Recuperar e afondar na capacidade de imaxinar axudaranos a pensar e concibir novas posibilidades. Con esta idea de base é polo que nace o Gabinete de Imaxinación Política. Un espazo híbrido no que, a través da combinación de arte e das tecnoloxías sociais, colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais se doten de recursos para acadar maiores cotas de autonomía, capacidade creativa e resiliencia.
Don't wanna be here? Send us removal request.
Text
Charla-obradoiro Occupy academia?: sacar a investigación do armario con Mafe Moscoso
Que é o primeiro que nos vén á cabeza cando pensamos na palabra investigación? Que ocorre se sacamos o método da universidade e trasladámolo ás nosas comunidades de afecto, prácticas políticas, pedagóxicas e estéticas? Xa non é posible seguir pensando que a investigación é só cousa de académicxs e que non nos pertence. Indagar, cuestionar, pensar, preguntar ou ollar na realidade que nos rodea ou aquilo que nos apela, é unha práctica na que se produce certo tipo de coñecementos do mundo que, ao non ser científicos, non son recoñecidos nin validados (porque son perigosos, divinos e marabillosos). Coñecementos que son lumes e formas post-humanas de soñadora materia. As formas de facer investigación son amplas e transcenden as metodoloxías académicas que deixaron a imaxinación e a poesía fóra das súas prácticas. O transdisciplinar, o transhumano, o raro ou o mutante abren novos camiños na exploración doutras maneiras de achegarnos ao mundo, poñendo en cuestión a división entre quen pensa e quen é pensado, os suxeitos e os obxectos, dentro e fóra, maxia e ciencia, real e ficción, o centro e as periferias.
Con charla-obradoiro Occupy academia?: sacar a investigación do armario coordinada por Mafe Moscoso buscamos atender a esas formas de investigación insospeitadas a través das cales xeramos coñecementos á vez que producimos conexións improbables e inesperadas. O encontro divídese en dous partes. A primeira consiste nunha charla introductoria sobre varias cuestións ligadas á post-academia, a decolonialidade do coñecemento e o indisciplinamento da ciencia e a segunda, un taller da elaboración de auto-biografías no que se reconstrúe os fitos da memoria máis importantes que, desde a infancia, pon en xogo unha serie de vínculos establecidos entre a investigación e a vida.
A sesión terá lugar o mércores 19 de setembro co seguinte programa:
19:00 - 20:00 (sala central)_Charla Occupy academia: sacar a investigación do armario
20:00 - 21:00 (Hall de entrada)_Obradoiro de memoria e afectación:
* Infancia e emoción: elaboración dun pequena auto-biografía.
* Mapa colectivo
* Lume e experiencias de investigación fora da aula: decolonizar as metodoloxías.
O encontro será conducido por Mafe Moscoso investigadora independente, migrante e transdisciplinar, Doutora en Antropoloxía (Freie Universität Berlin) e Docente en BAU e a UOC. Escribe en distintos formatos e medios e é autora do libro Biografía para uso de los pájaros: infancia, memoria y migración” (IAEN, 2013) e dirixe o seminario “Etnografía a lo bruto: un opening de datos muy salvaje“ (Intermediae, MATADOIRO) e é mediadora do Campus de investigación experimental sobre arte e cultura do proxecto UCMM (Intermediae, Matadoiro). Forma parte do grupo de investigación Sympoiesis (Hangar) e Mediaccions (UOC).
Esta iniciativa enmárcase dentro do Gabinete de Imaxinación Política, espazo híbrido no que, a través da combinación de arte e das tecnoloxías sociais, colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais poidan dotarse de recursos para acadar maiores cotas de autonomía, capacidade creativa e resiliencia.
2 notes
·
View notes
Video
vimeo
E que foi o Gabinete de imaxinación Política?
Aqui tedes más info
1 note
·
View note
Text
Descarga o Manual para o traballo en colectivo. Imaxinar para transformar
No Gabinete de Imaxinación Política preguntámonos como a imaxinación pode axudarnos a soñar outros micro mundos onde revertir as desigualdades contemporáneas e como, a través da ensoñación, os colectivos ou grupos informais poden gañar autonomía. Nun momento no que, cada vez máis, os lazos sociais están rotos ou mercantilizados, cómpre tecer e reforzar procesos de cooperación social. Estamos convencidas de que para isto podemos atopar grandes oportunidades a través do uso de ferramentas que posibilitan combinar prácticas sociais e artísticas.
A través deste MANUAL PARA O TRABALLO EN COLECTIVO. IMAXINAR PARA TRASFORMAR ofrecemos exemplos de prácticas e ferramentas que poidan servir de inspiración para outros grupos, para outras comunidades de interese e aprendizaxe que constitúen os comúns urbanos emerxentes: desde asociacións veciñais a grupos de consumo, das cooperativas ás redes informais e das plataformas cidadás aos colectivos profesionais.
O primeiro que che propoñemos a través deste manual é facer unha pequena autoavaliación dos elementos e prácticas que se dan no teu grupo co CUESTIONARIO DE AUTOAVALIACIÓN PARA GRUPOS e que pode ser unha reflexión que che sirva como de punto de partida.
A continuación, baixo o epígrafe PROCESOS GRUPAIS. Ideas e ferramentas para coidar o grupo, colocamos algunhas cuestións, extraídas de teorías diversas en torno ao estudo dos grupos humanos, que nos parece importante ter en conta para entender a súa complexidade e poder acompañalos e reforzalos.
No punto ARTE E ACTIVISMO. Prácticas artísticas ao servizo do colectivo recollemos algúns exemplos de experiencias e colectivos que incorporan a dimensión artística como parte das dinámicas grupais e comunitarias.
Por último, no capítulo PRÁCTICAS DESDE O SUR. Aprendendo doutras experiencias, achegámonos a outras realidades, neste caso á da comunidade zapatista, como convite e recoñecemento da importancia de ampliar o noso foco, de ollar cara outras maneiras de facer, inspirándonos e aprendendo das praxes doutros contextos xeográficos, culturais e/ou sociopolíticos.
Todo o demais que botes en falta é sinal do moito que temos que aprender neste camiño longo e incerto da transformación social. Imaxinemos como transitalo xuntas e xuntos da mellor maneira posible.
PODES DESCARGALO AQUI
1 note
·
View note
Text
Presentación Manual para o traballo en colectivo. Imaxinar para transformar
O xoves 25 de xaneiro ás 18:00h presentamos na sede de Ecos do Sur o Manual para o traballo en colectivo. imaxinar para transformar. Esta presentación aberta terá lugar na rúa Aaiun n2 baixo na Coruña.
O Manual nace do intercambio e do cruce de saberes da comunidade de aprendizaxe na que se constituíu o Gabinete de Imaxinación Política. A nosa vontade é contribuír a estender a cultura da participación e dos coidados dentro dos colectivos, compartir recursos e metodoloxías para poder, como grupos humanos, imaxinar outros mundos posibles, necesarios, máis xustos e acolledores.
O Manual parte dunha pequena autoavaliación dos elementos e prácticas que se dan nos grupo e que servir como reflexión de de partida. A continuación, baixo o epígrafe PROCESOS GRUPAIS. Ideas e ferramentas para coidar o grupo, colocamos algunhas cuestións, extraídas de teorías diversas en torno ao estudo dos grupos humanos, que nos parece importante ter en conta para entender a súa complexidade e poder acompañalos e reforzalos. No punto ARTE E ACTIVISMO. Prácticas artísticas ao servizo do colectivo recollemos algúns exemplos de experiencias e colectivos que incorporan a dimensión artística como parte das dinámicas grupais e comunitarias. Por último, no capítulo PRÁCTICAS DESDE O SUR. Aprendendo doutras experiencias, achegámonos a outras realidades, neste caso á da comunidade zapatista, como convite e recoñecemento da importancia de ampliar o noso foco, de ollar cara outras maneiras de facer, inspirándonos e aprendendo das praxes doutros contextos xeográficos, culturais e/ou sociopolíticos.
O Manual editase baixo licencias creative commons e poderase descargar de balde a partir dese mesmo xoves. O traballo foi escrito a varias mans, entre elas Andrea Rico de Rexenerando Coop, Fran Quiroga e Daniel Palleiro, do deseño encargouse Nadina Bértolo, e contou coa asistencia do resto dos membros do Gabinete de Imaxinación Política.
Se queres coñecer de primeira man en que consiste este manual e a utilidade que pode ter para colectivos e grupos esperámoste o xoves 25 ás 18:00 na sede de ecos do Sur.
2 notes
·
View notes
Text
Unha pasarela precaria e unha conversa para a imaxinación achegaranse á realidade das migracións a primeira fin de semana de decembro na Coruña
As persoas migrantes son portadoras de memorias que se adoitan borrar, son memorias subalternizadas pois pertencen a persoas que os novos lugares que ocupan no norte global converten en mera forza de traballo, así o explica a investigadora e antropóloga Mafe Moscoso. Moitas desas persoas veñen a ocupar, a soster espazos de coidado como o traballo do fogar.
Aproximadamente 2.000.000 de persoas adican a súa forza de traballo ao emprego doméstico. É urxente continuar a xerar espazos nos que avanzar na transformación das condicións inxustas e precarias ás que se enfrontan. Un exemplo é o feito se que Estado non teña asinado o Convenio 189 sobre as traballadoras e os traballadores domésticos da OIT e que, entre outros dereitos, recoñecería o dereito ao desemprego das empregadas do fogar. Desde o Gabinete de Imaxinación Política queremos pór enriba da mesa estas e outras cuestións polo que promovemos, na primeira fin de semana de decembro, unha “Conversa para a imaxinación” e unha “Pasarela Precaria”.
A Conversa será conducida por Mafe Moscoso, investigadora independente e transdisciplinar e doutora en Antropoloxía pola Freie Universität Berlin. A investigadora ecuatoriana, actualmente residente en Barcelona camiñará polas migracións do Sur ao Norte e “polos movementos que poñen a circular as cuestións do alén e do aquí, da mistura. Da circulación de saberes, alimentos, gustos, formas de ver o mundo e, por suposto, dos corpos. A Conversa para Imaxinar, que leva o título Decolonizar a memoria: cos paxaros ou co recordo dos seus paxaros, todos migran, terá lugar na Fundación Luis Seoane o venres 1 de decemebro ás 19h. Continuando con esta liña de traballo o 3 de decembro ás 13:00 na rúa Barcelona, diante do mercado das Conchiñas, terá lugar a Pasarela Precaria. Da man de Territorio Doméstico achegarémonos “tendencias”, desde os clásicos á mais actuais, no emprego doméstico. Con esta acción, este colectivo madrileño configurado como espazo de encontro, relación, coidado e loita de mulleres, a maioría migrantes, procura defender os dereitos das empregadas do fogar e reivindicar a súa importancia. A Pasarela Precaria, á que está convidada a participar quen o desexe, quere ser un espazo no que mostrar a realidade da vida cotiá de moitas das traballadoras que se enfrontan non só á invisibilidade senón tamén á falta de dereitos laborais. Para aquelas persoas que desexen participar, o punto de encontro será ás 11:00h na sede da entidade colaboradora, Ecos do Sur, situada na rúa Aaiun ás 11:30h. Esta iniciativa enmárcase dentro do Gabinete de Imaxinación Política, proxecto que obtivo financiamento a través do CoLab, un espazo de produción e de prototipado de coñecemento impulsado pola Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello de A Coruña. O Gabinete de Imaxinación Política procura recuperar á imaxinación como unha das nosas formas de traspasar as desigualdades contemporáneas, ou canto menos pensar en como facelo. A través do Gabinete estase a tecer unha comunidade de aprendizaxe na que co-deseñar, co-crear e co-facer un proceso que procura pór o foco nos xeitos en que os colectivos ou grupos sociais poden gañar en autonomía nos seus procesos colectivos. Estes encontros coinciden coas Xornadas “Unha Europa para as persoas desde unha perspectiva decolonial” organizadas pola Concellería de Igualdade e Diversidade e que terán lugar na Domus o sábado 2 de decembro. Nelas analizaranse as posibilidades de construción de estratexias de actuación dende o ámbito local fronte as discriminacións por razón de orixe, raza, relixión, identidade ou orientación sexual.
0 notes
Text
As migracións, os corpos e as memorias a debate o 1 de decembro
O Gabinete de Imaxinación Política procura recuperar á imaxinación como unha das nosas formas de traspasar as desigualdades contemporáneas, ou canto menos pensar en como facelo. A través do Gabinete estase tecenndo unha comunidade de aprendizaxe, coas que co-facer un proceso co que procuramos ver como os colectivos ou grupos sociais poden gañar en autonomía nos seus procesos colectivos.
O seguinte chanzo neste camiño son as Conversas para Imaxinar, se na primeira sesión tivemos a oportunidade de conversar con Jaron Rowan, nesta ocasión farémolo con Mafe Moscoso, investigadora independente e transdisciplinar, asi como doutora en Antropoloxía (Freie Universität Berlin). Entre outros, publicou o libro "Biografía para uso de los pájaros: infancia, memoria y migración" (IAEN, 2013). e dirixe o seminario "Etnografía a lo bruto: un opening de datos muy salvaje“ (Intermediae, MATADERO).
Coa investigadora ecuatoriana, actualmente residente en Barcelona camiñaremos polas migracións do Sur ao Norte e deses movementos que poñen a circular as cuestións do alén e do aquí, da mistura; da circulación de saberes, alimentos, gustos, formas de ver o mundo e de corpos por suposto. As persoas migrantes son portadoras dunha serie de memorias que adoitan borrase, son memorias subalternas porque esas persoas simplemente vense como forza de traballo. Mais, e como se pregunta a investigadora e activista Que pasa coas súas memorias? O seu desarraigo e añoranza pode ter un potencial político?. Disto e moito máis e do que falaremos na Conversa para Imaxinar que leva o título Decolonizar a memoria: cos paxaros ou co recordo dos seus paxaros, todos migran. e que terá lugar na Fundación Luis Seoane o venres 1 de decemebro ás 19h.
E continuando co esta liña de traballo o 3 de decembro ás 13:00 na rúa Barcelona, diante do mercado das Conchiñas, terá lugar a Pasarela Precaria, co apoio de Territorio Doméstico, con quen abordaremos as “tendencias” no emprego do servizo doméstico
Esta iniciativa enmarcase dentro do Gabinete de Imaxinación Política, proxecto que obtivo financiamento a través do CoLab, un espazo de produción e de prototipado de coñecemento impulsado pola Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello de A Coruña.
info en:
http://colab.coruna.gal/
https://gabinetedeimaxinacion.tumblr.com/
0 notes
Text
Taller de dereitos para empregadas do fogar o 18 de novembro
Continuando coa liña de traballo en torno á comunidade de empregadas do fogar de atender e problematizar á realidade cotía na que se inserta ese traballo, propoñemos realizar un novo Taller de Dereitos que terá lugar o sábado 18 de novembro ás 16:30 na sede da ONG Ecos do Sur, situado na Rúa Aaiún n 2.
Neste Taller, no que contaremos con servizo de atención de nenos e nenos, contaremos coa presenza de Carlos Villar asesor xurídico en cuestións de estranxería da ONG Ecos do Sur, con quen abordaremos cuestións xurídicas. Tamén nos acompañará Silvia, Zohra, e Rocío, quen nos contarán o proecto Ecolimp http://www.ecolimp.net/ un proxecto empresarial de limpeza con valores. Ademáis Antía Perez Caramés do grupo de investigación ESOMI da UDC analizará algúns proxectos que se están dando no Estado de empoderamento destas comunidades a través de proxectos cooperativos e autónomos. Á vez o encontro servirá para preparar a Pasarela Precaria que terá lugar o 3 de decembro e coa que contaremos coa participacion de Territorio Doméstico, colectivo de empregadas do fogar que nos acompañou o 15 de outubro.
Este encontro está aberto á participación e quere ser un lugar de encontro, un espazo no que xuntarse e falar e no que facilitar lazos sociais entre todas as persoas que participen. A liña de traballo en torno á comunidade de empregadas do fogar é unha das misións do Gabinete de Imaxinación Política que conta co apoio do CoLab. Este espazo híbrido procura combinar a arte e as tecnoloxías sociais como ferramentas coas que contribuír para que colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais incorporen nas súas prácticas e poidan acadar maiores cotas de autonomía, capacidade creativa e resiliencia.
Se queres máis info podes escribir a [email protected]
0 notes
Text
Institucións excéntricas e saberes raros a debate o 17 de novembro
O Gabinete de Imaxinación Política procura recuperar á imaxinación como unha das nosas formas de traspasar as desigualdades contemporáneas, ou canto menos pensar en como facelo. A través do Gabinete estamos tecendo unha comunidade de aprendizaxe coas que estamos co-facendo un proceso co que procuramos ver como os colectivos ou grupos sociais poden gañar en autonomía nos seus procesos colectivos.
O seguinte chanzo neste camiño son as Conversas para Imaxinar, e para comezar teremos a compañía de Jaron Rowan, coordinador da Unidad de Investigación e Doutoramento da BAU, Centro Universitario de Diseño en Barcelona e ten escritos os libros Cultura libre de Estado, ou Emprendizajes en Cultura. Con esta Conversa chamada Institucións excéntricas e saberes raros, preténdese atender ás novas materializacións de espazos de producción de coñecemento, dos cruces raros ou das diferentes metodoloxías coas que podemos achegarnos aos obxectos de estudo. Repensar e imaxinar outras formas de investigar é unha forma de xerar espazos autónomos de coñecemento.
A conversa terá lugar na Fundación Luis Seoane o venres 17 de novembro ás 17h. e de entrada libre e aberta a todas as persoas interesadas en pensar outras formas de de investigar.
A seguinte Conversa para Imaxinar terá lugar no mesmo espazo, o venres 1 de decembro e contaremos coa presenza de Mafe Moscoso, coa que falaremos de Decolonizar a memoria: cos paxaros ou co recordo dos seus paxaros, todos migran.
0 notes
Text
Segundo encontro do grupo de autocoidados para mulleres empregadas do fogar o domingo 5
O pasado 15 de outubro desde o Gabinete de Imaxinación Política promovemos o primeiro Obradoiro de Autocoidados para Empregadas do Fogar da man do colectivo Territorio Doméstico. Ademais dun espazo no que compartir experiencias, no obradoiro abordáronse as diferentes problemáticas coas que se enfrontan na súa cotidianeidade as persoas que traballan neste ámbito. Co obxectivo de poder continuar afondando nesta realidade e imaxinar posibles respostas ás necesidades deste colectivo, propoñemos a realización dun segundo encontro co que seguir a tecer lazos e crear sinerxías co fin de articular un nodo de traballo sobre autocoidados das empregadas do fogar na Coruña.
Esta sesión terá lugar no local da ONG Ecos do Sur, situado na Rúa Aaiún nº 2, este domingo 5 de novembro ás 11:30. A sesión é aberta a todas as persoas interesadas en crear un grupo de traballo sobre autocoidados e por iso animámosvos a participar nun encontro que será mediado por Lúa Clara Bretón Guerra, psicóloga e imaxinadora do Gabinete, e que contará tamén coa presenza de membros do grupo ESOMI da Universidade de A Coruña.
A liña de traballo sobre autocoidados de empregadas do fogar é unha das misións do Gabinete de Imaxinación Política que conta co apoio do CoLab. Este espazo híbrido procura combinar a arte e as tecnoloxías sociais como ferramentas coas que contribuír para que colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais incorporen nas súas prácticas e poidan acadar maiores cotas de autonomía, capacidade creativa e resiliencia.
Se queres máis info podes escribir a [email protected]
0 notes
Text
Convocatoria aberta para colectivos: Acompañamento na análise de necesidades grupais
Convocatoria aberta dirixida a colectivos/asociacións/comunidades de propietarios e grupos humanos en xeral que desexen explorar as súas dinámicas grupais a través de ferramentas de Facilitación e xestión grupal. Trátase de achegarse desde outra óptica á realidade do grupo e as súas dinámicas internas, identificar necesidades e coñecer enfoques e ferramentas coas que mellorar a calidade democrática e asi gañar en saúde grupal e autonomía. Trataranse aspectos como a gobernanza e a toma de decisións, a organización de reunións máis efectivas, a resposta aos retos grupais ou a expresión da voces de todas persoas involucradas.
A través desta Convocatoria seleccionarase a un colectivo/grupo que poderá desfrutar dun espazo de mentorización e acompañamento nos que achegarnos a:
- Autodiagnose das necesidades grupais e definición de liñas de traballo.
- Pílulas formativas para a saúde grupal.
- Arte, imaxinación e creatividade ao servizo do grupo.
A mentorización terá lugar no mes de novembro e desenvolverase ao longo de 3 sesións. As datas serán acordadas por representantes do colectivo/grupo e a coordinación do Gabinete de Imaxinación Política, proxecto impulsor desta convocatoria.
O proceso de mentorización será levado a cabo principlamente por Andrea Rico, educadora social, especialista en facilitación de grupos e parte da cooperativa Rexenerando que ten traballadoademais como mediadora en proxectos artísticos con museos como o CGAC, o MARCO ou MUSAC, e contará co apoio do resto de membros do Gabinete.
Inscripcións
Todas aqueles grupos/colectivos interesados en participar na Facilitación dos seus procesos grupais debe enviar un email a [email protected] indicando no asunto: Mentorización.
No email deben adxuntar unha breve bio do grupo/colectivo (non máis de 50 palabras) e unha pequena carta de motivación (non máis de 200 palabras) de por que cren que está mentorización pode beneficiar ao seu colectivo/grupo.
O prazo está aberto ata o 27 de outubro.
Comité de selección
A selección do colectivo/grupo que terá oportunidade de desfrutar de mentorización será levada a cabo polo grupo de traballo do Gabiente de Imaxinación Política.
Se tes dubidas, podes enviar un email a [email protected]. Tes tamén máis información en https://gabinetedeimaxinacion.tumblr.com/
0 notes
Text
Obradoiro de autocoidados para Traballadoras do Fogar
O próximo domingo 15 de outubro e dende as 11:00h ás 13:00h. terá lugar un obradoiro de Autocoidados para Traballadoras do Fogar no local da Asociación Veciñal Agra do Orzán situado na rúa Entrepeñas, 38, na Coruña. A través deste encontro procuramos ter un lugar no que compartir inquedanzas arredor dos coidados e especialmente para aquelas persoas que traballan como empregadas do fogar. Trátase dun obradoiro que combinará música e demais dinámicas coas que poder xuntarnos e pensar en conxunto. O taller é gratuito e aberto á participación de todas as persoas interesadas.
O encontro será dinamizado polo colectivo Territorio Doméstico, colectivo que tal e como sinalan na súa web http://territoriodomestico.net/ é un espazo de encontro, relación, coidado e loita de mulleres.Está formado na súa maioría por migrantes e o seu traballo camiña polo recoñecemento dos dereitos das traballadoras do fogar, a dignidade e a valoración dun traballo nun sistema que devalúa os coidados e os invisibiliza, mais que son imprescindibles para o sostemento de todas a nosas sociedades, de ai o lema que usan”porque sen nos non se move o mundo”.
Esta iniciativa enmárcase dentro do Gabinete de imaxinación Política, un espazo de pensamento e acción que procura atender á imaxinación como forma de facer novos mundos. Dende o Gabinete iremos desenvolvendo diversas iniciativas ao longo deste trimestre co obxectivo final de editar un manual que sirva para que colectivos, ou asociacións poidan mellorar a súa gobermanza interna grazas as ferramentas que dispoñibiliza a facilitación grupal e a creación contemporánea.
0 notes
Text
Convocatoria aberta a imaxinadoras/es
Convocatoria aberta a colaboradoras/es para participar na co-creación dun Gabinete de Imaxinación Política
O Gabinete é un espazo híbrido no que, a través da combinación de arte e tecnoloxías sociais, os colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais se doten de recursos para acadar maiores cotas de autonomía, capacidade creativa e resiliencia.
Obtivo o apoio do CoLab da Coruña e desenvolverase ao longo do 2017.
Prazo aberto ata o 20 de setembro
A través desta Convocatoria seleccionaremos a 5 imaxinadoras/os coas que crear unha comunidadee de aprendizaxe e co-crear xuntas o Gabinete de imaxinación Política.
Obxectivos do Gabiente de imaxinación Política
Crear unha comunidade de aprendizaxe en torno á potencia na hibridación da facilitación e a arte contemporánea.
Crear un espazo no que misturar saberes que impulsen unha mellora na autonomía dos grupos/colectivos.
Dotar de ferramentas grupais a colectivos sociais.
Qué é o Gabinete de imaxinación Política
A través deste Gabinete, apelamos a crear en común ferramentas e dispositivos cos que dotármonos dunha maior autonomía política. Por este motivo, combínanse ferramentas derivadas da facilitación e xestión de grupos con dispositivos que veñen do mundo da arte e da creación contemporánea.
A interdisciplinariedade e o impulso de comunidades de aprendizaxe serán dous dos eixos de acción do Gabinete de Imaxinación Política que nace como un desexo, como un soño, como a manifestación da necesidade de abrir espazos de encontro nos que poder compartir en común desexos e diversas praxes na construción de novas relacións sociais máis horizontais.
A través do Gabinete atenderemos a prácticas artísticas colaborativas, a relación entre arte e comunidade, ás novas formas de activismo mediante a internet, así como as ferramentas que proveñen do eido da facilitación de grupos. Con esta mistura búscase tecer un lugar de encontro participativo e aberto no que co-crear ferramentas e aprendizaxes coas que a cidadanía sexamos quen de posibilitar proxectos, tanto asociativos como cooperativos, máis autónomos, imaxinativos e resilientes.
Como poñen de manifesto investigacións e praxes sobre os comúns, cada vez son menos os espazos de socialización que temos. É urxente, por tanto, poñernos a pensar e construír novos espazos nos que poder imaxinar outros escenarios que faciliten outros modos de facer e ensanchar a democracia. Co Gabinete de Imaxinación Política apelamos a cuestións como: ten un potencial transformador a hibridación entre eidos da facilitación e artísticos? É posible desde a imaxinación construír colectivos máis autónomos? Ou mellorar a calidade democrática é ampliar a autonomía das comunidades?
Actividade previstas
Ao longo deste 2017 sucederanse obradoiros, realizaranse exercicios de mediación con diversos colectivos, e finalizarase coa edición dun manual de activación de colectivos. As imaxinadoras que participen nesta comunidade de aprendizaxe poderán acompañar e co-diseñar as accións que engloba o Gabinete de imaxinación Política, a adicación non superaría a de dúas horas cada quince días.
Perfil das persoas imaxinadoras
A través desta convocatoria queremos buscar colaboradoras/es coas que desenvolver o Gabinete, trátase dun espazo aberto á imaxinación, polo que se procuran perfís creativos e orientados á innovación social e con interese nas cuestións de incidencia social. Procuramos artistas, psicólogos/as, antropólogos/as, activistas e calquer persoa interesada na aposta pola imaxinación como forma de facer comunidade.
Inscripcións
Todas aquelas persoas interesadas en participar no Gabinete de Imaxinación Política deben enviar un email a [email protected] indicando no asunto: Gabinete de Imaxinación
No email deben adxuntar unha breve bio (non máis de 50 palabras) e unha pequena carta de moivación (non máis de 200 palabras)
Comité de selección
A selección de imaxinadoras/es será levada a cabo polo coordinador do Gabinete Fran Quiroga, a experta en facilitación grupal, Andrea Rico e Antía Perez Carames e Belen Fernández, investigadoras do grupo ESOMI da UDC. Na selección atenderase ao carácter innovador e creativo, asi como procurar un grupo con perfís transdiciplinares.
A selección de personas participantes farase pública o 22 de setembro na https://gabinetedeimaxinacion.tumblr.com/ e se lle enviará un email a todas as persoas que enviasen a súa candidatura
0 notes
Photo
Reunión inicial do CoLab, pronto máis novedades
1 note
·
View note
Text
Abrimos un Gabinete para imaxinadorxs
A innovación social é unha das capacidades coas que contamos, como cidadanía, para ser quen de construír respostas perante retos sociais. Un dos grandes poderes que temos para iso é a capacidade de imaxinar, de pensar como facer novos procesos, de soñar novas realidades. Mais semella que o racionalismo non atende ao potencial da imaxinación por non ser produtiva. Cómpre, por tanto, recuperar este potencial e ser quen de vindicar a forza da imaxinación como ferramenta de praxes de autonomía cidadá.
Propoñemos impulsar un Gabinete de Imaxinación Política como un lugar de encontro entre artistas, activistas e a propia universidade na que tecer unha serie de encontros e metodoloxías cos que potenciar ás propias comunidades de aprendizaxe á hora de construír as súas propias ferramentas. A través deste Gabinete, apelamos a crear en común ferramentas e dispositivos cos que dotármonos dunha maior autonomía política. Por este motivo, combínanse ferramentas derivadas da facilitación e xestión de grupos con dispositivos que veñen do mundo da arte e da creación contemporánea.
A interdisciplinariedade e o impulso de comunidades de aprendizaxe serán dous dos eixos de acción do Gabinete de Imaxinación Política que nace como un desexo, como un soño, como a manifestación da necesidade de abrir espazos de encontro nos que poder compartir en común desexos e diversas praxes na construción de novas relacións sociais máis horizontais.
A través do Gabinete atenderemos a prácticas artísticas colaborativas, a relación entre arte e comunidade, ás novas formas de activismo mediante a internet, así como as ferramentas que proveñen do eido da facilitación de grupos. Con esta mistura búscase tecer un lugar de encontro participativo e aberto no que co-crear ferramentas e aprendizaxes coas que a cidadanía sexamos quen de posibilitar proxectos, tanto asociativos como cooperativos, máis autónomos, imaxinativos e resilientes.
Como poñen de manifesto investigacións e praxes sobre os comúns, cada vez son menos os espazos de socialización que temos. É urxente, por tanto, poñernos a pensar e construír novos espazos nos que poder imaxinar outros escenarios que faciliten outros modos de facer e ensanchar a democracia.
Co Gabinete de Imaxinación Política apelamos a cuestións como: ten un potencial transformador a hibridación entre eidos da facilitación e artísticos? É posible desde a imaxinación construír colectivos máis autónomos? Ou mellorar a calidade democrática é ampliar a autonomía das comunidades?
0 notes