanza climática global, en relación co tamaño da súa poboación e da súa economía. Unha responsabilidade que, na parte que lle toca a cada un, poder político, empresas e cidadanía estamos lonxe de asumir na medida necesaria.
A reacción do conxunto da sociedade galega perante o desafío climático parece inspirada polo "Malo será!". Subestimamos os efectos actuais e potenciais do cambio climático, eludimos a nosa responsabilidade,  amparamos e consideramos "estratéxicas" empresas e sectores industriais "asasinos do clima".    
A política climática do Goberno Feijoó, como a de todos os gobernos da Xunta que  o precederon, non é nin boa nin mala. Simplemente non existe. Non se definiron medidas, obxectivos e prazos para a redución, en termos absolutos, das nosas emisións. O mesmo se pode afirmar  a respecto de  Concellos e Deputacións. Practicamente todas as institucións locais achan que a loita contra a mudanza climática non é asunto delas.
A mudanza climática nin sequera ocupa o lugar de destaque que debería na acción sociopolítica das organizacións e movementos de defensa ambiental. Por exemplo, son moi contadas as ocasións en que se pon o foco nas enormes fábricas de cambio climático que son as centrais de carbón de Meirama e, sobre todo, das Pontes (nalgúns casos mesmo podemos dicir que se tenta desviar o foco). Ou son ben débiles os intentos de vencellar certas loitas sociais (catástrofe do Prestige, regasificadora de Mugardos,...) co cambio climático, usándoo como un argumento de calado para cuestionar o modelo enerxético-económico fosilista que está na raíz das problemáticas que se combaten. As loitas diríxense fundamentalmente a procurar cambios de ubicación de instalacións contaminantes, ou maiores medidas para a prevención e o control da contaminación local, sen defender claramente unha transformación do modelo económico produtivista- consumista.
Sen perder de vista o panorama xeral pouco alentador, cómpre destacar algunhas realizacións e loitas que contribúen ao combate contra o cambio climático. A defensa da agroecoloxía e da soberanía alimentar gañou protagonismo durante os últimos anos na acción dos movementos sociais e materializouse en interesantes iniciativas de produción e de consumo. Desde diversos ámbitos, téñense promovido valiosas accións en materia de educación ambiental sobre a mudanza climática e o teito do petróleo (as dúas caras principais da crise enerxética). No eido do transporte urbano, xurdiron varias iniciativas a prol do uso da bicicleta e mesmo no centro dunha cidade, a de Pontevedra, o goberno local impulsou unha ambiciosa política de restrición do uso do automóbil. O forte crecemento da xeración eléctrica a partir do vento rexistrado no noso país desde finais da década de 1990 até o  “parón eólico” está a supor un importante aforro de emisións. Mágoa que as sucesivas regulacións eólicas autonómicas deixasen o aproveitamento do vento en mans de grandes empresas e causasen tantos danos nalgúns dos nosos mellores espazos naturais.
Mudar para que non mude (moito) o clima
Como corresponde a un país con elevadas emisións per cápita, Galicia debe, por un lado,  axudar aos países empobrecidos a loitaren contra o cambio climático e, polo outro, diminuír as súas emisións de forma drástica. Para lograr isto último, non debería recorrer ás falsas e contraproducentes solucións pregoadas desde o "capitalismo verde", como a expansión de plantacións forestais  de eucalipto e outras árbores de crecemento rápido para retirar CO2 da atmosfera,  os agrocombustíbeis insustentábeis,  as centrais de carbón con captura e almacenamento de CO2   ou a enerxía nuclear.  
Tumblr media
Cómpre iniciarmos xa a transición cara a unha economía baixa en carbono e máis resiliente, que nos faga moito menos vulnerábeis aos impactos da mudanza climática e á crecente escaseza de recursos naturais. Unha transición que implique cambios radicais na estrutura económica e nos estilos de vida maioritarios, así como un reparto igualitario da riqueza e dos traballos remunerados e de coidados. A obsesión actual polo crecemento da economía e da poboación debería substituírse pola procura de boas condicións de vida para todos e todas, renunciando ao consumo superfluo e preservando o capital natural do que dependemos.
Considerando un horizonte de curto prazo, algunhas medidas, viábeis se houbese a vontade política e social necesarias, contribuirían a unha diminución notábel das emisións sen provocar graves prexuízos sociais, sempre e cando fosen acompañadas das medidas de compensación adecuadas. A máis efectiva, con moita diferenza, sería o peche das centrais de carbón, das que Galicia podería prescindir hoxe mesmo sen pór en perigo o seu subministro eléctrico.
Outras medidas, a priori de máis difícil aceptación social, tamén comportarían reducións importantes no curto prazo, se ben en menor medida que o abandono de vez do carbón. É o caso de todas as que poden desincentivar eficazmente o uso do automóbil privado (gravar máis os combustíbeis, deixar de ampliar a rede viaria, acabar co pagamento público de "peaxes na sombra",...), imprescindíbeis (aínda que non suficientes) para aumentar o peso dos modos de transporte "amigos do clima".
Finalmente, están tamén ao noso alcance outras medidas socialmente ben consideradas á espera dun maior compromiso institucional, medidas tamén efectivas no combate á mudanza climática, se ben a máis longo prazo, como o lanzamento de plans ambiciosos para o  fomento da produción, comercialización e consumo de alimentos ecolóxicos, a xestión sustentábel do monte, a xeración distribuída de enerxías renovábeis, a mellora da baixa eficiencia enerxética das vivendas (que debería facer parte da loita contra a crecente pobreza enerxética), a compostaxe e a reciclaxe, ou o impulso do transporte colectivo e dos modos non motorizado.
Galicia é hoxe, en termos relativos, parte importante do problema climático . Deixemos de ser parte do problema para selo da solución. É moito o que está en xogo.  
@xoseveiras
Este texto é unha versión resumida do capítulo "Galicia perante o cambio climático" do libro colectivo "Ecoloxía Política.Olladas desde Galicia", coordenado por Xoán Hermida e Xan Duro e publicado pola editorial obencomún en 2015. O texto completo pode lerse en Galicia perante o cambio climático
Notas
1. Assessing ‘‘Dangerous climate change’’: Required reduction of carbon emissions to protect young people, future generations and nature. J Hansen, P.  Kharecha, M. Sato, V. Masson-Delmotte, F. Ackerman, et al. PloS ONE 8(12):e81648. 2013.
2. As referencias ás evidencias e impactos do cambio climático en Galicia baséanse en Evidencias e impactos do cambio climático en Galicia,Xunta, 2009; Regional climate change in the NW Iberian Peninsula, ClimateResearch-Vol. 48, No. 2-3, 2011; e Cambio climático en Galicia en el siglo XXI, Álvarez et. al, ACT 2, 2011.
3. La responsabilidad de la economía española en el calentamiento global. Jordi Roca Jusmet (coord), Vicent Alcántara, Iñaki Arto, Emilio Padilla e Mónica Serrano. Fuhem ecosocial e Catarata. 2013.
0 notes
praza-unclaronobosque · 9 years ago
Text
O custo real do aluminio galego
Manter a produción de alúmina e aluminio nun país sen minas de bauxita e sen enerxía  autóctona abundante semella cada  vez máis complicado. Incluso subvencionando, mediante o noso recibo da luz e a cambio de nada, o seu desmesurado consumo de electricidade. Mesmo tolerando uns elevados custos ambientais.   O aluminio é un dos materiais que leva asociada unha  maior pegada de deterioración ambiental. Mais iso non se reflite no seu prezo,  favorecéndose así o sobreconsumo de moitos produtos que o empregan.
Aluminio galego (pero non moito)
Alcoa produce alúmina e aluminio en Galicia nos seus centros de San Cibrao (Mariña luguesa) e A Coruña (só aluminio), pero dificilmente esa produción se pode cualificar como galega a secas. A bauxita,  a materia prima da alúmina, a partir da cal se produce o aluminio, impórtase de Guinea Conakry. Este pequeno estado da África subsahariana é o segundo do mundo do que Galicia importa máis mercadorías (medidas en toneladas, non en euros). O primeiro é Indonesia, o cal tamén ten bastante a ver coa produción de alúmina-aluminio, como veremos axiña (1). As importacións desde ambos os dous países explican unha parte importante do déficit comercial físico de Galicia, da nosa acusada dependencia material externa. Para descargar as grandes cantidades de bauxita  que chegan ao noso país foi preciso construír un porto en San Cibrao destinado a tal fin.
Nin sequera se debería considerar galega a electricidade consumida nun proceso de fabricación moi intensivo en demanda enerxética (2). Si o foi no pasado, mais esgotado xa o carbón autóctono, que alimentaba a central das Pontes, construída en paralelo ao complexo de San Cibrao, ao que subministra electricidade a través de dúas liñas de 410.000 voltios,  hoxe a electricidade consumida xérase a partir de carbón importado, maiormente de Indonesia. Xa que logo, e a menos que consideremos a Guinea ou a Indonesia como colonias galegas, non resulta moi apropiado falarmos de aluminio galego sen máis, soslaiando que non temos nin minerais nin materias primas enerxéticas propias suficientes para alimentar unha industria altamente devoradora de materiais e enerxía.
Como é ben sabido, tampouco é galega Alcoa. Após a privatización da empresa pública estatal Inespal nos tempos dourados do neoliberalismo en versión aznariana, as fábricas de San Cibrao e A Coruña pasaron “a prezo de ganga” a mans da multinacional estadounidense Alcoa. O currículo socioambiental deste xigante empresarial presente en todo o mundo deixa moito a desexar, e non só aos ollos dos ecoloxistas  radicais.  Tampouco a Conferencia Episcopal dos EEUU parece gostar moito da conduta dunha empresa excluída dun índice bursátil baseado en criterios éticos estabelecidos polos bispos estadounidenses (3).
Tumblr media
Alén de cantidades enormes de mineral e de enerxía, a produción de aluminio tamén demanda moita auga. Esta sí é de orixe totalmente galega. Para garantir o abastecemento da factoría de San Cibrao mesmo houbo que construír un encoro.
A un proceso produtivo que demanda unha cantidade exorbitante de materiais, enerxía e auga corresponde inevitabelmente unha xeración de volumes inxentes de contaminación e de residuos. E os seus impactos tampouco son só galegos.
O elevado prezo socioambiental do aluminio
O quentamento climático, xunto coa sexta extinción, xunto coa hecatombe de biodiversidade, é a expresión máis alarmante da crise ecolóxica global que nos está a levar cara ao colapso. Na achega de Galicia á crise climática, nada pequena en termos relativos, sobrancea a participación da produción de alúmina e aluminio, o sector industrial galego con maior impacto climático  (excluído o eléctrico). As emisións de gases causantes do cambio climático de Alcoa ascenderon a 1.407.000 toneladas  durante 2014  (4). Para que nos fagamos unha idea da súa magnitude, equivalen  a algo menos da metade das emisións totais anuais da agricultura e a gandaría en Galicia.  
Alcoa é a terceira empresa entre as asentadas no país con maiores emisións de gases causantes do cambio climático. Pero o seu impacto climático real é aínda maior do que desprenden os datos anteriores, pois ás emisións  directas dos seus centros en San Cibrao e A Coruña, habería que lle sumar as indirectas asociadas á electricidade consumida procedente do carbón, o combustíbel fósil máis intensivo en emisións.  Aluminio e carbón (antes galego, agora importado) sempre formaron en Galicia unha parella moi unida. Abandonado xa o proxecto de central nuclear de Xove, na década de setenta impulsouse a central de carbón das Pontes, hoxe a maior “fábrica de cambio climático” do Estado español,  para garantir o abastecemento do complexo alúmina-aluminio de San Cibrao.
Alcoa está  a esixir constantemente enerxía (aínda) máis barata. Se o   comercio europeo de emisións de CO2 -do que a industria do aluminio conseguiu ser excluída até 2013-,  fose un instrumento potente para a redución de emisións na industria, non teñamos ningunha dúbida de que Alcoa estaría tamén a pedir a berro limpo CO2 barato. O CO2 é xa un “recurso” máis que, sobre todo nos países desenvolvidos, obrigados xustamente a maiores esforzos de redución, se ha ver crecentemente limitado no futuro, en maior ou menor medida segundo for o vigor das políticas de mitigación da mudanza climática.  No ano pasado, a produción de aluminio emitiu en Galicia 177.000 toneladas máis das que lle foron asignadas no marco do comercio europeo de emisións. Porén, co prezo da tonelada baixo mínimos, saíulle moi barato saldar este déficit.
Á contaminación global hai que lle sumar a de alcance máis local. A diferenza da primeira, ésta ten efectos inmediatos e visíbeis, como ben saben os veciños e veciñas da contorna da fábrica de San Cibrao, o maior centro de produción de Alcoa en Galicia. Alcoa tivo que pagar até a actualidade uns 3 millóns de euros en concepto de danos e prexuízos a propietarios de terras de cultivo (5). Os solos situados a menos de 5 km da factoría de Alcoa están contaminados por flúor, procedente das emisións á atmosfera de fluoruros, se ben esta contaminación parece ter diminuído ultimamente, segundo un estudo realizado por edafólogos e edafólogas das universidades de Santiago e Vigo (6).
Ademais das emisións á atmosfera de compostos de flúor, cómpre salientar tamén as de dióxido de xofre (SO2). Na localidade de Xove, a uns catro quilómetros do complexo de Alcoa en San Cibrao, respírase aire contaminado por SO2 segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), ben máis estritas que as legais en vigor na UE (7). Ademais, a súa fábrica de aluminio na Coruña contribúe,  xunto con outras grandes industrias e co tráfico, a facer da Coruña e Arteixo os concellos do noso país con peor calidade do aire.
Alcoa contamina o aire, o solo e a auga. Segundo Cepesma, unha organización asturiana para o estudo e protección das especies mariñas, Alcoa  verte ao mar desde San Cibrao unhas 250.000 toneladas anuais de sosa caústica, sustancia empregada no proceso de fabricación da alúmina. Unha auditoría interna da  empresa filtrada a Cepesma asegura que os efectos negativos destes vertidos chegan até a costa central de Asturias. A Xunta di non saber nada (8).
Alcoa tamén é un enorme produtor de residuos, nomeadamente en San Cibrao. As tres cuartas partes dos residuos xerados pola industria manufactureira galega son minerais, algo que ten moito a ver coa  actividade da fábrica de alúmina-aluminio. Entre os residuos producidos salientan as chamadas lamas vermellas, que son almacenadas nunha grande balsa que podería provocar un desastre se romperen as súas paredes. Foi o que aconteceu hai cinco anos, sen irmos máis lonxe, en Hungría. Após esta catástrofe, semella que Alcoa e Xunta se tomaron máis en serio a planificación das medidas a tomar para protexer a poboación no caso dun accidente. O risco é real, se ben “moi reducido”, se acreditarmos nas declaracións da delegada da Xunta na provincia de Lugo (9). O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España cualificou como alto o impacto ambiental da balsa, na que non observou problemas de estabilidade (10).  
Tumblr media
A minaría “galega” de Guinea
Hai dous xeitos de vermos os impactos da minaría en Galicia. Desde a perspectiva da produción (poñendo o foco nas minas situadas no noso territorio) e desde a perspectiva do consumo (ollando para todos os territorios nos que se extraen os minerais  demandados pola nosa economía, sen importar ónde se sitúan). As dúas perspectivas son necesarias e complementarias e deberían ser obxecto da mesma consideración, mais a segunda case sempre é ignorada, a pesar de o noso país consumir moitos máis minerais  dos que extrae.
Os xacementos de bauxita están próximos á superficie e son pouco profundos, polo que a extracción da bauxita, sempre en minas a ceo aberto, provoca unha destrución do territorio relativamente elevada. Non os vemos, pouco sabemos deles, non nos preocupan,  mais o certo é que a produción de alúmina-aluminio en Galicia está a causar danos sociais e ambientais importantes en Guinea, a orixe da bauxita usada por Alcoa. Un dos países máis empobrecidos do mundo, de cuxa enorme riqueza en bauxita, explotada en parte por Alcoa a través da Compagnie des Bauxites de Guinee, moi pouco se beneficia o pobo.
Segundo a propia industria do aluminio, para a produción dunha tonelada de aluminio necesítase, por termo medio, a bauxita extraída nun metro cadrado de mina. De acordo coa súa web, Alcoa pode producir na nosa terra unhas 400.000 toneladas/ano de aluminio. Soster esta produción durante uns 20 anos requeriría dunha superficie mineira equivalente á da frustrada mina de ouro de Corcoesto.
Tumblr media
Dos conflitos reais e potenciais que causa a minaría en Guinea, así como da súa posición de privilexio no país, dá idea unha anécdota acontecida durante un acto organizado polo goberno guineano en Londres para atraer investimentos. No final da súa presentación, a ministra de Agricultura non tivo reparos en facer publicamente un rogo ao ministro responsábel da minaría sentado na primeira fila: “Por favor, protexe os nosos monos vermellos e os nosos sapos brancos”. A ministra declarou que é un “desafío” a coexistencia entre a extracción mineira, fundamentalmente de bauxita, e a produción de alimentos, mais “tendo que elixir entre un sector que emprega 100.000 persoas e outro que alimenta 12 millóns, eu prefiro o último” (11).
Alcoa é a maior consumidora de electricidade en Galicia
Alcoa é o maior consumidor de electricidade de Galicia. A industria do aluminio representa nada menos que unha cuarta parte do consumo eléctrico galego (12).  Un dato que, por si só, nos axuda a entender porque o aluminio ten sido descrito como “electricidade sólida”. Ou porque o aluminio galego, destinado na súa maior parte á exportación para ser transformado en bens de consumo, se considera unha forma indirecta de exportación de electricidade.
Alcoa consome máis electricidade que todos os fogares galegos pero, en proporción, paga moitísimo menos por ela. Alcoa e os outros grandes consumidores industriais practicamente non contribúen a pagar a parte regulada (as chamadas “peaxes”) da factura eléctrica, isto é, achegan moi pouco a financiar as redes eléctricas, as primas ás renovábeis, á coxeración e á incineración do lixo, ou o déficit de tarifa. Mentres os consumidores domésticos pagamos uns 100 euros/MWh, a grande industria paga só a décima parte (13). Unha desproporción excesiva. Pero é que ademais, e acabadas de facer as contas, en realidade aínda paga menos. Como?. Grazas aos “custos de interrompibilidade”.
A industria electrointensiva, como a da produción de alúmina e aluminio, está disposta a desconectarse da rede eléctrica se, no caso de se producir un pico na demanda de electricidade con risco de apagón xeralizado, o xestor da rede eléctrica llo demandar. A sobrecapacidade actual do sistema eléctrico español fai que unha situación así sexa máis que improbábel. Pero “os custos de interrompibilidade” son xa unha tradición. Entre  1998 e 2013 atinxiron os 2.700 millóns de euros, dos cais o 99% corresponden ao período 2008-2013. É dicir, mentres aumentaba a pobreza enerxética e  máis evidente se tornaba o exceso de capacidade, vímonos obrigados a pagar  xenerosamente no noso recibo da luz por un servizo que non precisamos.  Estamos perante un pagamento claramente ilexítimo que só ten por obxecto subvencionar a actividade de grandes empresas como Alcoa (14).
Até hai uns anos, estas empresas disfrutaban dunha tarifa preferencial moi reducida que lles garantía a longo prazo un subministro eléctrico moi barato. No contexto actual, para a produción galega de alúmina e aluminio ser competitiva, nun mercado mundial que tende a desprazar a produción cara ao sur e cara ao leste, precisa da axuda que representan os “custos de interrompibilidade”.
Unha tarifa eléctrica galega para Alcoa?
Poñendo por diante a traballadores, partidos, gobernos locais e Xunta, Alcoa está a reivindicar constantemente un subministro eléctrico (máis) barato baixo ameaza de pechar as súas fábricas galegas. Conseguiu converter o seu subministro enerxético nun asunto de país, pois, como declarou no seu día o ex-secretario xeral do PSdG-PSOE Pachi Vázquez, “Galicia non se entendería sin Alcoa”.  Unha frase que sintetiza o apoio unánime a Alcoa dos principais actores políticos e sociais do país. Porén, esgotado xa o carbón galego, garantir un subministro enerxético barato a longo prazo a industrias  como Alcoa non é doado nun país sen reservas de combustíbeis fósiles e cun potencial hidroeléctrico limitado (por exemplo, en comparación con outros países produtores europeos como Noruega e Islandia), alén de xa moi explotado.  
Mesmo sectores que noutrora poñían a énfase no carácter de industria de enclave da produción de alúmina-alumnio en Galicia, por estar pouco integrada no tecido socioeconómico e interesada só na procura de enerxía e man de obra baratas e na socialización dos seus custos ambientais, hoxe tampouco parecen concebir unha Galicia sen Alcoa e defenden unha tarifa eléctrica galega inferior á actual para, entre outras cousas, tornar máis atractivo o noso país a esta e outras industrias intensivas en consumo eléctrico. Alúdese para iso á nosa condición de país exportador de electricidade pero sosláiase que ese feito asenta na importación de carbón para as térmicas das Pontes e de Meirama,  cuxa continuidade tamén se quere garantir tanto como a de Alcoa e outras industrias, pois todas serían “estratéxicas”.
Tumblr media
En palabras de Xoán Doldán, profesor da Facultade de Ciencias Económicas da USC e presidente de Véspera de Nada e mais da Asociación de Economía Ecolóxica en España, “daquela falábase da sociedade galega, do país e contra os intereses alleos, hoxe fálase de Alcoa e, a través dela, dos supostos beneficios para o país, chegándose a argumentar que con esta tarifa máis baixa outras industrias intensivas en consumo enerxético –de enclave– podía verse atraídas por este motivo e virían a instalarse a Galiza (sic). O máis curioso de todo isto é que parte dos que antes demandaban unha cousa agora demandan outra aparentando pedir o mesmo” (15).      
Os esforzos por manter a produción de alúmina e de aluminio primario en Galicia semellan condenados ao fracaso máis cedo ou máis tarde. A produción de alúmina tende a desprazarse desde os  países desenvolvidos aos ricos en bauxita. E a de aluminio tamén se afasta da maioría dos países occidentais, presionada polos custos enerxéticos (e no futuro talvez tamén polos do CO2), trasladándose  a China, Rusia, Canadá, Brasil, Australia, Oriente Medio e, ultimamente, India e algunhas partes do sureste asiático.  China, India e Brasil consomen hoxe a maior parte do aluminio primario, aínda que a súa demanda por habitante segue a ser moi inferior á dos países occidentais (16).  
A nivel mundial, o futuro do aluminio non vai ser unha repetición sen fin das brillantes últimas décadas. O declive enerxético e a mudanza climática imporán límites á súa produción e consumo. A transición cara a un modelo enerxético 100% renovábel requeriría de moito aluminio e doutros metais e a iso debería destinarse unha boa parte da produción futura.  Noutros ámbitos, coma a construción ou o envasado, debería perder protagonismo en favor de materiais menos impactantes. Por outro lado,  imponse  acabar co sobreconsumo por parte da “clase consumidora” mundial de moitos produtos que empregan o aluminio, así como maximizar a reciclaxe, moito menos intensiva en consumo enerxético que a produción a partir de bauxita.
@xoseveiras
Notas
1. De Guinea importamos 3.747.000 toneladas durante 2014. Só de Indonesia a economía galega importou unha cantidade maior: 4.114.000 toneladas. Datos obtidos en Data Comex (http://datacomex.comercio.es).
2. Alén de electricidade, tamén se consomen directamente cantidades importantes de combustíbeis fósiles. A electricidade cobre “só” o 56% de todo o consumo enerxético da industria galega de produtos non férreos, representada fundamentalmente por Alcoa, segundo se sinala no libro “Contaminación atmosférica en Galiza”, de Ramón Varela (Baía Edicións, 2004).
3. Una de cada 10 empresas de Wall Street es ‘pecadora’, según S&P.  El Pais, 6 de setembro de 2015.
4.http://cambioclimatico.cmati.xunta.es/novas?content=/Portal-Web/Contidos_cambio/Novas/nova_0016.html
5. Alcoa encadeza diez condenas judiciales por contaminar su entorno. Economía digital, 13 de agosto de 2014.
6. Estudio del flúor en suelos del entorno de Alúmina-Aluminio de San Ciprián (Lugo). Jorge Fernández, C et al. Comunicación ao VII Simposio Nacional sobre Control de la Degradación y Restauración de Suelos. Bilbao, xuño de 2015.
7. Así se recolle nos informes sobre a calidade do aire no Estado español durante os anos 2011, 2012, 2013 e 2014 elaborados por Ecoloxistas en Acción baseándose en datos oficiais, neste caso nos obtidos na rede de medición da calidade do aire da propia empresa Alcoa.
8. Laria: la Xunta secuestró el informe medioambiental porque dañaba a Alcoa.   Asturias Hoy.es, 17 de setembro de 2015.
9.  Sirenas avisarán de emergencias en la balsa de lodos rojos de Alcoa o el embalse de río Covo. La Voz de Galicia, 22 de outubro de 2013
10. Información recollida do Inventario de Balsas realizado por este instituto dependente do Ministerio de Economía e Competitividade. Información actualizada no ano 2002.
11.Guinea's agriculture and mining sectors strive to complement not compete. The Guardian, 21 de xuño de 2013.
12. Concretamente o 25,9% durante 2010, isto é, un 26,3% mais que o consumo eléctrico dos fogares ou un 3,9% máis que todo o sector servizos. Datos recollidos en El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010, de Xoán Doldán e Sebastián Villasante (FUHEM ecosocial, 2015).
13. El problema de la industria no es la interrumpibilidad, es el mercado. Jorge Morales. el periódicodelaenergía.com, 7 de setembro de 2015.
14. El coste real de la energía. Estudio de los pagos ilegítimos al sector eléctrico español 1998-2013. Observatori del Deute en la Globalització. Barcelona, 2015.
15. Aclarando conceptos sobre Alcoa, a tarifa eléctrica e os supostos excedentes enerxéticos. Xoán Doldán. Web de Véspera de Nada, outubro de 2012.
16. The Global Aluminium Industry. 40 years from 1972. Carmine Capri. World Aluminium, 2013.
0 notes